Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Xoves, 25 de xaneiro de 2001 Páx. 980

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de outubro de 2000, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de obradoiros e despachos de confeiterías, pastelerías, reposterías e pratos cociñados.

Visto o texto do convenio colectivo para sector de obradoiros e despachos de confeiterías, pastelerías, reposterías e pratos cociñados, con nº de código 3601015 que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-9-2000, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelería y Panificación (Arpaspan), e da parte social, polas centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, con data do 3-7-2000. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 4 de outubro de 2000.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para obradoiros e despachos de confeiterías, pastelerías reposterías e pratos cociñados para a provincia de Pontevedra

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito persoal e funcional.

O presente convenio regula as relacións laborais nas actividades industriais e comerciais de confeitería, pastelería, bolos, repostería e pratos cociñados.

Os traballadores das empresas dedicadas a esas actividades, tanto os de obradoiro como o persoal mercantil, réxense por este convenio.

O aquí non regulado acollerase ó Acordo Marco Sectorial publicado por Resolución do 13 de febreiro de 1996.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

A eficacia e obrigatoriedade do presente convenio atinxe a cantas empresas e sucursais estean establecidas e domiciliadas dentro dos límites da provincia de Pontevedra.

Artigo 3º.-Vixencia e prórrogas.

Este convenio terá efectos económicos plenamente a partir do 1 de decembro de 1998 ata o 31 de decembro de 2000.

A súa duración será de dous anos, é dicir desde o 1 de decembro de 1998 ata o 31 de decembro de 2000.

Concluída esta duración, prorrogarase de ano en ano, sen prexuízo da revisión económica. Se foi debidamente denunciado, manterase en vigor ata que haxa un novo convenio.

Artigo 4º

A denuncia farase por calquera das partes cunha antelación mínima de dous meses á data do seu remate.

A dita denuncia terá que facerse por escrito á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

1. Establécese unha comisión paritaria, que terá as seguintes funcións:

a) As de mediación, arbitraxe e conciliación nos conflictos individuais ou colectivos que lles sexan sometidos e as demandas das redaccións dos acordos do presente convenio.

b) As de interpretación e aplicación do pactado.

c) As de seguimento do conxunto dos acordos.

2. Os acordos a que se chegue na comisión paritaria en cuestións relacionadas co presente convenio con

sideraranse parte deste e terán a súa mesma eficacia e obrigatoriedade. Tales acordos remitiranse á autoridade laboral para o seu rexistro.

3. A comisión paritaria queda composta por 5 membros da Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelería y Panificación (Arpaspan) e por 5 membros da representación social. Os membros da dita representación social serán dos sindicatos que corresponda en proporción ó número de representantes nas empresas deste convenio. Poderán asistir cun asesor, con voz pero sen voto.

4. Ámbalas partes asinantes deste convenio comprométense a, no prazo máximo de 20 días a partir da sinatura do presente convenio, reunirse para elabora-lo seu regulamento de funcionamento da comisión paritaria.

II. Réxime de traballo

Artigo 6º.-Xornada de traballo.

A xornada semanal de traballo será de 40 horas semanais, tanto para a xornada continuada como para a xornada partida, sendo a xornada dominical de 4 horas.

A xornada dominical para o persoal mercantil será, exclusivamente para eles, de 9 a 14 horas.

Os días laborables, a xornada de traballo para o persoal mercantil non poderá prolongarse máis das 21 horas.

Cando a xornada normal de traballo se realice de forma continuada, establecerase un período de descanso de alomenos 15 minutos.

Artigo 7º.-Días de inactividade obrigatoria.

Consideraranse días de inactividade laboral obrigatoria, os seguintes:

Día 27 de abril: festividade da Patroa do gremio.

Día 25 de decembro: festividade da Natividade do Señor.

Día 1 de xaneiro.

Día 1 de maio: festa do traballo.

Se por necesidades da empresa o traballador decidira traballar, terá dereito, ademais de a percepción económica como festivo, a 1 día máis de vacacións.

Artigo 8º.-Vacacións.

O persoal acollido ó presente convenio terá dereito a desfrutar dunhas vacacións anuais retribuídas de acordos coas seguintes condicións:

1ª As vacacións terán unha duración de 31 días naturais para todo o persoal afectado, calquera que sexa a súa clasificación profesional.

2ª O salario que se vai percibir durante o período de vacacións calcularase sobre o salario base do convenio máis antigüidade.

3ª O período de vacacións concederase de común acordo entre a empresa e o traballador en épocas

que tradicionalmente non teñan unha especial actividade no sector, de forma rotativa, pero preferentemente no verán.

4ª O persoal de baixa por incapacidade temporal, con independencia da causa motivadora, disporá ou desfrutará da totalidade das vacacións, sempre que a súa reincorporación ó traballo se produza dentro do mesmo ano.

Artigo 9º.-Ingresos ou cesamentos.

Todo traballador, salvo pacto en contrario ingresará a título de proba, que terá a seguinte duración:

-Persoal técnico: tres meses.

-Persoal administrativo: un mes.

-Persoal mercantil: un mes.

-Persoal non cualificado: 15 días.

Transcorrido o período de proba sen denuncia por ningunha das partes, o traballador continuará na empresa baixo as condicións establecidas no presente convenio.

Os cesamentos dentro da empresa deberán ser comunicados polos traballadores e por escrito con 15 días de antelación; sen este requisito a empresa poderá descontar da liquidación do productor afectado o importe das retribucións diarias por cada día de atraso no aviso.

Artigo 10º.-Licencias retribuídas.

O persoal terá dereito a desfrutar da licencia retribuída nos casos que a continuación se establecen.

a) Matrimonio do productor: 15 días naturais.

b) Parto da esposa ou por nacemento de fillos legalmente recoñecidos como tales polo traballador: 5 días naturais.

c) Intervención cirúrxica de pais, sogros, fillos ou cónxuxes: 5 días naturais.

d) Falecemento de cónxuxe, pais, sogros ou fillos: 5 días.

e) Para a atención de asuntos propios, ineludibles e de grande importancia, segundo as necesidades e desprazamentos: 1 a 6 días.

f) Por cambio de domicilio: 1 día.

g) Visita médica para asistencia persoal ou de fillos menores, cando coincida co horario de traballo, as horas necesarias, sendo preceptivo que o volante estea datado e asinado polo médico, facéndose consta-la hora de remate da consulta.

h) Estudios: o tempo necesario para exames segundo o Estatuto dos traballadores.

Artigo 11º.-Persoal eventual.

Salvo nos casos de reserva de praza por enfermidade ou deber inescusable de carácter público, o contrato de traballo eventual non poderá ter unha duración superior a doce meses e pasado o dito prazo

e sen necesidade de denuncia ningunha, o productor converterase automaticamente en fixo, salvo as normas de rango superior que contradigan o anteriormente mencionado. O persoal eventual será necesariamente contratado por escrito ante a oficina de emprego.

Artigo 12º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade en tódolos postos de traballo, tanto para o home como para a muller, sen discriminación ningunha, desaparecendo calquera trato de desigualdade tanto favorable como adverso que tivera a muller, por calquera causa.

III. Condicións económicas

Artigo 13º.-Salario base.

Será o que se estableza exclusivamente para cada categoría en cada período anual, reflectido na correspondente columna da táboa salarial do anexo. Cada período anual contará coa táboa salarial actualizada. Establécese cláusula de revisión salarial no caso de que durante o ano 2000 o IPC supure o 3%.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Consistirá en cuadrienios ó 6 por cento sobre os salarios base do convenio.

Artigo 15º.-Gratificacións extraordinarias.

Establécense tres pagas extraordinarias dunha mensualidade de salario base e antigüidade e serán:

-A do 15 de xullo, para aboar antes desta data e devengada a 30 de xuño.

-A do 23 de decembro, para aboar antes desta data e devengada a 30 de novembro.

-A de beneficios, para aboar en marzo, se ben poderá fraccionarse en dúas metades, pagadoiras en marzo e en setembro.

Estas pagas devengaranse en proporción á anualidade precedente de contrato, e os períodos habidos de incapacidade temporal non afectarán a contía destas.

Artigo 16º.-Axuda por xubilación.

A todo o persoal que se xubile con 15 anos como mínimo de servicio na empresa, se lle abonará como premio de xubilación.

150.000 ptas.65 anos.

200.000 ptas.64 anos.

250.000 ptas.63 anos.

300.000 ptas.62 anos.

350.000 ptas.61 anos.

400.000 ptas.60 anos.

Artigo 17º.-Axuda por defunción.

As empresas afectadas polo presente convenio subscribirán con efectos desde o 1 de xaneiro de 1998 unha póliza de seguro colectivo, con primas íntegras ó seu cargo, que cubran as seguintes continxencias e indemnizacións a tódolos seus traballadores.

Accidente laboral ou común con resultado de:

-Morte: un millón de pesetas.

-Invalidez permanente: que leve consigo o cesamento forzoso na empresa, un millón de pesetas.

A indemnización por morte farase efectiva ó seu cónxuxe, ós seus descendentes ou ós seus ascendentes por esta orde.

Artigo 18º.-Complemento de transporte.

En compensación dos gastos de transporte que terá que efectua-lo traballador para desprazarse ó seu posto de traballo, as empresas aboarán a cada un deles a cantidade de 271 pesetas para o ano 1999 e 279 pesetas para o ano 2000. Esta cantidade aboarase por día efectivamente traballado. A contía deste complemento actualizarase automaticamente segundo o prezo dos billetes ordinarios de autobús urbano de Vigo.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias aboaranse co 75% de recarga sobre o salario total da táboa salarial correspondente á hora ordinaria.

A recarga das horas extraordinarias traballadas en domingo e as do traballo dos festivos será, en todo caso, do 150%.

Para os efectos do cálculo de recarga, o salario da hora ordinaria é o que resulte de dividi-lo total salarial anual entre 1.770 horas.

É posible tamén que o traballador opte por compensa-las horas extraordinarias traballadas por tempos equivalentes a descanso retribuído incrementados nas porcentaxes correspondentes citadas.

Artigo 20º.-Complemento no caso de incapacidade temporal.

Durante as situacións definidas como incapacidade temporal na Seguridade Social, a empresa aboará desde o primeiro día da baixa do traballador afectado o 75 por cento do salario base máis antigüidade, e a partir do 10ª día desta o 100 por cento do dito salario base máis antigüidade. No caso de maternidade, ingreso hospitalario, accidente de traballo ou enfermidade profesional aboarase ese 100 por cento desde o primeiro día.

Artigo 21º.-Axudas de custo.

Terá dereito a axuda de custo o traballador que, mediante orde expresa do empresario ou persoa que o represente, se vexa obrigado a realizar asuntos ou traballos de carácter profesional por conta da empresa, con desprazamentos a lugares distantes do centro de traballo que lle imposibiliten o seu regreso, tendo que efectuar comidas ou aloxarse neses lugares.

A contía será:

-Axuda de custos completa: 4.456 ptas.

-Comida: 1.379 ptas.

-Cea: 1.379 ptas.

-Cama: 2.131 ptas.

-Almorzo: 424 ptas.

Artigo 22º.-Axuda escolar.

Todo traballador con fillos entre 2 e 8 anos inclusive percibirán en concepto de axuda de escolarización, a contía de 4.456 ptas para o ano 1999 e 2000 respectivamente por cada un deles.

O traballador que en abril de 1991 adquirira o dereito a complemento de incapacidade por fillo minusválido o manterao nos termos do convenio de 1990.

IV. Disposicións varias

Artigo 23º.-Altas na Seguridade Social.

A empresa estará obrigada a entregar ós traballadores unha fotocopia da alta na Seguridade Social, para o que disporá dun prazo de tres semanas desde a súa incorporación ó traballo.

Así mesmo, a empresa estará obrigada a mostrar cada mes seguinte os TC/2 de cotización.

Artigo 24º.-Seguridade e saúde laboral.

As obrigas establecidas na Lei de prevención de riscos laborais de 8-11-1995 e o seus regulamentos concretaranse en cada empresa antes do remate de 1997 no relativo ás esixencias establecidas nos capítulos III e IV da dita lei sobre plan e programa de actuación preventiva, avaliación de riscos, plan de emerxencia, información e formación dos traballadores, vixilancia da saúde destes en relación ós riscos; para o efecto designará o traballador ou traballadores que se ocuparán da prevención, ou farase cargo persoalmente o empresario, ou proverase dun servicio de prevención ou encargarao á súa mutua de AT e EP.

A empresa que conta con delegado de persoal coidará de facilita-la realización que a este corresponde das funcións de delegado de prevención.

Artigo 25º.-Roupa de traballo.

Con carácter xeral, as empresas suxeitas ó presente convenio colectivo proverán o persoal ó seu servicio, obrigatoria e gratuitamente, do seguinte número de pezas ó ano:

a) Dúas chaquetas.

b) Dous pantalóns.

c) Catro mandís.

d) Dous gorros.

O seu uso será obrigatorio. Así mesmo, o persoal mercantil e de obradoiro terá a obriga de conservala en bo estado.

Ó persoal mercantil proverase das pezas necesarias para o desenvolvemento da súa función laboral.

Artigo 26º.-Excedencias e suspensións de contrato.

No referente a excedencias e outras suspensións de contrato, observarase o que establece o Estatuto dos traballadores nos seus artigos 45 a 48, matizando que o período mínimo da excedencia voluntaria será de 1 ano e só pode ser por menos se median fundamentos serios de orde familiar, de estudios, etc. O establecido no artigo 46, punto 3º do Estatuto dos traballadores, no caso de excedencia por fillo menor, queda ampliado o atribuído ó primeiro ano a un período máximo de tres anos.

O tempo empregado no servicio militar ou na prestación social substitutoria compútase para os efectos de antigüidade na empresa.

Artigo 27º.-Comité de empresa.

A empresa facilitará local adecuado, no caso de que dispoña del, para reunións e consultas do delegado ou comité de delegados cos traballadores, así como un mural para poñer comunicados, avisos, carteis, etc.

Artigo 28º.-Dereitos sindicais.

Observarase o disposto na vixente Lei orgánica de liberdade sindical de 1985.

Con motivo da negociación do convenio os membros de cada sindicato terán, con coñecemento do empresario ou encargado, fácil acceso ós traballadores de cada empresa nos propios centros de traballo para informacións breves colectivas, convocatorias ou entregas de comunicados a cada un, ó principio ou ó remate da xornada ou en momentos intermedios de actividade non intensa.

V. Disposicións derradeiras

Artigo 29º.-Garantía ad personam.

Polo presente convenio e en concreto por este artigo, respectaranse as condicións persoais que, globalmente consideradas, excedan do pacto no seu contido económico ou social, manténdose estrictamente ad personam.

Artigo 30º.-Partes asinantes.

O presente convenio foi concertado pola Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelería y Panificación (Arpaspan) de Pontevedra e polas centrais sindicais CC.OO., CIG e UGT.

Artigo 31º.-Categorías e ascensos.

No persoal de obradoiro, os postos de oficial de primeira cubriranse: o 50% por antigüidade, e o resto, por libre designación da empresa, en ámbolos casos, logo da proba de aptitude entre o persoal da categoría inmediata inferior. Os aprendices, unha vez superado o período de aprendizaxe, pasarán á categoría de oficial de segunda se houber vacante ou de axudante noutro caso por un prazo máximo de dous anos, e ó remate destes adquirirá a categoría de oficial segunda.

O persoal mercantil, o aprendiz, concluído o período de aprendizaxe, pasará automaticamente á categoría de axudante. Se con carácter permanente o axudante realiza funcións específicas do dependente recoñeceráselle esta categoría, coa retribución correspondente ó dependente de máis de 22 anos. Os axudantes pasarán automaticamente á categoría de dependentes ó cumpriren 22 anos. Nos establecementos por cada catro dependentes haberá un dependente maior, designado libremente pola empresa entre os dependentes maiores de 22 anos.

Os aspirantes pasarán automaticamente á categoría de auxiliares administrativos ó cumpri-los 18 anos. A vacante de oficial administrativo proverase por antigüidade, logo do exame de aptitude entre os auxiliares. Cando non exista máis que un empregado administrativo, pasará á categoría superior ós catro anos de actuar como auxiliar.

A aprendizaxe ou contrato de formación, tanto de persoal mercantil como de obradoiro, non poderá durar máis dun ano. Se o contrato é maior de 18 anos ou conta con diploma ou certificados de estudios de escolas de formación profesional, o seu contrato de formación non poderá durar máis de seis meses e o seu soldo será igual ó asignado ó peón de obradoiro.

Artigo 32º.-Canón de negociación de convenio.

Tódalas empresas incluídas no ámbito funcional do presente convenio, contribuirán necesariamente a sufraga-los gastos de negociación deste cunha cantidade de 1.000 ptas. por traballador e ano de vixencia do convenio.

Esta cantidade aboarase á Asociación Provincial de Empresarios Artesanos de Pastelería y Panificación (Arpaspan) de Pontevedra.

Artigo 33º.-Contratos de duración determinada.

Contratos de duración determinada. (Regulados no artigo 15 b) do Estatuto dos traballadores.)

Estos contratos poderán ter unha duración máxima de doce meses, dentro dun período de quince meses.

Artigo 34º.-Regulamentacións administrativas.

Os traballadores e empresarios deberán dar cumprimento da forma máis estricta daquelas prescricións legais contidas no Regulamento de Manipuladores de Alimentos ou a calquera outra de aplicación.

Artigo 35º.-Pacto de non concorrencia.

Estimarase a existencia de concorrencia desleal na conducta dos traballadores cando estes presten os seus servicios noutra empresa do sector dedicada á mesma actividade ou ó desenvolvemento a título persoal.

Tal competencia desleal considerarase como falta moi grave e sancionarase de acordo co previsto nas normas establecidas para o efecto.

Artigo 36º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo corresponde ó empresario ou a dirección da empresa en que esta delegue.

Disposición adicional

Primeira.-Atrasos convenio.

Establécese unha paga de 40.000 ptas. para a compensación de atrasos correspondentes ó ano 1999. Esta paga será proporcional ás horas determinadas no contrato de traballo.

Táboas salariais que rexerán desde

o 1-12-1998 ó 30-11-1999

Categorías profesionaisIncremento 3%Salario base

Persoal de obradoiro:
Mestre obradoiro118.407
Encargado118.407
Oficial técnico de 1ª107.876
Oficial de 1ª107.876
Oficial de 2ª89.630
Axudante82.973
Peón79.873

Persoal de acabado e empaquetado:
Encargado108.702
Auxiliar de máis de 18 anos84.419

Persoal de oficios varios:
Oficial de 1ª108.702
Oficial de 2ª88.137
Oficial de 3ª82.973

Subalternos:
Vixilante (mercantil)98.043
Vixilante (obradoiro)81.252
Sereno98.053
Persoal de limpeza (por horas)------

Administrativos:
Xefe de primeira121.840
Xefe de segunda116.983
Oficial de primeira112.154
Oficial de segunda95.781
Auxiliar85.275

Persoal mercantil propiamento dito:
Corredor de praza93.023
Dependente89.630
Dependente maior93.023
Axudante84.197

Táboas salariais que rexerán desde

o 1-12-1999 ó 30-12-2000

Categorías profesionaisIncremento 3%Salario base

Persoal de obradoiro:
Mestre obradoiro121.959
Encargado121.959
Oficial técnico de 1ª111.112
Oficial de 1ª111.112
Oficial de 2ª92.319
Axudante85.462
Peón82.269

Persoal de acabado e empaquetado:
Encargado111.963
Auxiliar de máis de 18 anos86.952

Persoal de oficios varios:
Oficial de 1ª111.963
Oficial de 2ª90.781
Oficial de 3ª85.462

Categorías profesionaisIncremento 3%Salario base

Subalternos:
Vixilante (mercantil)100.984
Vixilante (obradoiro)83.690
Sereno100.995
Persoal de limpeza (por horas)------

Administrativos:
Xefe de primeira125.495
Xefe de segunda120.492
Oficial de primeira115.519
Oficial de segunda98.654
Auxiliar87.833

Persoal mercantil propiamento dito:
Corredor de praza95.814
Dependente92.319
Dependente maior95.814
Axudante86.723