Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2001 Páx. 1.602

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 27/2001, do 25 de xaneiro, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial de Lugo, dos bens e dereitos necesarios para a realización da obra 119, Plan de Obras e Servicios (POS) 2000 Pol, E.P. Lea-Suegos-Francelos, alargamento e mellora do p.k. 0 ó p.k. 1.

A Deputación Provincial de Lugo, en sesión celebrada o día 21 de xullo de 2000, aprobou o proxecto da obra nº 119, Plan de Obras e Servicios (POS) 2000 Pol, EP. Lea-Suegos-Francelos, alargamento e mellora do p.k. 0 ó p.k. 1 e na sesión do día 30 de outubro de 2000, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Por parte da Deputación Provincial de Lugo foi remitida a documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 29 de decembro de 2000.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable con data 26 de decembro de 2000.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, porque segundo sinala a deputación a urxencia das obras vén dada polo interese social que supón a dotación de comunicacións axeitadas a esta zona do territorio provincial coa mellora e alargamento das case obsoletas vías provinciais, xa que suporía contar cun instrumento de maior axilidade para a concreción duns obxectivos que en definitiva redundan en beneficio dos veciños da zona e que son os primeiros interesados na execución da obra, así como tódolos usuarios da estrada.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintecinco de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a

urxente ocupación, pola Deputación Provincial de Lugo para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución da obra nº 119, Plan de Obras e Servicios (POS) 2000 Pol, EP. Lea-Suegos-Francelos, alargamento e mellora do p.k. 0 ó p.k. 1.

Santiago de Compostela, vintecinco de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Pillado Montero

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais