A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determina que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.
Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.
Conforme o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndenlle a esta consellería, entre outras competencias, as de protección civil.
De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios, agrupacións de voluntarios e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.
A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e trascendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como das necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para o Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Plan Sapraga).
De acordo co exposto, preténdese por medio da presente orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de material de prevención e intervención en praias ós concellos da Comunidade Autónoma galega, segundo se recolle no Plan de Salvamento en Praias de Galicia (Sapraga).
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, co fin de colaborar cos concellos facili
tándolle-lo exercicio das súas competencias na atención e seguridade dos usuarios das praias, cederalle material de prevención e intervención nelas.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán cumpri-los seguintes requisitos:
a) Concellos marítimos de Galicia ou concellos que teñan praias fluviais recoñecidas oficialmente.
b) Que nos seus orzamentos anuais dispoñan dunha cantidade destinada a temas de seguridade e protección civil, especialmente en salvamento de praias.
c) Contratar un número axeitado de socorristas con titulación adecuada.
d) Dispor de medios materiais e recursos humanos para mobiliza-lo material asignado.
e) Dispor de Servicio Municipal de Protección Civil ou, no seu defecto, de Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
Artigo 3º.-Crédito.
Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de 34.500.000 ptas., con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2001.
Artigo 4º.-Solicitude.
1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, de 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e de procedemento administrativo común.
2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:
2.1. Certificados expedidos polo secretario do concello:
a) Certificación, se é o caso, da existencia de Servicio Municipal de Protección Civil.
b) Certificado dos gastos correntes e de investimento considerados nos orzamentos municipais do ano 2001 destinados ás funcións de seguridade e protección civil, principalmente en salvamento en praias.
c) Certificado relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:
-Se acorda solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.
-Se faculta o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas
pola consellería e para asina-lo correspondente convenio ou ampliación deste, no caso de resolución favorable da consellería.
2.2. Memoria asinada polo alcalde, como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen:
-Os riscos potenciais inherentes á utilización das praias no ámbito territorial do concello, indicando as que lle vai dar cobertura.
-Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.
-Ter ou estar elaborando o Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).
-Ter medios de titularidade do concello destinados a misións de protección civil, especialmente ó salvamento en praias.
-Cumpri-los requisitos indicados no artigo 2º, especificando cada un dos epígrafes.
3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndolles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 5º.-Instrucción e resolución.
As solicitudes recibidas e maila súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, que emitirán o correspondente informe.
O director xeral de Interior e Protección Civil, á vista do informe, elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).
Artigo 6º.-Criterios de avaliación.
A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e a avaliación das solicitudes farase tendo en conta as seguintes condicións:
-Criterios xerais:
* Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencia 112 e Plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no sistema de protección civil de Galicia.
* Dispor de servicio de 24 horas no Servicio Municipal de Protección Civil e/ou na Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.
* Riscos potenciais existentes no concello en relación co obxecto desta orde, e participación activa nos últimos anos en plans e operativos de protección civil en situacións de urxencia e emerxencia.
* Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello e, se é o caso, a
agrupación de voluntarios de protección civil, poida mobilizar ante unha emerxencia.
-Criterios específicos:
* Que non dispoñan de embarcación pneumática para misións de protección civil, e de contar xa con algunha, en función das características do concello, considérase que poida ser necesaria unha nova embarcación como apoio da anterior ou a súa renovación.
* Que non dispoñan de material específico de prevención e intervención en praias e, de contar con algún, considerase necesaria a súa renovación ou ampliación.
* Número de praias, para cubrir no Plan Sapraga, con indicación da súa lonxitude e demanda dos usuarios.
* Persoal dedicado ó Plan Sapraga: socorristas titulados, voluntarios, etc.
* Instalacións e sinalización nas praias.
* Praias do concello que obtiveran galardón de bandeira azul.
Artigo 7º.-Notificación.
A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes, ós que se lles concederá a cesión en propiedade do material para o Plan Sapraga, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de non notificarse resolución no prazo de 6 meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Así mesmo, a aqueles concellos ós que non se lles conceda material notificaraselles que foi desestimada a súa petición.
Artigo 8º.-Aceptación.
1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución favorable, para comunica-la aceptación.
2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.
Artigo 9º.-Formalización de cesión.
Asinarase un convenio ou ampliación de convenio Sapraga no que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación do cesionario.
Os gastos de matriculación, seguros, impostos, mantemento, conservación do material cedido e as indemnizacións derivadas das posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal por uso do
material, calquera que sexa a súa contía, correrán a cargo dos concellos.
Artigo 10º.-Control.
Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixase de estalo con posterioridade, se se descoidase ou utilizase con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.
A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión e, de se-lo caso, para a resolución dos expedientes de reversión.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2001.
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais