Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 41 Martes, 27 de febreiro de 2001 Páx. 2.526

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 9 de xaneiro de 2001, da Dirección Xeral de Industria, pola que se declara de utilidade pública e se aproba o proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV de entrada e saída en Cartelle da liña Castrelo-Velle, nos termos municipais de Castrelo de Miño e Cartelle, na provincia de Ourense. (Expediente IN407A 00/48-3 A.T.).

Examinado o expediente instruído a pedimento da empresa Red Eléctrica de España, S.A. (en diante Red Eléctrica) con enderezo para efectos de notificación en Paseo do Conde de los Gaitanes nº 177; La Moraleja; Alcobendas; 28109 Madrid, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 4 de maio de 2000 a citada empresa solicita a autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV. De entrada e saída en Cartelle da liña Castrelo-Velle, nos termos municipais de Castrelo de Miño e Cartelle (Ourense); presenta o preceptivo proxecto de instalacións a que fan referencia os artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e a relación concreta e individualizada de bens e dereitos afectados pola instalación que determina o artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

As características técnicas básicas da instalación son as seguintes:

-Liña aérea de alta tensión a 220 kV, en dobre circuíto, en conductor dúplex raíl (AW) e cable de fibra óptica sobre torres metálicas de celosía, derivada desde a liña propiedade de Unión Fenosa, S.A. Castro-Velle a partir do seu apoio nº 5 o nº 10 comparte os apoios da L.A.T. a 400 kV entrada saída en subestación Cartelle da liña Castrelo-Pazos e final na subestación de 220 de Cartelle. Lonxitude total: 4.063 m, lonxitude da liña compartida: 1.881 m. Orzamento: 98.833.000 pesetas.

Segundo.-A Delegación Provincial de Ourense someteu o citado proxecto de instalacións, xunto coa relación de bens e dereitos afectados, a trámite de información pública mediante Resolución do 8 de maio de 2000, publicada no DOG do 5 de xuño de 2000, BOP de Ourense do 2 de xuño de 2000, o diario La Región de Ourense do 16 de maio de 2000, en extracto no BOE do 29 de xuño de 2000, nos taboleiros de anuncios dos concellos de Castrelo de Miño e de Cartelle e na delegación provincial; así mesmo, a delegación provincial notificou individualmente a mencionada solicitude a cada un dos interesados que figuran na dita relación e, no caso de titulares descoñecidos ou de enderezo ignorado, deu traslado das actuacións ó Ministerio Fiscal.

Separadamente presentáronse aquelas partes do proxecto que afectan a bens, instalacións, obras ou servicios, centros ou zonas dependentes doutros ouganismos públicos ou corporacións, co fin de que, se é o caso, establecesen o condicionado procedente.

Terceiro.-Durante o período en que se someteu a trámite de información pública, non de presentaron alegacións.

Cuarto.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu o informe favorable da Delegación Provincial de Ourense, comprobándose mediante inspección sobre o terreo, seguindo o trazado proposto para a instalación desta liña, que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume de paso, non se dan as prohibicións previstas no artigo 25 nin conxuntamente as limitacións do artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro, o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, modificado polo Decreto 181/1999, do 21 de xuño, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, o Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 10/1966, do 18 de marzo, sobre expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico.

Segundo.-O proxecto cumpre o disposto no Decreto 3151/1968, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de liñas elétricas de alta tensión e, en concreto, nos seus artigos 5º e 6º.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas

RESOLVE:

1. Autoriza-la liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV de entrada e saída en Cartelle da liña Castrelo-Velle, nos termos municipais de Castrelo de Miño e Cartelle (Ourense).

2. Declara-la utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica, o que implica a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3. Aproba-lo proxecto de execución da instalación eléctrica que se cita.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

Santiago de Compostela, 9 de xaneiro de 2001.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria