Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 31 Martes, 13 de febreiro de 2001 Páx. 1.952

VI. ANUNCIOS

OUTROS ANUNCIOS

FUNDACIÓN GALEGA PARA A TUTELA DE ADULTOS

ACORDO do 7 de febreiro de 2001 polo que se anuncia a contratación do director técnico da Fundación Galega para a Tutela de Adultos.

O Padroado da Fundación Galega para a Tutela de Adultos, con domicilio en Santiago de Compostela, na súa xuntanza celebrada o día 13 de decembro de 2000 acordou, en uso das competencias que lle atribúe o artigo 18 dos seus estatutos, aprobados o 19 de setembro de 1996 por acordo do Consello da Xunta de Galicia, inicia-lo procedemento para o nomeamento do director técnico da fundación, órgano unipersoal de xestión, nos termos previstos no artigo 5 da Lei 10/1996, do 5 de novembro, de actuación de entes e empresas nas que ten participación maioritaria a Xunta de Galicia, en materia de persoal e contratación.

En consecuencia, anúnciase publicamente a súa contratación conforme as seguintes bases:

Primeira.-A designación do director corresponderalle ó padroado da fundación, formalizándose coa persoa designada un contrato laboral de alta dirección regulado no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial de alta dirección, cun nivel retributivo axeitado ó seu cometido funcional. A duración do dito contrato non poderá exceder de 4 anos, prorrogables por acordo das partes e conforme as disposicións aplicables na materia.

Segunda.-Os aspirantes deberán presentar xunto coa solicitude un curriculum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos nel alegados.

As ditas solicitudes irán dirixidas á presidenta do padroado da fundación e remitiranse ó rexistro xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, sito en San Caetano, Santiago de Compostela, no prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Se resulta nomeada unha persoa que teña a condición de empregado público, tramitarase da súa Administración de orixe o pase á situación administrativa que lle corresponda.

Cuarta.-A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderase declarar deserta, de considerarse oportuno, polo órgano convocado.

Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2001.

Teresa Rey Barreiro-Meiro

Presidenta do Padroado da Fundación Galega para a Tutela de Adultos