Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 20 de febreiro de 2001 Páx. 2.244

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 45/2001, do 1 de febreiro, de refundición da normativa en materia do Camiño de Santiago.

Na exposición de motivos da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, xa se recoñecía a existencia dunha abundante lexislación dispersa e de carácter regulamentario sobre o Camiño e foi a necesidade dunha lexislación integradora de máximo rango a que xerou a promulgación da dita lei.

Facíase preciso, xa que logo, trasladar ó eido regulamentario ese espírito integrador co obxecto de que a estructura organizativa disposta pola Xunta de Galicia para dar satisfacción ó mandado do lexislador de promoción do coñecemento e difusión do patrimonio histórico-cultural ligado ó Camiño de Santiago tivese un axeitado desenvolvemento.

Deste xeito establécese no capítulo I o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, constituído por persoas de prestixio internacional e recoñecida competencia no campo da investigación, promoción e difusión do Camiño de Santiago, como órgano de colaboración coa Consellería Cultura, Comunicación Social e Turismo, a cal dirixirá e coordinará as súas actuacións nesta materia a través da Subdirección da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, unidade á que se dedica o capítulo II, contando tamén para esta tarefa coa empresa de capital público en forma de sociedade anónima recollida no capítulo III, S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

Como mecanismos de actuación axeitados para desenvolve-las competencias asignadas establécense nos capítulos IV ó VI o Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago, o procedemento para a declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago a todas aquelas actividades e proxectos que contribúan efectivamente á promoción del e, finalmente, as normas de utilización dos albergues da rede pública.

En definitiva, refúndese no presente decreto a seguinte normativa:

-Decreto 344/1992, do 26 de novembro, polo que se establecen as normas de utilización da rede de albergues previstas no Plan Xacobeo.

-Orde do 30 de marzo de 1993 pola que se fai pública a rede de albergues do Camiño de Santiago no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, procedéndose á súa actualización.

-Decreto 224/1994, do 2 de xuño, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago, agás o seu artigo 1.

-Decreto 245/1994, do 23 de xuño, polo que se regula o procedemento para que determinadas actividades e proxectos obteñan a declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago.

-Decreto 169/1994, do 2 de xuño, polo que se crea o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, agás o seu artigo 1, e o Decreto 325/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica o anterior.

-Orde do 21 de xaneiro de 1995, pola que se aproba o Regulamento de funcionamento e réxime interior

do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Por todo isto é polo que, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día un de febreiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Capítulo I

Comité Internacional de Expertos do Camiño

de Santiago

Sección primeira

Finalidade, composición e funcións

Artigo 1º.-Finalidade.

O Comité de Expertos do Camiño de Santiago é o órgano de colaboración da consellería competente no relativo ó Camiño de Santiago, nas cuestións que se lle presenten en relación a ese ben, patrimonio da humanidade.

Artigo 2º.-Composición.

1. O comité estará formado por:

a) Nove vocais, designados polo conselleiro que teña atribuídas as competencias relativas ó Camiño de Santiago, entre persoas de prestixio internacional e recoñecida competencia no campo da investigación, promoción e difusión do Camiño de Santiago.

b) Un secretario, que será o xerente de promoción do Camiño de Santiago.

2. O presidente será elixido polos vocais do comité entre os seus membros.

3. Tamén haberá un vicepresidente que será elixido por maioría simple dos seus membros.

4. O cargo de membro do comité non será remunerado.

Artigo 3º.-Funcións.

Son funcións do comité:

a) A análise e investigación dos temas directamente relacionados co Camiño de Santiago.

b) O fomento e publicacións sobre temas xacobeos.

c) A organización de xornadas, congresos, seminarios e simposios que acorde a consellería competente no referente ó Camiño de Santiago, coa finalidade de estudiar e promocionar internacionalmente o Camiño de Santiago.

Sección segunda

Sede e normas de funcionamento interno

Artigo 4º.-Domicilio.

O domicilio do comité fíxase para tódolos efectos na Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago da consellería competente na materia.

Artigo 5º.-Representación.

A representación oficial do comité soamente poderá ser exercida polo presidente. No caso de vacante,

ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o presidente será substituído polo vicepresidente do comité.

Artigo 6º.-Funcións do presidente.

Correspóndelle ó presidente:

a) Acorda-la convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e fixa-la orde do día.

b) Presidi-las sesións e modera-los debates .

c) Dirimi-los empates co seu voto de calidade.

d) Exercer tódalas funcións inherentes á condición de presidente do comité.

Artigo 7º.-Funcións dos vocais do comité.

Correspóndelles ós vocais do comité:

a) Recibi-la convocatoria da reunión, acompañada da orde do día, podendo introducir propostas de temas para a súa inclusión nela, se ben a documentación deberá estar en poder da secretaría do comité cinco días antes de cada sesión.

b) Participar nos debates das sesións exercendo o seu dereito ó voto e expresando o sentido deste, de modo xustificado.

c) Formular rogos e preguntas.

d) Obte-la información necesaria para o desenvolvemento da súa función.

e) Exerce-las demais funcións que sexan inherentes á súa condición.

As funcións inherentes á condición de vocal do comité son indelegables.

Artigo 8º.-Funcións do secretario.

Ó secretario correspóndelle:

a) Asistir ás reunións con voz, pero sen voto.

b) Efectua-la convocatoria das sesións por orde do presidente e cita-los seus membros.

c) Recibi-los actos de comunicación, notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos que teña coñecemento.

d) Redacta-las actas das sesións e despacho de asuntos.

e) Expedir certificacións das consultas ou dos acordos.

f) As demais funcións que lle sexan inherentes á súa condición de secretario.

Artigo 9º.-Quórum de constitución do comité.

Para a válida constitución do comité para efectos de celebración das sesións en primeira convocatoria requirirase a presencia da metade dos seus membros e do presidente e secretario ou persoas que os substitúan, en todo caso.

De non poderen reunirse en primeira convocatoria, por seren insuficientes os membros asistentes, quedará convocada automaticamente para unha hora máis tarde, no mesmo lugar coa mesma orde do día, bastando a asistencia dun tercio dos seus membros

e, en todo caso, do presidente e do secretario ou persoas que os substitúan.

Artigo 10º.-Sesións do comité.

1. As sesións do comité celebraranse na cidade de Santiago de Compostela, se ben con carácter excepcional poderán celebrarse noutras cidades da Unión Europea.

2. Celebrarase unha sesión ordinaria cada trimestre e en cada unha delas fixarase a data da seguinte. As sesións extraordinarias convocaranse por orde do presidente en casos de urxencia ou necesidade.

Artigo 11º.-Convocatorias das reunións.

As convocatorias das reunións efectuaranse sempre por escrito e cunha antelación de quince días naturais para as sesións ordinarias e de cinco días para as sesións extraordinarias. As convocatorias especificarán o día, hora e lugar de celebración da reunión así como a orde do día e irán acompañadas da documentación necesaria para o seu estudio polos membros do comité.

Artigo 12º.-Asuntos fóra da orde do día.

Non poderá ser obxecto de debate ningún tema que non figure na orde do día, agás que por razóns de urxencia e estando presentes tódolos membros do comité, emitan o seu voto favorable por maioría.

Artigo 13º.-Adopción dos acordos.

Os acordos serán adoptados por maioría simple.

Artigo 14º.-Acta das sesións.

De cada sesión que se celebre levantará acta o secretario, especificando os asistentes á reunión a orde do día, circunstancias de lugar e tempo nas que se celebraron, puntos principais da deliberación e contido dos acordos.

Tamén figurarán as solicitudes dos membros do comité, os votos contrarios, as abstencións e os votos favorables.

Os membros que discrepen do acordo adoptado poderán formular voto particular por escrito no prazo de 48 horas, que se incorporará ó texto aprobado.

A acta levantada polo secretario será sometida para a súa aprobación na mesma ou na seguinte reunión do comité.

Artigo 15º.-Certificacións dos acordos.

Os que acrediten a titularidade dun interese lexítimo poderán dirixirse ó secretario para que lles sexa expedida certificación dos acordos.

Artigo 16º.-Comisións de traballo.

Co fin de axiliza-lo traballo do comité e para aproveitar ó máximo o principio de especialidade, estableceranse unhas comisións de traballo compostas, polo menos, por tres membros. Poderán incorporarse a elas outros especialistas que, sen seren membros do comité, pola súa calidade profesional se consideren necesarios para a consecución dos obxectivos das comisións. Estes especialistas terán o carácter de invitados á comisión.

As comisións de traballo que se crearán son as seguintes:

a) Comisión de exposicións.

b) Comisión de publicacións.

c) Comisión de peregrinaxe actual e camiños.

d) Comisión de audiovisuais

O comité, sempre por unanimidade e en razón das súas necesidades, poderá crear calquera outra.

Artigo 17º.-Comisión executiva.

Créase unha comisión executiva para atende-la tramitación de asuntos en casos de urxencia ou necesidade que estará composta polo presidente, o secretario e dous vocais sinalados polo comité.

Capítulo II

Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago

Artigo 18º.-Funcións.

A Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago é o órgano administrativo ó que lle corresponden, directamente ou a través da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, a dirección e coordinación das actuacións da consellería competente na materia en todas aquelas cuestións relativas ó Camiño de Santiago e, especialmente, exercerá as seguintes funcións:

a) A conservación e posta en valor do Camiño de Santiago en Galicia.

b) A promoción do Camiño de Santiago, incluídas as actividades de animación.

c) A xestión da imaxe corporativa do Xacobeo que redunde na promoción do Camiño de Santiago, así como a elaboración e publicación de estatísticas, sen prexuízo das competencias do Instituto Galego de Estatística sobre o Camiño de Santiago e todo aquilo que redunde na promoción do Camiño de Santiago.

d) A coordinación da rede de albergues e o complexo do Monte do Gozo.

e) As relacións do Camiño de Santiago cos concellos de Galicia, coas comunidades autónomas do Camiño de Santiago e os seus concellos, coa Admistración central e demais institucións públicas e privadas, particularmente con institucións relixiosas e asociacións de amigos do Camiño de Santiago.

f) A promoción da artesanía e o deseño relacionados co Camiño de Santiago, así como outras actividades que signifiquen a súa vinculación co Camiño de Santiago e sexan parte complementaria del.

g) A divulgación científica do Camiño de Santiago a través de publicacións, congresos, seminarios, exposicións e outros.

h) A programación da participación da Comunidade Autónoma nas exposicións universais.

Artigo 19º.-Estructura da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

Para o desenvolvemento das súas funcións, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago estructúrase da seguinte forma:

O xerente de Promoción do Camiño de Santiago con rango de subdirector xeral.

O servicio de promoción do Camiño de Santiago, ó que lle corresponden as seguintes funcións:

a) Actividades de delimitación física dos camiños, así como a súa sinalización e información.

b) Recuperación e rehabilitación do trazado físico dos camiños e dotación dos albergues.

c) Accións de dinamización referidas á poboación local dos camiños, incluídas as actividades de animación.

d) Organización de actos culturais de tema xacobeo e elaboración e edición de material informativo e promocional.

e) Accións de promoción e cooperación en relación co tema xacobeo e os camiños de Santiago.

Capítulo III

Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo

Artigo 20º.-Natureza e obxecto.

A empresa S.A. de Xestión do Plan Xacobeo ten forma de sociedade anónima, capital integramente público e está a cargo da Xunta de Galicia.

Constitúen o obxecto da sociedade as actividades relacionadas co Xacobeo que se relacionan nos seus estatutos, entre outras:

a) A conservación, rehabilitación e recuperación do Camiño.

b) A organización dos premios Xacobeo.

c) Contratación, divulgación, promoción e difusión de representacións teatrais.

d) Contratación, divulgación, promoción e difusión de concertos musicais.

e) A promoción da artesanía e o deseño relacionados co Camiño de Santiago.

f) Centro servidor de datos de Galicia.

g) Construcción, mantemento, reparación e xestión da rede de albergues.

h) Os convenios con concellos e institucións relixiosas.

i) A producción cinematográfica e audiovisual.

j) Actos de patrocinio.

As actividades integrantes do obxecto social poderán ser realizadas pola sociedade, xa directamente xa indirectamente, mediante a titularidade de accións ou participacións de sociedades de obxecto idéntico ou análogo, ou mediante calquera outra forma admitida en dereito.

Capítulo IV

Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño

de Santiago

Artigo 21º.-Obxecto.

O Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago dependente da consellería que teña atribuídas as competencias no relativo ó Camiño de San

tiago, ten a finalidade de levar a cabo actuacións conxuntas, facilitar información recíproca e calquera outra forma de colaboración no concernente ó Camiño.

Artigo 22º.-Adscrición funcional e orgánica.

O rexistro adscríbese á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago á que deberán dirixirse as solicitudes de inscrición nel.

Artigo 23º.-Requisitos das entidades.

Para a súa inscrición no rexistro, as entidades solicitantes deberán ter como finalidade, expresamente reflectida nos seus estatutos, a recuperación, conservación e promoción do Camiño de Santiago, así como a difusión da cultura derivada deste.

Artigo 24º.-Voluntariedade da inscrición.

A inscrición no rexistro é, pola súa finalidade, voluntaria, mais será condición indispensable para poder recibi-las subvencións que regulamentariamente se determinen e para o outorgamento de convenios coa consellería competente en materia do Camiño de Santiago.

Artigo 25º.-Libros do rexistro.

No rexistro levaranse os seguintes libros e instrumentos:

a) Libro diario de presentación de documentos.

b) Libro rexistro de inscrición das entidades.

c) Índice alfabético das entidades, no que se indicará o folio rexistral onde consten inscritas.

d) Arquivo no que se conservará un exemplar de tódolos documentos que se presenten.

e) Calquera outro que se coide necesario para o bo funcionamento do rexistro.

Artigo 26º.-Documentación para a inscrición.

1. A solicitude de inscrición no rexistro farase en escrito formulado conforme o modelo que figura no anexo I do presente decreto e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Denominación e domicilio da entidade co número de teléfono e fax de contacto.

b) Escritura de constitución e estatutos nos que deberá acreditarse a finalidade descrita no artigo 23º.

c) Réxime económico e financiamento.

d) Certificado de inscrición no rexistro ou rexistros correspondentes nacionais ou internacionais. No caso de que a entidade solicitante sexa estranxeira, deberá acredita-la súa inscrición ou visado polo fedatario ou organismo competente no seu Estado.

e) Composición do órgano de dirección, con expresión individualizada dos seus membros indicando nome, cargo, DNI, domicilio e teléfono e fax de contacto.

f) Documento acreditativo do CIF ou equivalente no estranxeiro.

g) Memoria xustificativa das actividades desenvolvidas nos últimos anos e proxecto de actividades inminentes no futuro.

2. O encargado do rexistro poderá reclamar dos solicitantes cantos datos e antecedentes coidase necesario para xulgar sobre a procedencia da devandita inscrición.

3. No caso de que as entidades solicitantes figuren inscritas en calquera outro rexistro de ámbito nacional ou internacional, deberán indicar este extremo ó presenta-la solicitude de inscrición.

Artigo 27º.-Inscrición.

1. Presentada a solicitude de inscrición, anotarase a súa presentación no libro diario e o encargado do rexistro procederá, no prazo de cinco días, a examina-la documentación presentada para comprobar se se cumpren os requisitos esixidos polo presente decreto e as disposicións que o desenvolvan.

2. No caso de que a documentación que se presente coa solicitude de inscrición sexa correcta, efectuarase a inscrición no libro rexistro, expedindo unha certificación acreditativa de tal extremo na que conste a data dela e o número de rexistro asignado no prazo de trinta días.

3. De observarse defectos na documentación, daráselle un prazo de trinta días para que se emenden os defectos observados. Transcorrido o dito prazo sen seren corrixidos, a solicitude de inscrición será denegada.

Artigo 28º.-Cancelación.

1. Procederá a cancelación da inscrición no rexistro cando a entidade deixe de cumpri-los requisitos esixidos polo presente decreto e as disposicións que o desenvolvan e, en todo caso, cando se extinga a súa personalidade xurídica ou se disolva a entidade.

2. A cancelación poderase acordar de oficio ou por instancia de parte interesada por resolución do órgano encargado do rexistro logo da instrucción do oportuno expediente no que será oído, en todo caso, o representante legal da entidade, de non ser este quen solicite a cancelación.

Artigo 29º.-Natureza do rexistro.

1. O rexistro é público. A publicidade do seu contido farase mediante manifestación dos seus libros e documentos que constan no arquivo ou mediante certificación expedida polo seu encargado.

2. O solicitante de datos que consten no rexistro deberá acreditar por escrito a súa personalidade e o seu interese especificando os extremos que pretende examinar ou dos que se solicite certificación.

3. Os datos que consten no rexistro poderanse utilizar con fins estatísticos.

Capítulo V

Procedemento de declaración de interese

para a promoción do Camiño de Santiago

Artigo 30º.-Obxecto.

Poderán ser declaradas de interese todas aquelas actividades e proxectos que contribúan á promoción do Camiño de Santiago.

Artigo 31º.-Requisitos.

A declaración outorgarase logo de petición dos seus titulares, xa sexan persoas físicas ou xurídicas, sempre que cumpran os seguintes requisitos:

a) As actividades ou proxectos presentados deberán contribuír directa ou indirectamente á promoción do Camiño de Santiago por calquera medio que deixe constancia da súa importancia, difusión ou coñecemento.

b) Tales actividades poderán ser desenvolvidas non só en Galicia, senón en calquera localidade pola que atravese o camiño, na medida en que reflicten a importancia e consideración do camiño en Galicia como punto final deste itinerario cultural.

c) As actividades deberán ser lícitas e de interese para o camiño.

d) Compromiso expreso dos titulares de facer constar en lugar visible que as súas actividades ou proxectos foron declarados de interese pola consellería competente no Camiño de Santiago.

Artigo 32º.-Inscrición no rexistro.

1. O rexistro no que se inscribirán tódalas actividades e proxectos declarados de interese para a promoción do camiño depende da consellería que teña atribuídas as competencias no referente ó Camiño de Santiago. O rexistro estará adscrito á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago.

2. A solicitude de inscrición no rexistro farase mediante escrito dirixido á Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago e poderá ser presentada en calquera dos centros previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de acordo coas condicións establecidas no dito artigo.

A instancia deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Nome, apelidos ou razón social do solicitante.

b) Enderezo da persoa física ou entidade.

c) Copia do DNI ou CIF.

d) Copia dos estatutos no caso de que o solicitante sexa unha entidade.

e) Memoria explicativa dos proxectos ou actividades que se vaian realizar.

f) Copia do proxecto presentado xuntando fotografías, maquetas, libros, xoguetes, etc..., para os efectos de ser analizado pola comisión encargada da súa valoración.

g) Declaración xurada do solicitante comprometéndose a facer constar en lugar visible que as súas actividades ou proxectos foron declarados de interese pola consellería competente no Camiño de Santiago, de se-lo caso.

h) Calquera outro documento que se considere necesario e así se lle notifique ós interesados.

3. A inscrición no rexistro é condición indispensable para poder obte-los beneficios sinalados no artigo 34º deste decreto.

Artigo 33º.-Valoración dos proxectos.

Unha comisión creada para o efecto valorará os proxectos presentados e elevará a súa proposta motivada ó conselleiro, o cal resolverá. A comisión terá en conta os seguintes criterios:

* Que concorran os requisitos sinalados nos artigos anteriores.

* O interese da actividade que se vai realizar.

* A orixinalidade do proxecto presentado.

* Calquera outra que contribúa á promoción do camiño.

A resolución farase por orde da consellería competente na materia, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 34º.-Beneficios da declaración de interese.

A declaración de interese de tódalas actividades ou proxectos que contribúan á promocion do Camiño de Santiago comportará para os seus titulares os seguintes beneficios:

a) Gozar do recoñecemento e consideración que lle vén dado por facer constar en tales actividades e proxectos que foron declarados de interese pola consellería competente no Camiño de Santiago.

b) Poder ser beneficiario das subvencións que anualmente se convoquen para todos aqueles proxectos ou actividades que fosen declarados de interese para a promoción do Camiño de Santiago pola consellería competente ó respecto.

c) Ser incluído nas guías, catálogos e demais publicacións sobre o Camiño de Santiago que difunda a consellería.

d) Recibir orientación técnica e gratuíta dos servicios competentes da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago para o desenvolvemento da súa actividade.

Artigo 35º.-Cesamento dos efectos da declaración de interese.

1. A declaración de interese das actividades ou proxectos que contribúan á promoción do Camiño de Santiago poderá quedar sen efecto polos seguintes motivos :

a) Cando as actividades se desenvolvan contravindo o proxecto presentado.

b) Por actuaren os seus titulares de forma que poidan atentar contra o prestixio e recoñecemento do Camiño de Santiago.

c) Por cambio de titularidade sen autorización da Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, extinción da personalidade xurídica ou disolución da entidade solicitante.

d) Por calquera outro motivo que a consellería considere que poida vulnera-lo contido deste decreto, por incumpri-los seus requisitos.

2. Cando se dese algún dos supostos sinalados no punto anterior, a Xerencia de Promoción do Camiño de Santiago, logo da instrucción dun expediente no que se lle dará audiencia ó interesado, poderá, mediante resolución motivada, deixar sen efecto a

declaración, o que suporá o cesamento automático dos beneficios a que se refire o artigo 34º deste decreto.

Capítulo VI

Normas de utilización da rede de albergues

Artigo 36º.-Ocupación.

1. Poderán utiliza-la rede de albergues integrada no Plan Xacobeo tódalas persoas que acudan en peregrinación a Santiago de Compostela.

2. A orde de prelación para a ocupación dos albergues será a que se establece a seguir:

a) Os peregrinos de a pé ou con limitacións físicas.

b) Os peregrinos a cabalo.

c) Os peregrinos en bicicleta.

d) As persoas que viaxen en coches de apoio.

3. As prazas ocuparanse ó chegaren os peregrinos ós albergues, sen que en ningún caso se admita a posibilidade de realizar reservas previas.

Artigo 37º.-Dereitos.

Con carácter gratuíto prestaranse ós peregrinos os seguintes servicios:

* A utilización das instalacións do albergue.

* Servicio de información.

* Caixa de urxencia.

* Cortes para os cabalos, aínda que o mantemento das monturas será por conta dos peregrinos.

Dispoñerán, así mesmo, logo do aboamento do seu importe, dos servicios de lavado de roupa e teléfono.

Artigo 38º.-Deberes.

A utilización por parte dos peregrinos das instalacións dos referidos albergues estará suxeita ó cumprimento das condicións seguintes:

* A estadía nos albergues será dunha soa noite, salvo en caso de enfermidade ou outra causa de forza maior.

* A porta dos albergues pecharase ás 23 horas.

* Os albergues serán abandonados antes das 10 horas da mañá.

* Para respecta-lo descanso, as luces apagaranse ás 23.30 horas, con excepción das zonas comúns.

* Os usuarios deberán de cuida-las instalacións coa debida dilixencia, deixándoas ordenadas, limpas e recollendo, para o efecto, o lixo nos correspondentes contedores.

* Non poderá malgastarse a auga nin a luz.

* Para seca-la roupa utilizaranse exclusivamente os tendais.

Artigo 39º.-Incumprimento dos deberes.

O incumpremento dos deberes prescritos no artigo anterior, así como calquera conducta susceptible de ser considerada como perturbadora do bo funcionamento dos albergues, facultará os seus responsables para compeli-los infractores ó abandono

daqueles, sen prexuízo da esixencia de responsabilidades, incluída a prohibición do uso de calquera outro albergue da rede.

Artigo 40º.-Enumeración dos albergues.

Integran a rede de albergues do Plan Xacobeo os sinalados no anexo II do presente decreto.

Disposición adicional

Única.-Nos termos que se especifican no anexo II deste decreto, exceptúanse do réxime xeral de utilización os albergues de Triacastela e Ribadiso, que polas súas particularidades e para o seu mellor aproveitamento, se dedicarán a estadía rural co obxectivo de dinamiza-la oferta das respectivas zonas nos aspectos paisaxísticos, de sendeirismo ou deportes vencellados á natureza.

A explotación das zonas dedicadas a estadía rural realizarase mediante o sistema de convenio que será outorgado pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

Disposición derrogatoria única

Única.-Quedan derrogadas as seguintes normas: o Decreto 344/1992, do 26 de novembro, polo que se establecen as normas de utilización da rede de albergues previstas no Plan Xacobeo; a Orde do 30 de marzo de 1993 pola que se fai pública a rede de albergues do Camiño de Santiago no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia; o Decreto 224/1994, do 2 de xuño, polo que se crea o Rexistro de Entidades de Promoción do Camiño de Santiago, agás o seu artigo 1; o Decreto 245/1994, do 23 de xuño, polo que se regula o procedemento para que determinadas actividades e proxectos obteñan a declaración de interese para a promoción do Camiño de Santiago, agás o seu artigo 3 polo que se crea o Rexistro de Actividades; o Decreto 169/1994, do 2 de xuño, polo que se crea o Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago, agás o seu artigo 1; o Decreto 325/1996, do 26 de xullo, polo que se modifica o anterior; e a Orde do 21 de xaneiro de 1995, pola que se aproba o Regulamento de

funcionamento e réxime interior do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o conselleiro competente en materia de promoción do Camiño de Santiago, para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución do presente decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor ós vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de febreiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo

ANEXO II

REDE DE ALBERGUES DO CAMIÑO DE SANTIAGO EN GALICIA

SituaciónConcello

* Camiño francés
O CebreiroPedrafita do Cebreiro
HospitalPedrafita do Cebreiro
TriacastelaTriacastela
CalvorSarria
SarriaSarria
BarbadeloSarria
FerreirosParadela
PortomarínPortomarín
GonzarPortomarín
Vendas de NarónPortomarín
LigondeMonterroso
Palas de ReiPalas de Rei
O Mato (Casanova)Palas de Rei
MelideMelide
RibadisoArzúa
ArzúaArzúa
Santa Irene O Pino
ArcaO Pino
Monte do GozoSantiago de Compostela

* Camiño de Fisterra-Muxía
NegreiraNegreira
DumbríaDumbría
FisterraFisterra

* Camiño do norte: ruta da costa
Ribadeo Ribadeo
LourenzáLourenzá
VilalbaVilalba
BaamondeBegonte
Sobrado dos MonxesSobrado

* Camiño do norte: ruta do interior
O CádavoBaleira
LugoLugo

* Camiño inglés
BrumaMesía
MiñoMiño
NedaNeda

* Camiño portugués
TuiTui
O PorriñoO Porriño
RedondelaRedondela
PontevedraPontevedra
PadrónPadrón
TeoTeo

* Vía da Prata
A GudiñaA Gudiña
Verín «Casa del asistente»Verín
Monterrei «Hospital de Peregrinos»Monterrei
LazaLaza
Sandiás Sandiás
Vilar de BarrioVilar de Barrio
Xunqueira de AmbíaXunqueira de Ambía
OurenseOurense
Cea Cea

-Estadía rural de Ribadiso.

I. Localización.

O albergue de Ribadiso está situado nun predio de 11.895 m, sito na beira do Camiño de Santiago ó seu paso pola aldea de Ribadiso, no municipio de Arzúa na provincia da Coruña.

II. Delimitación da zona dedicada a estadía rural.

Do conxunto das construccións que compoñen este lugar de acollida, dedicaranse a estadía rural o apartamento do pavillón de usos comúns e quince camas máis do centro.

III. Servicios comúns.

Dado o carácter aberto das edificacións, na medida do preciso para o seu adecuado uso, a zona de albergue e da estadía rural compartirán servicios e instalacións.

-Estadía rural de Triacastela.

I. Localización.

O albergue de Triacastela está situado nun predio de 14.177 m sito na beira do Camiño de Santiago ó seu paso polo municipio de Triacastela, na provincia de Lugo.

II. Delimitación da zona dedicada a estadía rural.

Do conxunto das construccións que compoñen este lugar de acollida, dedicaranse a estadía rural a edificación existente con anterioridade á rehabilitación do dito conxunto.

III. Servicios comúns.

Dado o carácter aberto das edificacións, na medida do preciso para o seu adecuado uso, a zona de albergue e da estadía rural compartirán servicios e instalacións.