Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 40 Luns, 26 de febreiro de 2001 Páx. 2.449

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se lle outorga a Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas canalizado, no termo municipal de Ribadeo (Lugo). (Expediente 00/2-0-G).

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Repsol Butano, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na praza da Palloza nº 3-2º, A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data 24 de xaneiro de 2000, a empresa Gas Directo, S.A., solicitou ó amparo da

Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Ribadeo (Lugo), e para o seu efecto presentou o perceptivo proxecto das instalacións obxecto da autorización a que fai referencia o artigo 10 do Decreto 2913/1973.

Segundo.-De conformidade co establecido no citado Decreto 2913/1973, a Dirección Xeral de Industria, dictou Resolución do 3 de febreiro de 2000 pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa de referencia, que se publicou no DOG do 18-2-2000, no BOP de Lugo do 23-2-2000 e nos diarios La Voz de Galicia e El Progreso do 18-2-2000, presentándose proxecto en competencia, para a distribución de gas propano canalizado, por parte da empresa Repsol Butano, S.A.

As características básicas das instalacións dos mencionados proxectos son as seguintes:

Gas Directo, S.A.:

-Ramal de subministración:

Parte do gasoducto Llanera-Tui de Enagás, S.A onde se construiría unha estación de regulación e medida de 72/16 bar. O ramal que ten unha lonxitude de 6.740 metros en aceiro de 4'', conecta cun armario de regulación e medida cerca do núcleo urbano, que alimenta as redes de distribución.

-Redes de distribución:

A rede de distribución é en MPB (4 bar), en entubado de polietileno, que discorren soterradas por beirarrúas e calzada de dominio público, cunha lonxitude total do encanamento de 8.335 m.

O orzamento ascende á cantidade de 143.844.090 pesetas.

Repsol Butano, S.A.:

-Centro de almacenamento:

Composto por catro depósitos para G.L.P., aéreos, de 49,5 m de capacidade unitaria, dotado de equipos de vaporización, regulación e transvase axeitados, así como instalacións auxiliares de electricidade e protección contra incendios.

-Redes de distribución:

Realizarase unha rede de distribución en M.P.B., en entubado de polietileno coas súas correspondentes válvulas de seccionamento, que fóra do centro de almacenamento discorrerá soterrada por zonas públicas e disporá das acometidas necesarias para dar servicio ós distintos edificios. Será deseñada para a súa intercambiabilidade con gas natural.

A lonxitude total do encanamento é de 13.918 m.

O orzamento ascende á cantidade de 230.164.480 pesetas.

Con data 16 de marzo de 2000, Repsol Butano, S.A. e Gas Galicia, sdg S.A. presentan na Dirección Xeral de Industria escrito conxunto no que se comprometen a inicia-la subministración de gas canalizado, primeiro mediante a distribución de gas propano por parte de Repsol Butano, S.A., e con posterioridade, e unha vez que se constrúan as infraestructuras básicas de gas natural (gasoducto), e sen interrupción da subministración, mediante gas natural por Gas Galicia sdg, S.A.

Terceiro.-A solicitude obxecto deste expediente recibiu o informe favorable da Delegación Provincial de Lugo.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos Decretos 2913/1973, do 26 de outubro e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-Examinados polos servicios técnicos desta consellería os proxectos presentados, estímase que o de Repsol Butano, S.A. é o que presenta maiores vantaxes para os usuarios finais: menor prazo de execución, dada a distancia ó gasoducto; maior lonxitude de rede de distribución; chega a máis usuarios, e menor custo por metro de rede.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

Outorgarlle á empresa Repsol Butano, S.A. a autorización administrativa para o almacenamento e distribución de gas propano comercial, no termo municipal de Ribadeo (Lugo).

A presente autorización administrativa axustarase a cantas prescricións se establecen na Lei 34/1998, do 7 de outubro, no Decreto 2913/1973, do 26 de outubro e a cantas outras disposicións se dictaran ou dicten sobre a subministración de combustibles, así como ás seguintes condicións:

Primeira.-Repsol Butano, S.A. constituirá no prazo de dous meses, contado desde o momento do outorgamento da autorización, unha fianza por valor de 4.603.290 pesetas, importe do 2% do orzamento das instalacións, para garanti-lo cumprimento das súas obrigas, conforme o previsto no artigo 73.4º da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Con

sellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e que será devolta unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-Dentro do prazo de seis meses, contado a partir da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, Repsol Butano, S.A., deberá solicitar á Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, a aprobación do proxecto de execución das instalacións, debendo cumprirse en todo caso, os prazos previstos no proxecto de autorización administrativa, podendo os ditos prazos seren prorrogados por causa xustificada, logo da correspondente solicitude acompañada da xustificación técnica ou a exposición da causa de forza maior causante da demora.

Terceira.-As instalacións e as súas montaxes deberán cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e acometidas de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, e deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable, requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8, letra c), do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

As instalacións receptoras de gas, a partir da acometida, tanto as comúns como as individuais, deberán cumpri-las normas básicas de instalacións de gas en edificios habitados ou, se é o caso, aquelas que as modifiquen ou substitúan.

Cuarta.-O distribuidor deberá manter unha subministración correcta e un adecuado e eficiente servicio de mantemento das instalacións, reparación de avarías, reclamacións e, en xeral, de atención ós usuarios, sendo responsable da conservación e bo funcionamento das instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de venda de gas rexerase polas disposicións vixentes en cada momento sobre a materia.

Sexta.-Repsol Butano, S.A. poderá transferir en calquera momento a autorización, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da autorización.

Sétima.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Lugo coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta orde, así como da inspección das obras e montaxes efectuadas.

Os recoñecementos, ensaios e probas, de carácter xeral ou parcial, que segundo as disposicións en vigor se realizarán nas instalacións obxecto desta autorización deberán ser comunicadas polo distribuidor á citada delegación provincial coa debida antelación.

Oitava.-En casos de incumprimento das obrigas do distribuidor que poidan afectar á continuidade e seguridade do abastecemento, e a fin de garanti-lo mantemento do servicio ós seus usuarios, a Xunta de Galicia poderá acorda-la intervención da correspondente empresa distribuidora, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-los abastecementos.

Novena.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décima.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse, se é o caso, recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa notificación.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria