Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 27 Mércores, 07 de febreiro de 2001 Páx. 1.594

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 31 de xaneiro de 2001 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión de axudas encamiñadas á habilitación e mellora de infraestructuras nos parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas na Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2001.

Os parques empresariais e as infraestructuras do solo empresarial creadas hai anos e cun alto nivel de ocupación de empresas teñen, como consecuencia do tempo transcorrido, determinadas carencias infraestructurais e novas necesidades en materia de comunicación, enerxéticas ou de adecuación ás esixencias de normativas actuais e de servicios comúns de carácter xeral que lles permita unha actualización permanente fronte ós seus competidores.

A necesidade de renovación destas infraestructuras, para evita-la súa obsolescencia, ou de habilitación doutras novas non previstas na súa orixe, e co obxecto de motiva-lo esforzo común de constante mellora competitiva de oferta de solo empresarial, como elemento dinamizador da economía e do empre

go local, dentro das competencias en materia de fomento empresarial que lle son propias á Comunidade Autónoma, a Consellería de Industria e Comercio estima oportuno establecer medidas de apoio á actividade económica a través de proxectos investidores en materia de infraestructuras, de instalacións e de servicios ás empresas.

O contido desta orde de axudas axustarase ó establecido polo acordo do Consello da Xunta de Galicia do 14 de abril de 2000, segundo o cal: en tanto non recaia a decisión da Comisión Europea de compatibilidade coa normativa comunitaria e non entre en vigor a nova disposición normativa, manterase a actividade de fomento autonómica axustándose ás directrices, tanto horizontais como sectoriais, dictadas pola comisión, así como, se é o caso, os límites de intensidade autorizados a Galicia no mapa Rexional de Axudas de España para o período 2000-2006.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Habilitación de infraestructuras e servicios

Artigo 1º.-Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a mellora dos servicios e o acondicionamento de infraestructuras existentes ou de nova incorporación co fin de que as empresas radicadas nos parques empresariais e en recintos de localización preferente de empresas dispoñan de condicións máis competitivas para desenvolve-la súa actividade económica.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán os concellos e asociacións empresariais que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde, nos parques empresariais radicados no seu termo municipal antes do 1 de xaneiro de 1995 e cun nivel de ocupación polo menos do 25% das parcelas dispoñibles.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables:

a) A elaboración ou execución de estudios e proxectos de investimentos para a incorporación de novos servicios e a actualización e mellora das infraestructuras existentes en materia de telecomunicacións, subministracións enerxéticas, iluminación, saneamento, centros de servicios múltiples, reparación e pavimentación de viais e movemento de terras.

b) A realización de instalacións centralizadas de producción da calor ou electricidade, sempre e cando se cumpran os requisitos establecidos no Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre pro

ducción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración.

c) A dotación de infraestructuras de servicios avanzados que poidan ser prestados con carácter horizontal e que supoñan unha mellora en materia de xestión, seguridade e formación.

Artigo 4º.-Contía da axuda.

Estas axudas financiaranse con cargo á partida 08.02.661-C.760.0, actuacións en materia de infraestructuras en polígonos industriais, cun crédito de 159.660.493 pesetas, e con cargo á partida 08.02.661-C.780.0, infraestructuras en polígonos industriais, cun crédito de 20.000.000 de pesetas, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2001, podéndose establecer compromisos plurianuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente. Destinaranse os créditos e as aplicacións orzamentarias que se indican a continuación:

AplicaciónDenominaciónImportes en pesetas

Ano 2001Ano 2002

08.02.661-C 760.0Concellos: actuacións en materia de infraestructuras en polígonos industriais.159.660.49340.000.000

08.02.661-C 780.0Asociacións: actuacións en materia de infraestructuras en polígonos industriais.20.000.0005.000.000

Con cargo as devanditas aplicacións as contía máximas das subvencións netas equivalentes poderán acadar:

Ata o 100% do custo de elaboración dos estudios ou proxectos técnicos.

Ata o 40% do investimento incentivable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento de servicios e infraestructuras en materia de telecomunicacións, subministracións enerxéticas, iluminación e saneamento.

Ata o 20% do investimento incentivable na execución de proxectos de mellora ou acondicionamento das infraestructuras, en materia de centros de servicios múltiples, reparación e pavimentación de vías, e movemento de terras.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes cubertas segundo o modelo do anexo I, e a seguinte documentación deberán presentarse por duplicado:

* Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade coa presente orde e prazo de execución, que levará como anexo unha relación das empresas situadas no parque empresarial.

* Orzamento detallado por capítulos e conceptos das actuacións.

* No caso de execución de obras, proxecto asinado por técnico competente e visado polo colexio oficial correspondente.

* Informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licencia municipal.

* Titularidade das infraestructuras do proxecto ou autorización expresa das actuacións no caso de que o solicitante non sexa o titular.

* Declaración doutras axudas solicitadas.

* Fotocopia cotexada do NIF/CIF do beneficiario.

* No caso de instalacións centralizadas de producción da calor ou electricidade xuntará convenio específico do titular das infraestructuras coas empresas implicadas na xeración de enerxía conforme o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro.

Capítulo II

Abastecemento de gas natural

Artigo 6º.-Obxecto da axuda.

O obxecto da axuda é a incorporación ós parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas, da subministración de gas natural co fin de que as empresas radicadas neles poidan dispoñer da oferta desta nova forma enerxética para as súas actividades.

Artigo 7º.-Beneficiarios.

Os beneficiarios das axudas serán as empresas distribuidoras de gas que realicen investimentos de acordo co obxecto desta orde.

Segundo o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 18-2-1999, cando as consellerías, organismos autónomos, sociedades públicas e demais entidades dependentes da Comunidade Autónoma destinadas a promove-lo investimento privado en activos fixos productivos, ademais dos requisitos que se esixen na convocatoria, só poderá adquirirse a condición de beneficiario:

a) Cando alomenos o 35% do cadro de persoal da empresa solicitante da axuda teña contratos por tempo indefinido.

b) Cando as empresas teñan menos de 10 traballadores a porcentaxe de estabilidade mínima laboral esixida reducirase ó 33%.

c) Para as empresas de nova creación bastará o compromiso de acadar como mínimo o 35% de estabilidade laboral ó remate do prazo que se conceda para tal efecto.

d) As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acada-la mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que sexa subvencionado.

O cumprimento dos requisitos sinalados anteriormente para ser beneficiario de axudas públicas non se esixirá nos seguintes casos:

1. En relación ós centros de traballo radicados fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando as subvencións sexan inferiores a 10 millóns por proxecto de investimento.

3. Será condición imprescindible para que as empresas poidan acollerse ós beneficios derivados desta orde de convocatoria a inscrición no Rexistro de Establecementos Industriais de Galicia, de acordo co establecido no artigo 8.6º do Decreto 115/2000, do 11 de maio, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de establecementos industriais de Galicia.

Artigo 8º.-Actuacións subvencionables.

Serán subvencionables:

As infraestructuras comúns para o achegamento de gas natural desde a rede de transporte secundaria ou de distribución próximos para abastecemento a parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas cun previsible baixo nivel de demanda, e que non dispoñan desta forma enerxética.

Non se valorarán para efectos de investimentos os gastos que se realicen en pagamentos de impostos, IVE, taxas, contribucións, licencias, etc., nin outros de carácter tributario, fiscal ou sometido a aranceis, e os investimentos realizados con fórmulas de arrendamento financeiro.

Artigo 9º.-Contía de axuda.

Estas axudas financiaranse con cargo á partida 08.02.631-B.771.1, gas nos polígonos industriais, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma galega para o ano 2001, podéndose establecer compromisos plurianuais dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente. Destinaranse os créditos e a aplicación orzamentaria que se indica a continuación:

AplicaciónDenominaciónImportes en pesetas

Ano 2001Ano 2002

08.02.631-B.771.1Gas nos polígonos industriais.100.000.00025.000.000

Con cargo a devandita aplicación a contía máxima da subvención neta equivalente poderá acadar:

Ata o 30% do custo dos ramais de gas natural ós parques empresariais e recintos de localización preferente de empresas.

Artigo 10º.-Solicitudes de concesión de axudas.

As solicitudes cubertas segundo modelo do anexo II, e a seguinte documentación deberán presentarse por duplicado:

* Memoria técnica xustificativa da actuación que se vai desenvolver de conformidade co presente orde e prazo de execución, que levará como anexo unha relación de empresas situadas no parque empresarial, co correspondente número do Rexistro de Establecementos Industriais.

* Orzamento detallado por capítulos e conceptos das actuacións.

* Proxecto asinado por técnico competente visado polo colexio oficial correspondente.

* Informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que a actuación para a que se solicita subvención é conforme coa legalidade urbanística vixente no concello ou, se é o caso, que o investimento non precisa licencia municipal.

* Titularidade das infraestructuras do proxecto ou autorización expresa das actuacións no caso de que o solicitante non sexa o titular.

* Declaración doutras axudas solicitadas.

* Para as empresas suxeitas ós requirimentos establecidos no artigo 7º que se refire ás esixencias de contratación estable de traballadores, presentarase documento acreditativo relacionando os traballadores e o seu tipo de contrato (fixo ou temporal); se é o caso, achegaranse os compromisos requiridos no dito artigo.

* Último recibo do pagamento do imposto de actividades económicas.

* Copia cotexada do NIF/CIF do beneficiario.

Capítulo III

Tramitación de solicitudes

Artigo 11º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral dos servicios centrais, nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio, ou a través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado do rexistro coa administración da Comunidade Autónoma de Galicia, dentro dos 25 días hábiles a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 12º.-Emenda de defectos.

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto, o interesado será requirido para que, nun prazo de 10 días a partir do día seguinte á recepción o dito requirimento, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación que, de non facelo, considerase desistida a súa petición e procederase conforme o que determina o artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Comisión de valoración.

Revisados os expedientes e completados, se é o caso, remitiráselle á comisión para propoñe-la aprobación ou denegación de axudas seguindo os criterios de valoración determinados no artigo 14º.

A comisión de valoración estará formada polo subdirector xeral de Administración Industrial que actuará como presidente, o xefe de servicio de Seguridade Industrial que actuará como secretario, e os delegados provinciais da Consellería de Industria e Comercio ou na súa ausencia os xefes de servicio que designen.

Artigo 14º.-Criterios de valoración.

A valoración e selección das solicitudes serán realizadas pola comisión de valoración do artigo anterior. No dito procedemento teranse en conta os criterios seguintes que se relacionan por orde decrecente de importancia:

1. Maior número de empresas instaladas no parque empresarial.

2. Antigüidade das infraestructuras, primando as máis antigas.

3. O ámbito territorial das actuacións.

4. Posibilidade de inducir actividades auxiliares.

5. A non percepción doutras axudas.

Artigo 15º.-Resolución.

1. Unha vez emitido o informe-proposta pola comisión de valoración, o conselleiro de Industria e Comercio ou, se é o caso, o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre descentralización de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda. No suposto B) das actuacións subvencionables sinaladas no artigo 3º, e no suposto no artigo 8º a devandita resolución emitirase logo do informe do Instituto Enerxético de Galicia.

2. Unha vez concedida a subvención, esta deberá ser aceptada polo beneficiario no prazo de 15 días, coas condicións específicas que recolle esta orde e as que ó tempo se inclúan na resolución. No caso contrario entenderase que o beneficiario renuncia á axuda e procederase conforme o disposto no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. As resolucións que se dicten ó amparo do disposto nesta orde esgotaran a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, se é o caso, recurso potestativo de reposición ante o órgano que dictou a resolución no prazo dun mes contado a partir do día seguinte a súa notificación, segundo os artigos 116 da citada Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou ben recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade cos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, nun prazo de dous meses contados desde o día seguinte a súa notificación, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que coiden oportuno.

4. A resolución de concesión determinará, cando menos, o importe do orzamento subvencionable, a porcentaxe da subvención que corresponda dentro dos límites establecidos nesta orde e co importe da subvención concedida. No caso de subvencións plurianuais, determinará tamén as cantidades concedidas con cargo ós orzamentos de exercicios posteriores.

5. A non notificación da resolución expresa no prazo de cinco meses dende a publicación da presente orde lexitima o interesado para entender desestimada a solicitude por silencio administrativo.

Artigo 16º.-Anticipos.

Con carácter excepcional e por resolución motivada do conselleiro de Industria e Comercio ou do delegado provincial poderá autorizarse un anticipo de ata un 50% da subvención concedida, naqueles casos en que o investimento esixa pagamentos inmediatos, de acordo coas condicións establecidas no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 17º.-Actuacións plurianuais.

No caso de actuacións plurianuais, que excedan o exercicio 2001, poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade, dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, conforme o prazo de execución do investimento, estando o disposto, para os efectos oportunos, no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa.

Artigo 18º.-Xustificación do investimento e pagamento da axuda concedida.

Para percibiren a subvención, os beneficiarios deberán achegar xunto coa solicitude de cobramento, a documentación acreditativa da realización das actuacións previstas nos servicios centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería de Industria e Comercio. A devandita documentación deberá constar de:

* Dous exemplares da memoria na que se detallen os investimentos e gastos realizados ou o estudio ou proxecto técnico elaborado, que deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención.

* Certificacións por conceptos, e de fin de obra, visados polo correspondente colexio oficial e asinados polo técnico director, no caso de que o investimento subvencionable sexa a realización de obras ou de instalacións.

* Acreditar previamente ó cobramento que se encontra ó día das súas obrigas tributarias, da Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa

Administración pública da Comunidade Autónoma, agás o caso de que estean exceptuadas por disposición legal.

* Declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto concedidas como pendentes de resolución, para a actividade obxecto de subvención a outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou calquera outra indicando a súa contía.

* Documento acreditativo do cumprimento do artigo 7º, letra c) e d) da presente orde segundo lle corresponda.

* Para o aboamento da subvención uniráselle á documentación xa sinalada unha certificación da conta bancaria na que conste ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se debe realiza-lo aboamento, expedida pola propia entidade bancaria.

No caso de ser beneficiario dunha subvención plurianual, de acordo co establecido no artigo 58 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, deberá achegarse ademais xustificante acreditativo da constitución por tempo indefinido do aval bancario ou da entidade aseguradora que garanta o importe da anualidade da cal o pagamento se está a tramitar, así como os seus correspondentes xuros de demora, conforme o xuro legal do diñeiro fixado en cada momento polo prazo que medie entre a data de solicitude de pagamento da correspondente anualidade e a data límite que se estableza para a xustificación da última das anualidades.

Os beneficiarios presentarán a devandita documentación acreditativa dos investimentos e gastos realizados antes do 30 de novembro de 2001.

A percepción da axuda terá lugar despois de que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio informen da realización do investimento de acordo coas actuacións obxecto da resolución.

En caso de que o investimento ou actividade realizada tivese un custo inferior ó inicialmente previsto e sempre que a minoración do custo non supoña unha realización deficiente do proxecto, a axuda que se conceda verase diminuída nunha porcentaxe proporcional.

Artigo 19º.-Modificación das resolucións de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acorda-la modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conducta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención.

3. O beneficiario debera solicita-la dita modificación mediante instancia dirixida ó conselleiro de Industria e Comercio, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior; cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución, ou se é o caso se denegue, será dictado polo órgano concedente logo da instrucción do correspondente expediente no que se dará audiencia ós interesados na forma prevista no número 4 do artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 20º.-Reintegro das axudas.

1. Non se poderá esixi-lo pagamento da axuda ou subvención concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o seu pagamento, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obrigación de xustificación.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención.

2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto ou, se é o caso, a porcentaxe máxima da investimento subvencionable que se estableza.

3. A tramitación do correspondente expediente de reintegro levarase a cabo de acordo co procedemento establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime

de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. As cantidades que teñan que reintegra-los beneficiarios terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 do reiterado Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

5. Así mesmo, os beneficiarios encontraranse suxeitos ó réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o capítulo VII do citado Decreto 287/2000.

Artigo 21º.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas procederase conforme os puntos 3, 4 e 5 do artigo precedente.

Artigo 22º.-Control.

En todo caso, os beneficiarios sométense ás actuacións de control da Consellería de Industria e Comercio que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, as previstas na lexislación do Consello de Contas, así como as que poida efectuar, se é o caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto da cofinanciamento con fondos europeos. Neste sentido, os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas en exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 23º.-Normativa aplicable.

Con independencia do disposto nesta orde, haberá que aterse ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e función pública e actuación administrativa, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 4/2000, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2001 ou da anualidade que corresponda.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 31 de xaneiro de 2001.

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Industria e Comercio