Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Martes, 19 de decembro de 2000 Páx. 16.663

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 5 de decembro de 2000 pola que se convoca unha bolsa de cooperación no proxecto de investigación Curso Multimedia de Lingua Galega para o Instituto da Lingua Galega.

Ó abeiro do establecido na normativa de nomeamento de bolseiros propios a cargo de proxectos, convenios e contratos de investigación asinados pola Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade de Santiago de Compostela (Instituto da Lingua Galega) convoca unha bolsa de cooperación para o proxecto Curso Multimedia de Lingua Galega.

1. Duración.

A bolsa terá unha duración dun ano, con posibilidade de renovación.

2. Dotación económica.

A dotación económica será de 81.300 pesetas brutas mensuais.

Dedicación: 24 horas semanais.

Para atende-lo gasto que supón a bolsa existe crédito suficiente na aplicación 6025.XA23.64200 do orzamento vixente.

3. Requisitos.

Poderán optar á bolsa tódolos cidadáns da Unión Europea, maiores de idade e con plena capacidade para obrar, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Seren licenciados universitarios na especialidade de Filoloxía Galega ou Filoloxía Hispánica (subsección Galego-Portugués).

b) Teren nota media igual ou superior a 2 puntos no expediente académico da licenciatura. A media calcularase dividindo o total de puntos polo número de convocatorias, tendo en conta que a nota de aprobado vale 1 punto, notable 2 puntos, sobresaliente 3 puntos e matrícula de honra 4 puntos.

c) Non seren traballadores por conta propia ou allea, nin recibiren remuneración de ningún tipo ou gozaren dunha bolsa ou axuda semellante.

4. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será de dez (10) días hábiles, contados desde o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria.

5. Solicitudes.

As solicitudes, dirixidas ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, serán presentadas nos rexistros xerais da universidade, sitos no Colexio San Xerome, praza do Obradoiro, s/n, Santiago de Compostela, nos servicios centrais do Campus de Lugo, edificio Biblioteca Intercentros, 27002 Lugo, no rexistro da Oficina de Investigación e Tecnoloxía, edificio Cactus, Campus Sur, 15706 Santiago de Compostela ou por calquera outro dos procedementos establecidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6. Documentación.

-Certificado de estudios que acredite a titulación universitaria, as cualificacións obtidas e o número de convocatorias consumidas en cada unha das materias da licenciatura.

-Currículum vitae con indicación dos estudios, actividades, publicacións e outros méritos, acompañado da documentación acreditativa de tódolos méritos que se aleguen.

-Declaración xurada de non desempeñar actividade profesional remunerada por conta propia ou

allea, nin gozar de bolsas ou axudas equiparables á convocada.

7. Tribunal.

O tribunal estará composto polo vicerrector de Investigación ou persoa delegada, e polos seguintes membros do ILG: o director, o secretario, un membro do Consello Científico e un representante dos bolseiros.

8. Selección do bolseiro.

A selección do bolseiro será realizada polo tribunal, que fará unha valoración dos méritos achegados. Ademais do expediente académico, tomaranse en consideración outras titulacións, os estudios de terceiro ciclo, a experiencia investigadora, publicacións e outros méritos que se aleguen. Valoraranse igualmente os coñecementos de informática (nivel de usuario) e os coñecementos de programación HTML. De consideralo necesario, o tribunal poderá facerlles unha entrevista ós candidatos preseleccionados.

9. Nomeamento.

O bolseiro será nomeado polo rector de acordo coa proposta do tribunal. O bolseiro seleccionado deberá presentarse na sede do Instituto da Lingua Galega dentro dos dez días seguintes ó da notificación da súa selección.

10. Incidencias.

A solicitude de bolsas implica o coñecemento e aceptación das presentes bases.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación laboral nin administrativa coa Universidade de Santiago de Compostela.

11. Outros.

As listas de admitidos e excluídos a este concurso, tanto as provisorias como as definitivas, publicaranse no taboleiro de anuncios do Rectorado (única notificación válida: artigo 59.04 b) da Lei 30/1992) Así mesmo serán publicadas no taboleiro de anuncios do CITT e do Instituto da Lingua Galega.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados desde a súa publicación, ó abeiro do artigo 58 da LXCA, debendo comunicarlle previamente ó rector da universidade a súa interposición de conformidade co artigo 110.3º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 5 de decembro de 2000.

F. Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade de Santiago de Compostela