Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Venres, 05 de xaneiro de 2001 Páx. 206

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 4 de decembro de 2000 pola que se clasifica como de interese cultural a Fundación Enclave.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Enclave, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. A fundación formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela, o día 24 de xullo de 2000, ante o notario José Antonio Montero Pardo, co número mil catrocentos dez do seu protocolo, por Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, Antonio S. Fernández Oca, Xoán Rama Trillo, Francisco Marcelino Quintela Romero, Manuel Portas Fernández, Xoán Antonio Rodríguez Vázquez, Alexandre Sánchez Vidal, Xoán Carlos Bascuas Jardón e Marta López López que interveñen en nome propio, e Alberte Xullo Rodríguez Feixóo como secretario nacional na representación do partido político Esquerda Nacionalista.

3. Segundo consta no artigo 5 dos seus estatutos, o obxecto da fundación é:

a) O fomento e a realización de actividades culturais que teñan por fin o estudio e o desenvolvemento do pensamento político, social, económico e cultural de Galicia.

b) Fomenta-lo estudio e a investigación en materia de formación da cidadanía galega.

c) Colaborar no estudio das necesidades de formación e cualificación da colectividade galega en función das demandas sociais, do desenvolvemento rexional, tecnolóxico e económico.

d) Prestar atención especial ó estudio e á formación de sectores sociais desfavorecidos, con necesidades especiais ou de integración, co fin de conseguir un progreso social e solidario para a totalidade dos galegos.

e) Difundi-lo pensamento político daquelas persoas e entidades que traballan, dentro de legalidade vixente, pola consecución da soberanía da nación galega, o progreso social e a profundación da democracia na perspectiva de acadar unha sociedade galega e mundial máis libre, xusta e solidaria.

f) Promove-lo coñecemento na sociedade da personalidade nacional de Galicia e da súa historia impulsando o seu estudio e a súa proxección pública.

g) Profundar no coñecemento da realidade galega, na súa dimensión política, social, cultural e económica.

h) Aumenta-la formación política dos cidadáns, profundar no debate político e impulsa-la sensibilización e a concienciación da sociedade sobre a realidade e problemáticas propias da nación galega e a visión do mundo desde unha perspectiva nacional galega.

4. O padroado da fundación estará composto por Alberte Xullo Rodríguez Feixóo, Xosé Francisco Ferreiro Abelleira, Antonio Fernández Oca, Xoán Rama Trillo, Francisco Quintela Romero, Manuel Portas Fernández, Xoán Antonio Rodríguez Vázquez,

Alexandre Sánchez Vidal, Xoán Carlos Bascuas Jardón e Marta López López.

5. A comisión integrada polos secretarios generales de tódalas consellerías eleva ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Enclave, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, quen exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 28 de novembro de 2000.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como de interese cultural a Fundación Enclave adscribíndoa á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, catro de decembro de dous mil.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración

Pública