Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 10 Luns, 15 de xaneiro de 2001 Páx. 612

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 10/2001, do 4 de xaneiro, polo que se declara o ano 2001 ano de Eladio Rodríguez González.

A Real Academia Galega decidiu dedica-lo Día das Letras Galegas do ano 2001 a Eladio Rodríguez González. Poeta e periodista fundamentalmente, a súa obra filolóxico-etnográfica contribuíu de xeito decisivo ó coñecemento de Galicia e do idioma galego.

Comezou de moi novo a súa carreira literaria como xornalista de diversos xornais e revistas da época.

Como poeta, a súa obra, eminentemente costumista, está composta con boa versificación e un profundo coñecemento do idioma.

Pero a faceta fundamental de Eladio Rodríguez González foi a súa contribución ó coñecemento do idioma galego no seu traballo máis monumental, o Diccionario Enciclopédico Gallego-Castellano. Este diccionario ó que dedicou toda a súa vida é unha obra fundamental, tanto no eido filolóxico coma no etnográfico, pois recolle nela refráns, cantigas e modismos populares.

Con este traballo que non vería publicado en vida e ó longo de toda a súa obra literaria, Eladio Rodríguez González pretendeu saca-lo idioma galego do esquecemento e mostralo a todo o que quixese entendelo.

Membro numerario fundador da Real Academia Galega, chegou a se-lo seu secretario e presidente. O seu labor incansable e calado como animador cultural faino merecedor dun posto de honra na nosa historia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día catro de xaneiro de dous mil un,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declárase o ano 2001 en Galicia ano de Eladio Rodríguez González, polo que debe constituír unha obriga para tódolos galegos participar na homenaxe debida a este insigne persoeiro da nosa historia.

Artigo 2º

As institucións públicas galegas, os centros de ensino, as bibliotecas, as asociacións e federacións culturais dependentes da Xunta de Galicia dedicarán unha parte da súa actividade a poñer de relevo a obra deste poeta, xornalista e escritor que tanto fixo polas letras galegas.

Artigo 3º

Como testemuña da homenaxe a Eladio Rodríguez González, a Xunta de Galicia cuñará unha medalla conmemorativa de trescentos exemplares numerados.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xaneiro de dous mil un.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo