Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 07 de marzo de 2001 Páx. 2.862

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 26 de febreiro de 2001 pola que se anuncian as axudas económicas destinadas a subvenciona-la realización de obras de construcción e rehabilitación das sedes das entidades locais de Galicia.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, de conformidade co establecido no artigo 8 do Decreto 161/2000, do 29 de xuño compételle, entre outras materias, o relativo ás relacións coas corporacións locais, relacións que ó abeiro dos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, poderán ser de colaboración e cooperación económica e revesti-las formas de subscrición de convenios e concesión de subvencións.

Tendo en conta isto, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais pretende continuar co seu labor de colaboración coas entidades locais de Galicia na mellora da calidade da vida local, regulando, por medio da presente orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas destinadas á realización de obras de construcción e rehabilitación das sedes das entidades locais.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Convócanse subvencións destinadas á realización de obras de construcción e rehabilitación das sedes das entidades locais de Galicia.

Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 13.05.760.0, programa 123.A, ata unha contía máxima de douscentos oitenta e seis millóns catrocentas once mil pesetas (286.411.000 pesetas), correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o 2001.

2. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia que teñan menos de 30.000 habitantes, circunstancia que se acreditará de acordo co establecido no artigo 4º desta orde.

3. Poderanse subvencionar:

a) Obras de construcción de nova planta naquelas casas do concello nas que, polas condicións de ruína ou avanzada deterioración do edificio, sexa aconsellable a súa reposición, ou, en todo caso, obra nova.

b) Obras que supoñan a rehabilitación integral de edificios que vaian ser dedicados a sede da entidade local.

c) Obras de reparación de tellados, calefacción e/ou servicios sanitarios, así como as obras complementarias e incluso obras menores dentro das citadas sedes.

d) Outras obras de acondicionamento de inmobles que, sen formaren parte da casa do concello, vaian dirixidos á prestación de servicios que sexan competencia da entidade local, incluídos os xulgados de paz.

e) Compra de inmobles ou bens axeitados para ampliación ou localización das sedes das entidades locais.

Artigo 2º

A axuda económica que se conceda poderá alcanzar como máximo o 80% do total do orzamento presentado. No suposto de producírense baixas de licitación, as cantidades que resultasen sobrantes poderán dedicarse a subvencionar reforma ou modificación da obra inicialmente subvencionada, logo de solicitude da entidade local interesada.

Artigo 3º

No caso de obras que, por disposición municipal teñan carácter plurianual, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá comprometerse a subvencionar outras fases da execución da obra, con suxeición ás limitacións contidas no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo.

Artigo 4º

1. As entidades locais que desexen acollerse ó beneficio desta orde presentarán instancia dirixida ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, segundo modelo que figura como anexo I desta orde, no rexistro xeral das delegacións provinciais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no da propia consellería ou por calquera outro dos medios a que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de trinta días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. A entidade local peticionaria achegará coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo adoptado polo órgano competente da entidade local pola que se aproban as obras que se van realizar e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na presente orde.

b) Memoria xustificativa da necesidade das obras para as que se solicita subvención, con expresión da fase, se é o caso, a que corresponda.

c) No caso de construcción dun novo edificio, o proxecto da obra que se vai realizar e certificación

da secretaría xeral da corporación, referida á titularidade e disposición da entidade local sobre o terreo onde se pretende construí-la nova sede da entidade local.

No caso de que a obra que se vaia subvencionar sexa obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas unicamente será esixible o orzamento detallado, sen prexuízo da existencia de proxecto cando as normas específicas así o requiran.

d) Certificación do secretario xeral do concello, co visto e prace do alcalde, na que se faga consta-la poboación de dereito que figura no padrón de habitantes do concello a data do 31 de decembro de 2000; así mesmo, farase constar que esta cifra non supera o límite máximo establecido no artigo 1º desta orde.

e) Fotografías da sede da entidade local que incidan especialmente nas zonas onde se proxecta a realización das obras para as que se solicita subvención, ou se é o caso do correspondente soar.

f) Declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos.

3. O defecto na solicitude seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Administración Local desta consellería, e concederáselles un prazo de dez días para corrixi-los erros ou omisións. Se transcorrido ese prazo non se producise a corrección, as peticións serán arquivadas conforme o disposto na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 5º

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Administración Local que lle elevarán o correspondente informe ó director xeral, quen elevará proposta de resolución ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, podéndose materializa-las ditas axudas, a través de convenios de colaboración subscritos pola consellería con cada unha das entidades beneficiarias.

Artigo 6º

Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-A necesidade das obras que se van realizar, apreciadas en razón da súa urxencia, en canto ó estado material e ás condicións de uso do actual edificio da sede da entidade local.

-As cantidades que o concello achega, xa sexa con cargo a fondos propios ou procedentes doutras administracións para a execución das obras respecto das que solicita a subvención.

-Realización de instalacións anexas ou ampliacións que supoñían unha racionalización do espacio dispoñible e que ó mesmo tempo evite a construcción de obras que supoñían novas sedes de casas do concello.

-O incremento do cadro de persoal do concello que determine a xustificación de obras de ampliación.

-Fomentaranse aqueles proxectos de construcción e rehabilitación tendentes a logra-la accesibilidade e á supresión de barreiras, así como a mellora das condicións de seguridade e hixiene nas que o cadro de persoal do concello desenvolva o seu traballo.

-Data e contía da subvención anterior para obras no mesmo concello.

Artigo 7º

1. A resolución seralles notificada a tódolos beneficiarios da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de seis meses contados desde a publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen perxuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da citada lei.

2. Contra esta resolución, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 8º

A tramitación e adxudicación das obras será realizada polas entidades locais conforme a súa propia normativa, dándolle conta deste acto á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, mediante certificación expedida polo secretario xeral da corporación.

Artigo 9º

1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos co obxecto concreto para o que foron concedidos. A Dirección Xeral de Administración Local poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

2. As entidades locais beneficiarias da subvención, presentarán inescusablemente, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (Dirección Xeral de Administración Local), as xustificacións orixinais ou copias cotexadas, por triplicado, antes do 15 de outubro de 2001 mediante certificación de obra no modelo oficial que se publica como anexo II desta orde, con relación valorada, tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local, acompañada da correspondente certificación, relativa ó acordo de aprobación pola corporación expedida polo secretario dela.

No caso de que a obra sexa obxecto de contratación ó abeiro dos artigos 56 e 121 do Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas só será esixible a remisión da factura correspondente, acompañada da correspondente certificación, relativa ó acordo de aprobación pola corporación expedida polo secretario dela.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o peticionario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

3. O beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

4. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme os xustificantes, proporá o libramento dos fondos.

5. As cantidades que resultasen sobrantes por causa de renuncia ou non presentación das certificacións correspondentes por parte das entidades locais beneficiarias poderán dedicarse a subvencionar outras obras de entidades locais que presentaron solicitude de subvención ó abeiro da presente orde.

6. Transcorrido o prazo establecido no parágrafo 2º sen ter presentadas as correspondentes certificacións poderase entender que o concello renuncia

á subvención, podendo esta consellería utiliza-lo dito crédito en beneficio doutros posibles beneficiarios.

Artigo 10º

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se establece o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º

No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais anulará os beneficios concedidos, e conforme o disposto no artigo 78.5º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houbese, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento que establece o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; e, se procede, instruirá expediente sancionador, conforme o previsto no citado decreto.

Artigo 12º

Os solicitantes ós que non lles fose concedida a subvención disporán dun prazo de trinta días naturais, contados a partir da resolución, para retira-la documentación presentada. Transcorrido este prazo, arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Administración local para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de febreiro de 2001.

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións

Laborais