Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 28 de febreiro de 2001 Páx. 2.558

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 47/2001, do 16 de febreiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra número 122, Plan de Obras e Servicios 2000 Trabada, alargamento e mellora da estrada provincial Trabada-Sante-A Ría de Abres, do punto quilométrico 0 ó punto quilométrico 1,500 (concello de Trabada).

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión que tivo lugar o día 21 de xullo, aprobou o proxecto da obra número 122, Plan de Obras e Servicios 2000 Trabada. Alargamento e mellora da estrada provincial Trabada-Sante-A Ría de Abres, punto quilométrico 0 ó punto quilométrico 1,500, e na sesión do 30 de outubro de 2000, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

A Deputación Provincial de Lugo remitiu a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 1 de febreiro de 2001.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu á información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data do 26 de decembro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala a deputación a urxencia das obras vén dada polo interese social que supón a dotación de comunicacións adecuadas a esta zona do territorio provincial coa mellora e alargamento das case obsoletas vías provinciais, xa que suporía contar cun instrumento de maior axilidade para a consecución duns obxectivos que en definitiva redundan en beneficio dos veciños da zona que son os primeiros interesados na execución da obra, así como tódolos usuarios da estrada.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra número 122, Plan de Obras e Servicios 2000 Trabada. Alargamento e mellora da estrada provincial Trabada-Sante-A Ría de Abres, punto quilométrico 0 ó punto quilométrico 1,500.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais