Por esta resolución convócase a poxa para o alleamento de madeiras dos lotes que se citan no anexo, e de acordo co disposto no Decreto 244/1998, do 24 de xullo da Consellería de Medio Ambiente, e na Orde da Consellería de Medio Ambiente do 8 de setembro de 1998 (DOG do 16 de setembro).
A celebración da poxa terá lugar no salón de actos da Delegación Provincial da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, rúa Florentino L. Cuevillas, nº 4-6 baixo de Ourense.
Para esta poxa rexerán as ordes antes citadas e mailos pregos de condicións técnico-administrativas xerais e particulares destas que figuran no expediente correspondente no Servicio de Montes e Industrias Forestais de Ourense, sito na rúa Curros Enríquez, 1-7º desa cidade, onde poderán ser examinados polos interesados a partir do día da publicación no DOG da presente resolución.
As ofertas poderanse presentar -durante os vinteseis días naturais seguintes ó da publicación no DOG da presente resolución- no rexistro da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente de Ourense ou en calquera das formas legalmente establecidas.
A apertura das proposicións será realizada pola mesa de contratación, que se reunirá ás once horas do noveno día hábil, que non cadre en sábado, contados a partir do termo do prazo de presentación das ofertas.
Cada licitador presentará dous sobres pechados para cada oferta. O sobre A coa documentación administrativa e o sobre B coa oferta económica.
O sobre A, que contén a documentación administrativa, poderá ser único para tódalas poxas que se celebran ante a mesa e na mesma sesión.
Deberá conte-la seguinte documentación:
1. Acreditación da personalidade xurídica do empresario e, se é o caso, a súa representación.
2. Os resgardos acreditativos de que están constituidas as fianzas provisionais, 2% do prezo de taxación, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas.
3. Declaración responsable de non estar incursa en prohibición de contratar, consonte os artigos 15 a 20 da Lei 13/1995, de contratos das administracións públicas.
4. Os que acrediten a cualificación empresarial do licitador.
5. Os que acrediten encontrarse ó día do cumprimento das obrigacións tributarias e da Seguridade Social impostas nas disposicións vixentes.
No caso de que o licitador estea dado de alta no Rexistro Xeral de Contratistas da Comunidade Autónoma deberá indicar na parte exterior do sobre o seu número, e incluír copia da inscrición da empresa no dito rexistro e os resgardos acreditativos das fianzas provisionais.
O sobre B recollerá a proposición económica e presentarase no modelo normalizado que se encontra ó dispor dos interesados no Servicio de Montes e Industrias Forestais de Ourense. Cada un dos lotes deberá figurar nun sobre «B» individual.
O adxudicatario constituirá a fianza definitiva do 4% do prezo de adxudicación dentro dos vinte días seguintes ó da data na que regulamentariamente se lle comunique que a adxudicación é definitiva,
Dentro dese mesmo prazo deberá aboar:
1. O importe total do remate ou o importe do primeiro prazo, segundo se indique no prego de condicións particulares de cada poxa.
2. O importe das taxas.
3. Os gastos proporcionais deste anuncio.
4. Os demais que se establezan nos pregos particulares de aproveitamento.
O adxudicatario deberá aboar, ademais das cantidades expresadas no anuncio, a porcentaxe que corresponda, segundo o réxime especial ou xeral que aplique a propiedade do monte, en concepto de IVE.
Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2001.
P.D.
José Luis Aboal García-Tuñón
Secretario xeral da Consellería de Medio Ambiente