A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, parágrafo c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determinan que o concello, como entidade básica da organización territorial do Estado, é a vía da participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas (art. 22.2º, parágrafo c), a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.
Así mesmo, a Lei 2/1985, do 21 de xaneiro, sobre protección civil, establece a vinculación voluntaria e desinteresada dos cidadáns á protección civil a través de organizacións que se orientarán, principalmente, á colaboración e apoio en situacións de emerxencia; actitude fundamentalmente desenvolvida polas agrupacións de voluntarios de protección civil, na maior parte dos concellos para poder cumpri-la normativa vixente en materia de protección da súa comunidade veciñal.
Conforme o Decreto 161/2000, do 29 de xuño, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería entre outras competencias, as de protección civil.
De acordo co Decreto 56/2000, do 3 de marzo, polo que se aproban as medidas de coordinación de protección civil no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, a Administración autonómica colaborará na dotación de medios e recursos necesarios á Administración local para a súa actuación en materia de protección civil.
Que, por Resolución do 15 de decembro de 1995, disponse a publicación do acordo da Comisión Galega de Protección Civil pola que se aproba o Plan de Nevaradas en Galicia (Plan Nega), DOG do 18 de xaneiro de 1996.
A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, consciente da magnitude e transcendencia dos valores que están en xogo nas situacións de emerxencia, así como as necesidades que se xeran e os recursos humanos e materiais que é preciso mobilizar, quere dotar de medios axeitados os concellos para o cumprimento dos seus labores en materia de protección civil, para intervención en nevaradas .
De acordo co exposto, preténdese por medio desta orde regula-lo procedemento e requisitos para a cesión en propiedade de materiais para misións de
protección civil ós concellos da Comunidade Autónoma galega.
Por todo isto,
DISPOÑO:
Artigo 1º.-Obxecto.
A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, para colaborar cos concellos na súa misión de protección á súa comunidade veciñal e para equipar cuns medios necesarios á protección civil, cederalles en propiedade material quitaneves ós concellos galegos.
Artigo 2º.-Beneficiarios.
Para poder acceder ós beneficios outorgados mediante esta orde, os concellos deberán dispor e cumpri-los seguintes requisitos específicos:
a) Concellos das provincias de Ourense e Lugo pertencentes ó Plan Nega (Plan de Nevaradas de Galicia).
Concellos de montaña da provincia de Pontevedra e A Coruña con maior índice de risco de nevaradas.
b) Dispor de vehículos axeitados para mobiliza-lo material quitaneves así como de recursos humanos.
Artigo 3º.-Crédito.
Para a consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destinará ata un límite de dez millóns de pesetas (10.000.000 de pesetas), con cargo a aplicación orzamentaria 13.04.231A.623.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o 2001.
Artigo 4º.-Solicitude.
1. Os concellos que desexen acollerse ós beneficios concedidos nesta orde presentarán a súa solicitude, no prazo de quince días hábiles contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, empregando o modelo que se indica no anexo I desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera dos medios previstos no art. 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.
2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos expedidos polo secretario do concello:
a) Certificado relativo ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:
-Acórdase solicita-la cesión en propiedade, regulada na presente orde, aceptando integramente os seus termos e prescricións.
-Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en propiedade nas condicións establecidas pola consellería e para asina-lo correspondente convenio, no caso de resolución favorable da consellería.
b) Memoria asinada polo alcalde como xefe local de Protección Civil, na que se indiquen:
-Os riscos potenciais de nevaradas existentes no ámbito territorial do concello.
3. Os defectos nas solicitudes seranlles notificados ós interesados pola Dirección Xeral de Interior e Protección Civil da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións arquivaranse, de acordo co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 5º.-Instrucción e resolución.
As solicitudes recibidas e a súa documentación serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Interior e Protección Civil, que emitirá o correspondente informe.
O director xeral de Interior e Protección Civil, á vista do informe, elevaralle a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, quen resolverá, procedéndose á súa publicación posterior no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 96 bis do Regulamento de patrimonio da Comunidade Autónoma (introducido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo).
Artigo 6º.-Criterios de avaliación.
A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e na avaliación das solicitudes terase en conta o seguinte:
* Número de colaboracións realizadas, en temas de protección civil, coa Xunta de Galicia, especialmente co Servicio de Emerxencia 112 e Plans de Protección Civil da Comunidade Autónoma de Galicia no sistema de protección civil de Galicia.
* Dispoñer de servicio de 24 horas no Servicio Municipal de Protección Civil e/ou da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil do concello.
* Riscos potenciais existentes no concello e limítrofes en relación co obxecto da orde, e participación activa nos últimos anos do concello en situacións de urxencia e emerxencia.
* Recursos humanos e medios materiais, de titularidade propia, que o concello, e se é o caso a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, poida mobilizar ante unha emerxencia.
* Ter creada ou en trámite de creación a Xunta Local de Protección Civil.
* Ter ou estar elaborando o seu Plan de Emerxencia Municipal (Pemu).
* Cantidade destinada polo concello nos seus orzamentos anuais.
Artigo 7º.-Notificación.
1. A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles concedese a cesión
en propiedade do material quitaneves, na forma prevista no art. 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Conforme o disposto no artigo 44.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Así mesmo, a aqueles concellos ós que non se lles conceda ningún material notificaráselles que foi desestimada a súa petición.
Artigo 8º.-Aceptación.
1. O alcalde do concello ó que se lle concedese material disporá dun prazo de quince días hábiles, contados a partir da recepción da resolución favorable, para comunica-la aceptación.
2. Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la dita resolución.
Artigo 9º.-Formalización de cesión.
Asinarase un convenio no que constará o acordo de cesión en propiedade e a aceptación do cesionario.
Artigo 10º.-Control.
Se o material cedido non se aplicase ó fin sinalado ou deixasen de estalo con posterioridade, se se descoidasen ou utilizasen con grave quebrantamento, ou se incumprisen as condicións que se detallan nesta orde, considerarase resolta a cesión e os bens reverterán á Comunidade Autónoma, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou das deterioracións que experimentasen.
A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais estará dotada de facultades de vixilancia e control, para comproba-lo cumprimento das obrigas que leva aparelladas a cesión, e de se-lo caso para a resolución dos expedientes de reversión.
Disposicións derradeiras
Primeira.-Facúltase o director xeral de Interior e Protección Civil para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.
Segunda.-Será de aplicación supletoria o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.
Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2001.
Antonio Pillado Montero
Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais