Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Martes, 16 de xaneiro de 2001 Páx. 656

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Saúde Pública, pola que se convoca un curso de aplicadores/manipuladores de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria. Nivel cualificado.

A Orde do 30 de xullo de 1997, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se establece na Comunidade Autónoma de Galicia a normativa reguladora para a homologación de cursos de capacitación para realizar tratamentos con praguicidas, así como para a obtención do carné de manipuladores destes productos, establece no seu artigo 9 a obrigatoriedade de que o organismo oficial responsable publique no Diario Oficial de Galicia a información correspondente a cada curso que vaia ter lugar.

Solicitado polo Instituto de Formación e Estudios Sociais e aprobado polas direccións xerais de Saúde Pública e Consumo do Ministerio de Sanidade e Consumo e de Agricultura do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, en consecuencia anúnciase a convocatoria dun curso de aplicadores/manipuladores de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria, nivel cualificado, de acordo coas seguintes bases:

1. Denominación do curso.

Curso de aplicadores/manipuladores de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria. Nivel cualificado.

2. Datos do organismo organizador.

Denominación: Instituto de Formación y Estudios Sociales (IFES)

Enderezo: c/ Cruceiro da Coruña, 14-baixo. Concello: Santiago de Compostela. Provincia: A Coruña. C.P.: 15891 Teléfono: 981 56 92 00. Fax: 981 58 93 06.

3. Obxectivos do curso.

Conseguir unha formación adecuada para o persoal dos establecementos e empresas que manipulen ou presten servicios de tratamentos con praguicidas fitosanitarios ou de uso ambiental e de uso na industria alimentaria, obxecto de que poidan obte-lo carné de manipulador destes productos que os capacite para exerceren a actividade en todo o territorio estatal.

4. Destinatarios.

-Destinatarios: persoal traballador das empresas de limpeza de edificios e locais adheridas ó plan agrupado de Formación da Federación de Servicios de UGT, que sexa responsable dos tratamentos.

-Nº de prazas: o número de alumnos que poderán participar será de 30 como máximo para cada curso.

-Criterios de selección: o solicitante deberá ter idade laboral para poder traballar con praguicidas (maior de 18 anos).

5. Lugar de realización.

As clases correspondentes a este curso levaranse a cabo en:

Denominación do centro: locais da UGT de Santiago de Compostela.

Enderezo: rúa Xeneral Pardiñas, 26. Concello: Santiago de Compostela. Provincia: A Coruña. C.P.: 15701.

-Duración e horario: o curso terá unha duración de 60 horas lectivas (40 teóricas e 20 prácticas) para realizar entre o 3 e o 20 de febreiro (ambos inclusive) de 2001, cun total de 6 días lectivos.

-O horario do curso será de 9 h a 14 h e de 16 h a 21 h.

6. Programa.

O temario que se impartirá é o que figura no anexo II.

7. Coordinadores técnicos dos cursos.

De acordo coa facultade conferida no artigo 10 da orde reguladora destes cursos, os coordinadores técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública serán:

Ana Vázquez Estepa, técnica da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

8. Solicitudes e inscrición.

As solicitudes de asistencia, de acordo cos modelos que figuran no anexo I, tramitaranse ó organismo organizador dos cursos.

O prazo de presentación será de 10 días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta resolución.

-Documentación: o persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar cuberta a solicitude que figura como anexo I, xunto cunha fotocopia compulsada do DNI.

-Admisión: a relación de solicitantes admitidos exporase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Saúde Pública, avda. Camiño Francés 10, baixo, en Santiago de Compostela, e do organismo convocante do curso, antes dos 3 días naturais contados a partir do prazo de finalización da inscrición.

9. Certificado de superación do curso.

É obrigatoria a asistencia a tódalas sesións do curso. Finalizado este, a entidade organizadora realizará as probas pertinentes que avalúen os coñecementos adquiridos polos alumnos e, no caso de superalas, expedirá o certificado co que poderá solicitar á Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o carné de manipulador de praguicidas de uso ambiental e de uso na industria alimentaria, nivel cualificado.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2000.

Pilar Farjas Abadía

Directora xeral de Saúde Pública

ANEXO II

Programa dos cursos para praguicidas de uso ambiental e na industria alimentaria

Nivel cualificado

1. Praguicidas. Clasificación. Xeneralidades e modo de acción. Toxicidade. Lexislación.

2. Transporte, almacenamento, distribución e venda. Lexislación.

3. Formulacións. Preparación. Equipos de aplicación.

4. Pragas de roedores. Estudio dos roedores. Raticidas. Desratización activa e pasiva.

5. Pragas de insectos e ácaros. Estudio deles. Insecticidas e acaricidas. Métodos de loita antivectorial en ambientes urbanos.

6. Desinfección. Productos usados. Técnicas.

7. Praguicidas e ambiente. Precaucións. Eliminación de restos e envases. Lexislación.

8. Precaucións e normas de seguridade. Equipos de protección persoal. Saúde laboral.

9. Prevención, diagnóstico e primeiros auxilios en caso de intoxicación por praguicidas. Antídotos.

10. Exercicios prácticos.

11. Proba de avaliación.

Mínimo de horas lectivas: 60.