Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Luns, 19 de marzo de 2001 Páx. 3.436

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 1 de marzo de 2001 pola que se convocan axudas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia sostidos con fondos públicos, que participen en estadías e intercambios con centros educativos doutros países para favorece-la aprendizaxe activa de linguas.

A aprendizaxe das linguas estranxeiras é unha das necesidades que máis se manifesta desde tódolos ámbitos sociais. Esta necesidade vai profundamente ligada ó progreso científico e tecnolóxico. As industrias e os especialistas constitúen redes de comunicación que ignoran as fronteiras lingüísticas e nacionais. Así, o aumento das relacións internacionais, a mobilidade laboral e a circulación das ideas e da información está provocando unha forte demanda social en favor da aprendizaxe das linguas estranxeiras, de tal xeito que mesmo o número de linguas que os cidadáns dun determinado país dominan constitúe un indicador importante do seu grao de desenvolvemento. Por outra parte, a mellor protección contra tódalas formas de racismo e de xenofobia lógrase mediante o coñecemento e a experiencia directa da realidade dos outros e mediante a mellora das capacidades de comunicación.

Por todo isto, o Comité de Ministros do Consello de Europa advirte dos perigos que poden derivarse da marxinación das persoas que non posúan as competencias necesarias para comunicar nunha Europa interactiva.

En consecuencia, a necesidade de mobilidade laboral e de acceso á información, así como a importancia da tolerancia e da compresión mutuas fan das capacidade reais de comunicar sen fronteiras lingüísticas un elemento indispensable da formación de todo cidadán. Por iso, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria iniciou no curso 1999/2000 un plan de potenciación da aprendizaxe das linguas estranxeiras nos colexios de educación infantil e primaria e nos institutos de educación secundaria.

A experiencia demostra que a estadía nos países dos que se estudia a lingua constitúe un medio moi eficaz de progreso na adquisición desa lingua e da súa cultura.

Dado que a colaboración con centros educativos doutros países resulta fundamental como medio eficaz de facilita-lo desenvolvemento de capacidades do alumnado a nivel lingüístico e profesional e que as axudas económicas procedentes de programas da Unión Europea resultan insuficientes para atende-la forte demanda dos centros da nosa Comunidade Autónoma, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria convoca axudas para a realización de intercambios e estadías co fin de posibilitar que, tanto os centros de educación primaria como os de educación secundaria e os que imparten ensinanzas de réxime especial, poidan organizar programas de inmersión, máis breves no caso da educación primaria, para que ó longo da súa escolaridade o alumnado chegue a alcanzar en varias linguas un nivel de competencia comunicativa adecuado.

En consecuencia co anteriormente exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse axudas dirixidas a alumnos e profesores de centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, sostidos con fondos públicos, que participen en estadías e intercambios de alumnos con centros educativos doutros países, para a aprendizaxe activa das linguas durante o ano 2001.

As axudas concederanse con cargo á partida orzamentaria 07.04.322T.480.0 por importe total máximo de 75.000.000 de pesetas.

Segundo.-Destinatarios.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos e profesores a través dos centros que se indican: colexios de educación infantil e primaria; colexios de educación primaria; centros públicos integrados; institutos de educación secundaria; escolas oficiais de idiomas; instituto galego de bacharelato a distancia e centros colaboradores; conservatorios de música; escolas de artes, centros privados concertados e centros de educación permanentes de adultos.

Terceiro.-Modalidades de axudas.

1. Visitas preparatorias do profesorado responsable da estadía de alumnos no centro receptor doutro país, co obxecto de facilita-los acordos de colaboración entre os centros e a preparación axeitada do proxecto.

2. Visitas de estudio do profesorado responsable de proxectos co fin de garanti-la súa continuidade.

3. Proxectos de aprendizaxe activa de linguas a través de estadías de alumnos en centros educativos estranxeiros, intercambios bilaterais centro a centro ou encontros multilaterais de distintos grupos de alumnos nun país estranxeiro, que teñan como obxectivo o aumento da motivación dos estudiantes no que respecta á aprendizaxe dunha lingua estranxeira e á súa utilización como medio de comunicación.

Cuarto.-Requisitos.

1. Estas actividades deberán estar integradas na programación do curso e ser aprobadas polo Consello

Escolar. O seu obxectivo básico será o intercambio cultural, o achegamento lingüístico e o perfeccionamento profesional e poderán solicitarse sempre que o centro non teña ningunha axuda concedida na convocatoria de intercambios do Ministerio de Educación e Cultura, na acción Comenius 1.2 (proxectos lingüísticos), ou noutras convocatorias similares á actividade para a que solicita axuda.

2. As visitas preparatorias e de estudio contarán cunha axuda variable en función do país, e serán realizadas por un só profesor de cada centro educativo. Poderá autorizarse a participación doutro profesor en casos moi excepcionais e que estean debidamente xustificados.

3. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas comprenderán as actividades realizadas ó longo do curso, que culminarán na viaxe dos alumnos. As viaxes deberán ter unha duración non inferior a dez días.

4. As axudas máximas por alumno/profesor en concepto de reintegro de gastos de transporte, mantenza e aloxamento en función de se é un intercambio ou unha visita preparatoria , concederanse de acordo cos módulos que figuran no anexo II.

5. Na valoración das solicitudes, daráselles prioridade ós proxectos que contemplen a realización de actividades lectivas conxuntas durante o desenvolvemento do proxecto, como actividades específicas de aprendizaxe da lingua do país que se visita, así como a participación no plan experimental de potenciación de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, no plan da anticipación da primeira lingua estranxeira en educación infantil e primaria, nas seccións europeas e no programa That's English.

6. Os proxectos de aprendizaxe activa de linguas deberán contar cun número mínimo de dez alumnos, que estarán acompañados durante a viaxe e a estadía por un mínimo dun profesor do centro ou centros solicitantes, podendo chegar a tres se o número de alumnos supera os trinta. Non obstante, a dirección xeral poderá autorizar en casos excepcionais e debidamente xustificados un número inferior de alumnos. Non poderán participar alumnos de educación infantil, e no caso de alumnos de educación primaria, un dos profesores poderá ser substituído por un representante da Asociación de Pais de Alumnos.

Quinto.-Solicitudes.

1. Convócanse tres períodos de presentación de solicitudes: o primeiro no prazo de vinte días hábiles contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, o segundo ata o 30 de abril e o terceiro desde o 2 de maio ó 29 de xuño. Reservarase un 50% do importe total das axudas para o primeiro prazo, un 30% para o segundo e un 20% para o terceiro, sendo acumulable o orzamento excedente de cada período para o seguinte.

2. As solicitudes seguirán o modelo establecido no anexo I desta orde e irán acompañadas da documentación que se indica a continuación:

2.1. Axudas para visitas preparatorias e de estudios.

-Orzamento da viaxe.

-Proposta de proxecto do centro galego, co visto e prace do director.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

2.2. Axudas para viaxes de alumnos para a aprendizaxe de lingua estranxeira:

-Proxecto pedagóxico da viaxe, que incluirá os obxectivos e as actividades de aprendizaxe realizadas durante o curso no propio centro, así como as actividades que se van realizar no centro receptor. Estas deberán estar relacionadas co traballo desenvolvido polos alumnos durante o curso escolar, das que se achegarán mostras acompañando á documentación. As ditas mostras poderanse presentar en soporte fotográfico ou vídeo.

-Certificado do director de que a actividade está recollida na programación do centro e está autorizada polo Consello Escolar.

-Declaración xurada do director na que se fará consta-la contratación dunha póliza de seguros que cubra o desprazamento e estadía dos alumnos no estranxeiro.

-Autorización do pai, nai ou titor legal para a participación do alumno nesta actividade. A autorización será solicitada polo director e quedará en poder do centro.

-Modalidade de aloxamento e tipo de transporte que se utilizará.

-Calendario da viaxe no que se indiquen as datas de saída e chegada do grupo.

-Nome do profesor coordinador e dos profesores acompañantes, materias que imparten e situación administrativa que teñan no centro.

-Listaxes dos alumnos participantes no intercambio.

-Orzamento detallado dos gastos por conceptos con indicación dos derivados do aloxamento, segundo as modalidades de acollida, do transporte ó país que se visita, así como doutros gastos previstos. Deberase indica-lo custo global por alumno e o custo global por grupo.

-Documento de aceptación do centro receptor.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Sexto.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes asinadas polo director do centro dirixiranse á Dirección Xeral de Ordenación Edu

cativa e Formación Profesional, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria (San Lázaro, 15771 Santiago de Compostela), e presentaranse a través do rexistro xeral. Tamén poderán utilizarse para a presentación de solicitudes calquera das dependencias previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que optasen por presenta-la súa solicitude nunha oficina de correos, farano en sobre aberto para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de ser certificada.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, aquelas solicitudes que non acheguen os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou acompañe os documentos preceptivos; de non o facer considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente

Sétimo.-Comisión de selección e criterios de valoración dos proxectos.

As solicitudes serán avaliadas por unha comisión de selección integrada polos seguintes membros:

Presidenta: a subdirectora xeral de Formación Profesional e Educación de Adultos ou persoa na que delegue.

Vocais: o xefe do Servicio de Educación de Adultos e Xestión Económica, o xefe do Servicio de Formación do Profesorado, o xefe do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa, a xefa do Servicio de Formación en Empresas e Orientación Laboral e un inspector educativo ou persoas nas que deleguen.

Secretario/a: un/unha funcionario/a da subdirección xeral.

A comisión reunirase en tres ocasións durante o ano e seleccionará os proxectos tendo en conta os seguintes criterios:

a) Non ter recibida esta axuda en anteriores convocatorias.

b) A calidade do proxecto pedagóxico e a súa realización co máximo de aproveitamento, así como a metodoloxía empregada.

c) Centros situados en zonas rurais ou desfavorecidas.

d) Ter solicitada e non concedida axuda Comenius 1.2 (proxectos lingüísticos), ou Leonardo para a mesma actividade, sempre que cumpra os requisitos de calidade do proxecto.

e) A acollida familiar como modalidade de aloxamento.

A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación de subvencións e elevará ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá o que proceda.

Oitavo.-Comunicación.

A concesión ou denegación da axuda seralle notificada directamente ó centro escolar pola Dirección

Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional. Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os centros docentes sostidos con fondos públicos considéranse entidades colaboradoras para a entrega e distribución das axudas concedidas ós beneficiarios, debendo someterse ás obrigas recollidas no citado artigo.

As solicitudes entenderanse denegadas de non dictarse resolución expresa no prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Noveno.-Prazos dos pagamentos.

Para as axudas que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas, no momento da concesión poderá acordarse un anticipo de pagamento de ata un 80%, logo de aceptación da subvención. O 20% restante librarase unha vez finalizada e xustificada a actividade. Nas axudas que superen esta cantidade o pagamento realizarase integramente unha vez rematada a actividade.

Décimo.-Xustificación da actividade.

Logo de efectuada a viaxe, o centro docente, como entidade colaboradora da xestión de axudas públicas, deberá, de acordo co establecido no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, tramita-la seguinte documentación no prazo máximo dun mes:

-Certificación do Consello Escolar do centro aprobatoria das contas, xuntando unha relación dos gastos efectuados. As facturas orixinais dos referidos gastos arquivaranse no centro docente para a súa custodia e para a posta en disposición, se é o caso, dos órganos de control que teñan atribuídas as funcións de comprobación e control da aplicación deses fondos.

-Xustificación da totalidade do custo da viaxe de acordo cos datos indicados no orzamento inicial. O importe da subvención nunca poderá superar illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se

estableza. No caso de que o custo final sexa inferior ó inicialmente previsto deberase minora-la axuda concedida en proporción á axuda xustificada.

-Memoria do traballo realizado durante a estadía no país de acollida, que deberá ser presentada un mes despois do remate da actividade. A memoria estará acompañada dun certificado do director do centro no que se faga consta-lo nome e número do DNI do profesor responsable do proxecto, dos profesores que o acompañaron na viaxe e dos alumnos participantes.

-Os proxectos e traballos realizados polos centros seleccionados quedarán en poder da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional que reserva para si o dereito de difundi-los traballos realizados en función da súa orixinalidade e pasando a formar parte dos fondos documentais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Certificación de ter ou non ter subvención ou axuda para a mesma finalidade procedente de calquera outra Administración ou ente público.

Décimo primeiro.-Modificación da resolución de concesión das axudas.

A non xustificación da axuda percibida conforme o disposto nesta orde levará consigo o reintegro das cantidades non xustificadas de acordo co establecido nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Décimo segundo.-Recoñecemento das actividades realizadas.

Esta actividade terá a consideración de actividade de innovación educativa ó amparo do punto 14.1º da Orde do 13 de decembro de 1994 (DOG do 13 de xaneiro de 1995) sobre o procedemento de recoñecemento das actividades de promoción do funcionario de carreira docente non universitario. A Dirección Xeral de Ordenación Educativa e de Formación Profesional expedirá a certificación correspondente ó profesorado participante unha vez presentada a memoria correspondente e recibido o informe favorable.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las disposicións necesarias no desenvolvemento desta orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2001.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO II

Baremos económicos

Intercambiso lingüísticos

Distancia en kmPaísesImporte máximo por alumnoImporte máximo por profesor

Ata 1.000Portugal22.000 pesetas (132,22 euros)50.000 pesetas (300,51 euros)

De 1.000 a 3.000Francia40.000 pesetas (240,40 euros)70.000 pesetas (420,71 euros)

De 3.000 a 6.000Italia, Reino Unido, Alemaña50.000 pesetas (300,51 euros)80.000 pesetas (480,81 euros)

De 3.000 a 6.000Dinamarca, Irlanda, República Checa55.000 pesetas (330,56 euros)85.000 pesetas (510,86 euros)

De 6.000 a 8.000Grecia, Romanía, Suecia, Finlandia60.000 pesetas (360,61 euros)90.000 pesetas (540,91 euros)

Máis de 10.000EEUU, Canadá 70.000 pesetas (420,71 euros)100.000 pesetas (601,01 euros)

Visitas preparatorias/visitas de estudio

PaísesImporte máximo

Portugal40.000 pesetas (240,40 euros)

Francia100.000 pesetas (601,01 euros)

Inglaterra, Italia, Países Baixos, Alemaña, Bélxica126.000 pesetas (757,28 euros)

Dinamarca, República Checa, Irlanda, Hungría133.000 pesetas (759,35 euros)

Suecia, Noruega, Finlandia, Grecia, Romanía150.000 pesetas (901,52 euros)

Outros paísesAta 200.000 pesetas (1.202,02 euros)