Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Martes, 09 de xaneiro de 2001 Páx. 331

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2000, da Dirección Xeral de Xustiza, pola que se outorgan destinos correspondentes ó concurso de traslados do 8 de xuño de 2000, polo que se ofertaban prazas vacantes dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza.

Visto o expediente instruído como consecuencia do concurso de traslados convocado por Resolución do 8 de xuño de 2000 (BOE do 20 de xuño), para cubri-las prazas vacantes entre oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza.

Esta dirección xeral, de conformidade co disposto nos artigos 455 e 494 da Lei orgánica 6/1985, do 1 de xullo, do poder xudicial e os artigos 54, 55 e 57 do Real decreto 249/1996, do 16 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento orgánico dos corpos de oficiais, auxiliares e axentes da Administración de xustiza,

DISPÓN:

Primeiro.-Facer públicos os destinos que con carácter definitivo se lles adxudicaron ós funcionarios que participaron no concurso de traslados convocado por resolución da data mencionada anteriormente, que se corresponden cos relacionados no anexo I da resolución da convocatoria.

Non adxudica-la praza correspondente ó corpo de axentes no Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Pontevedra, ó ter sido amortizada por acordo da Dirección Xeral de Relacións coa Administración de Xustiza do Ministerio de Justicia do 24 de xullo de 2000, polo que se aprobou o cadro de persoal do Servicio Común de Notificacións e Embargos da dita capital e se reduciu o cadro de persoal do decanato e xulgados de Primeira Instancia e Instrucción de Pontevedra.

Segundo.-Excluír do concurso de traslados os funcionarios que no anexo II se relacionan.

Terceiro.-Declarar caducadas as instancias presentadas polos participantes no presente concurso que non obtiveron destino, polo que non se terán en conta en futuros concursos de traslados.

Cuarto.-Declarar desertas as prazas non adxudicadas no presente concurso salvo que se pretendan amortizar mediante modificación do cadro de persoal orgánico ou reordenación de efectivos dun centro de traballo, polo que se cubrirán na forma prevista no art. 458 da Lei orgánica do poder xudicial por funcionarios de novo ingreso.

Quinto.-O cesamento deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes á publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, tendo que tomar posesión do novo destino obtido por concurso nos tres días naturais seguintes ó cesamento, se non hai cambio de localidade, ou nos 10 días naturais seguintes no caso contrario. O prazo para tomar posesión será retribuído pola Administración competente respecto á praza obtida en concurso.

Se a resolución comporta reingreso no servicio activo á Administración de xustiza nos corpos de oficiais, auxiliares ou axentes, o prazo posesorio deberá computarse desde o día seguinte ó da publicación desta resolución no Boletín Oficial del Estado, mais neste caso o dito prazo non resulta retribuído, xa que se produce antes de formalizarse o reingreso nos corpos de oficiais, auxiliares ou axentes e, polo tanto, non pode ser computado como de servicios efectivos.

No caso de que os funcionarios reingresados por medio do presente concurso se atopen en activo noutro corpo e non desexaran que se lles interrompese a súa relación de servicio coa Administración, dada a necesidade de contar co tempo indispensable para efectua-la toma de posesión, poderán solicitar ó presidente, xuíz, fiscal ou xefe do organismo do seu actual destino, un permiso retribuído dun día cando teña lugar dentro da mesma localidade ou de dous en caso contrario, agás aqueles casos que teñan que desprazarse a Canarias, Illas Baleares, Ceuta ou Melilla, no que o permiso poderá ser de ata tres días (art. 66.1º g) do regulamento orgánico), tendo o cesamento no seu anterior destino data inmediatamente anterior á da súa posesión na nova praza de reingreso.

Esta Comunidade Autónoma ou aquela Administración competente concederálle-la excedencia de oficio no corpo de procedencia se esta se produce nun corpo ó servicio da Administración de xustiza, e o cesamento neste destino terá data anterior á da súa posesión nos corpos de oficiais, auxiliares ou axentes, co obxecto de evita-la interrupción na percepción dos seus haberes.

Os funcionarios interinos que actualmente ocupen as prazas adxudicadas cesarán como consecuencia da posesión do seu titular.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo da provincia da Coruña no prazo de dous meses desde o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial del Estado.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2000.

Mª Reyes Carabel Pedreira

Directora xeral de Xustiza

ANEXO II

Oficiais.

Excluír do concurso, por non levar un ano, o seguinte funcionario:

Manso Bernárdez, José Francisco.

Excluír do concurso, por teren obtido praza na resolución definitiva do 4-9-2000 de agrupacións de secretarías de Paz, os seguintes funcionarios:

Besteiro Ares, Mª del Carmen.

Cabanas Seijó, Mª Soledad.

Auxiliares.

Excluír do concurso, por non levaren un ano, os seguintes funcionarios:

Barandela Cid, Clara Marina.

Gómez González, Elizabeth.

Salgado Álvarez, Rosa.

Excluír do concurso, por non tomar posesión do seu destino (art. 57.a) do R.O.):

Alvar Afonso, María Elena.

Axentes.

Excluír do concurso, por non levaren un ano, os seguintes funcionarios:

Barrosa Bernárdez, Mª Dolores.

Broullón González, José Luis.

Gómez Fernández, Ramiro.

Muñoz Luaces, Luis Alberto.

Suprímense as seguintes prazas:

Axentes.

Xulgado de Primeira Instancia e Instrucción número un de Pontevedra.