Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 236 Martes, 05 de decembro de 2000 Páx. 16.097

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 286/2000, do 1 de decembro, polo que se crea o Consello Galego de Seguridade Alimentaria.

O artigo 43 da Constitución española de 1978 recoñece o dereito á protección da saúde. No seu punto 2º o artigo establece que lles compete ós poderes públicos organizar e tutela-la saúde pública a través das medidas preventivas, prestacións e servicios necesarios.

O artigo 48 da Lei 14/1986, do 25 de abril, xeral de sanidade, establece que o Estado e as Comunidades Autónomas poderán constituír comisións e comités técnicos, celebrar convenios e elabora-los programas que se requiran para a maior eficacia e rendibilidade de servicios sanitarios.

Así mesmo, o artigo 18.10º da Lei 14/1986 establece que as administracións públicas, a través dos seus órganos competentes, desenvolverán, entre outras, actuacións de control sanitario e prevención de riscos para a saúde derivados de productos alimentarios, incluíndo a mellora das súas calidades nutritivas.

No artigo 19º establece que as autoridades sanitarias proporán ou participarán con outros departamentos na elaboración e execución da lexislación sobre, entre outros, alimentos e industrias alimentarias.

O Real decreto 44/1996, do 19 de xaneiro, polo que se adoptan medidas para garanti-la seguridade dos productos postos á disposición do consumidor, establece no seu artigo 3 a obriga dos productores e distribuidores de comercializar unicamente productos seguros.

O Real decreto 2207/1995, do 28 de decembro, polo que se establecen as normas de hixiene relativas ós productos alimenticios, no seu artigo 3 recolle que as empresas do sector alimenticio deberán indica-las fases da súa actividade que resulten determinantes para a seguridade dos alimentos e velarán porque se definan, se poñan en práctica e se cumpran e actualicen procedementos de seguridade axeitados.

A pesar dos logros de aplicación destes principios de prevención e corresponsabilidade do sector, as recentes crises vividas polos productos alimenticios no seo da Unión Europea teñen demostrada a necesidade de incrementa-las medidas e face-las extensivas á producción primaria, onde se poden producir graves riscos para a seguridade dos alimentos que dela deriven.

A coordinación entre tódalas unidades administrativas con competencia no sector, as administracións locais e os consumidores, perfílase como imprescindible para consegui-lo aumento da eficacia das medidas destinadas á prevención de riscos así

como aquelas que se produzan como consecuencia da detección de problemas de saúde derivados do consumo de alimentos.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Industria e Comercio, de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de Sanidade e Servicios Sociais, de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e de Medio Ambiente e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día un de decembro de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Consello Galego de Seguridade Alimentaria, en diante o consello, como órgano colexiado da Administración da Xunta de Galicia de carácter asesor e de participación de tódolos axentes sociais con interese na seguridade alimentaria, co fin de impulsar accións coordinadas e eficaces na prevención de riscos na alimentación e para conseguir unha optimización do emprego de recursos destinados a este fin.

Servirá así mesmo como foro de debate sobre a problemática da seguridade alimentaria e como órgano de coordinación das actuacións e informacións que se adopten en situacións de risco ou de alerta que se produzan no ámbito alimentario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Funcións.

O Consello Galego de Seguridade Alimentaria exercerá as seguintes funcións:

a) Coñecer e emitir dictames sobre os proxectos de disposicións de carácter xeral que afecten, directa ou indirectamente, á seguridade alimentaria en Galicia.

b) Coñecer e emitir dictames sobre as actividades que os diferentes departamentos da Xunta realicen e que afecten, directa ou indirectamente, a seguridade alimentaria.

c) Formular propostas e emitir informes sobre cuestións de seguridade alimentaria que contribúan a mellora-la eficacia das actividades dos diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

d) Propoñe-la realización de estudios de avaliación de risco en materia de seguridade alimentaria.

e) Crear e dispoñer dunha base documental acerca de evidencias científicas en materia de avaliación e manexo de riscos para a seguridade alimentaria.

f) Formular propostas e emitir informes acerca da difusión de información á poboación xeral de Galicia en materia de medidas de prevención de riscos para a seguridade alimentaria.

g) Coñecer e emitir dictames acerca das actividades de fomento da calidade nas produccións agroalimentarias galegas.

h) Coñece-los informes de avaliación que a Comisión Europea realice das actividades dos diferentes departamentos da Xunta que afecten, directa ou indirectamente, a seguridade alimentaria.

i) Fomenta-la colaboración entre tódalas administracións públicas, nacionais ou internacionais, con competencia na materia.

j) Fomenta-la celebración de seminarios, xornadas, actos ou foros tendentes a coñecer, analizar ou mellora-la seguridade alimentaria.

k) Formular propostas e emitir informes acerca das medidas que hai que adoptar en situacións de crise ou alerta alimentaria, así como das medidas máis efectivas de comunicación do risco á poboación xeral.

Artigo 3º.-Composición.

1. O Consello Galego de Seguridade Alimentaria estará composto por:

-Copresidentes: o conselleiro de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

-Vicepresidentes: os titulares das direccións xerais de Producción Agropecuaria da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Alimentaria e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-Vocais:

-3 representantes, con rango de polo menos subdirector xeral, da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria.

-2 representantes, con rango de polo menos subdirector xeral, da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-2 representantes, con rango de polo menos subdirector xeral, da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

-1 representante, con rango de polo menos subdirector xeral, do Instituto Galego de Consumo, adscrito á Consellería de Industria e Comercio.

-1 representante, con rango de polo menos subdirector xeral, da Consellería de Medio Ambiente.

-1 representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.

-1 representante de cada unha das universidades de Galicia, especialista en temas de seguridade alimentaria.

-3 representantes das organizacións de consumidores con maior número de socios das inscritas no rexistro oficial.

-3 representantes da Confederación Galega de Empresarios con participación no sector alimentario galego.

-Un secretario: actuará como secretario un funcionario, con voz pero sen voto, do Servicio de Pro

tección Fronte a Riscos Xerais, da Dirección Xeral de Saúde Pública.

2. No seo do Consello Galego para a Seguridade Alimentaria créase unha comisión executiva, composta polos copresidentes, vicepresidentes e 5 representantes elixidos polo Pleno de entre os seus membros e o secretario do Pleno que exercerá, coas mesmas atribucións, de secretario da comisión executiva.

3. Sen prexuízo do sinalado no punto 1 deste artigo, os copresidentes, escoitado o Pleno, poderán incorporar a este, con carácter permanente ou eventual, a calquera representante doutros centros directivos, organismos ou institucións públicas ou privadas para que, con voz pero sen voto, preste a súa colaboración ou asesoramento ó consello.

Artigo 4º.-Nomeamentos.

1. Tódolos membros do consello serán nomeados por orde conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Sanidade e Servicios Sociais, por proposta das unidades administrativas ou institucións públicas ou privadas ás que representen. Tamén serán nomeados os suplentes de cada un dos membros ordinarios do consello.

2. O nomeamento dos membros e suplentes farase por un período de dous anos, renovables a contar dende a data da súa publicación no DOG.

3. No suposto de que o membro ordinario perdese a súa representatividade, pasará a ser membro ordinario o suplente.

4. No caso de que ámbolos dous, membro ordinario e suplente, perdesen a súa representatividade procederase, por parte dos conselleiros de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria e de Sanidade e Servicios Sociais, de acordo co recollido no punto 1 deste artigo.

Artigo 5º.-Funcionamento do Consello.

1. O Consello Galego de Seguridade Alimentaria exercerá as súas funcións a través dos seguintes órganos:

-O Pleno.

-A Comisión Executiva.

-As comisións sectoriais.

2.a) O Pleno estará integrado pola totalidade dos seus membros, mencionados no artigo 3º, baixo a dirección dos seus copresidentes e asistido polos vicepresidentes e o secretario.

b) Para a constitución válida do Pleno será necesaria a asistencia da maioría dos seus membros en primeira convocatoria e, polo menos, dun tercio deles na segunda.

En todo caso, será necesaria a asistencia dos copresidentes ou dos vicepresidentes e da persoa que actúe como secretario.

c) Os acordos do Pleno adoptaranse por maioría simple dos asistentes.

c) Os acordos do Consello serán adoptados baixo a forma de informes, dictames ou estudios.

3. Á Comisión Executiva, creada no artigo 3º.2 deste decreto, corresponderanlle as funcións que lle atribúa o Pleno no Regulamento de réxime interno do Consello.

4. As comisións sectoriais poderán constituírse, con carácter permanente ou para cuestións especiais, por aprobación do Pleno, de entre os seus membros e a elas poderanse incorpora-las persoas que de acordo co recollido no artigo 3º.3 deste decreto presten a súa colaboración ou asesoramento ó Consello.

5. Serán funcións dos copresidentes, ou se é o caso dos vicepresidentes:

a) Formula-la orde do día das sesións do Pleno e a Comisión Executiva, na forma que se estableza no regulamento interno.

b) Convoca-las sesións do Pleno, Comisión Executiva e modera-lo desenvolvemento dos debates.

c) Visa-las actas e ordena-la comunicación dos acordos á Xunta de Galicia e ós conselleiros con competencia na materia.

d) Dirixi-las actuacións do consello e desempeña-la súa representación.

No caso do punto i) do artigo 2º deste decreto, a dita representación poderase delegar en calquera dos membros do Pleno de acordo co que se estipule no Regulamento interno do consello, por proposta dos copresidentes.

e) As demais funcións que lle encomende o Regulamento interno do consello.

6. Serán funcións do secretario do consello:

a) Convoca-las sesións do Consello ou a Comisión Executiva por orde dos seus copresidentes, e asistir a elas con voz pero sen voto.

b) Redacta-las actas das sesións, autorizalas coa súa sinatura e co visto e prace dos copresidentes ou vicepresidentes.

c) Da-lo curso correspondente ós acordos que se adopten.

d) Custodia-la documentación do consello.

e) Exerce-las funcións económicas e orzamentarias do consello.

f) Elabora-lo anteproxecto de orzamento anual, para sometelo á consideración do Pleno.

g) Cantas outras lle sexan atribuídas polo Regulamento interno do consello.

7. O Consello elaborará un regulamento interno que será aprobado polo Pleno do Consello.

8. Nas comisións sectoriais haberá un secretario, nomeado de entre os seus membros, que exercerá

as mesmas funcións recollidas nas letras a), b), c), do punto 6 do presente artigo.

9. O Consello realizará anualmente unha memoria que conteña os aspectos económicos e as actuacións desenvolvidas no cumprimento das súas funcións.

10. O Pleno reunirase, polo menos en sesión ordinaria, catro veces ó ano. Así mesmo poderase reunir, con carácter extraordinario, por iniciativa dos copresidentes ou dun tercio dos seus membros.

Artigo 6º.-Réxime xurídico.

O réxime xurídico de funcionamento será o preceptuado no capítulo II do título II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

No demais estará suxeito ó disposto no Regulamento interno do consello.

Artigo 7º.-Financiamento.

As dotacións orzamentarias necesarias para o funcionamento do Consello cubriranse coas partidas que, para tal efecto, se consignen nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para tal fin, o Pleno do Consello aprobará, anualmente, un anteproxecto de orzamento que se remitirá á Consellería de Economía e Facenda para que se siga o trámite legalmente establecido.

Disposicións transitorias

Primeira.-Dentro do prazo dos dous meses seguintes á entrada en vigor do presente decreto, haberá de procederse á designación dos membros do Consello, segundo o establecido nel.

Segunda.-Trascorrido o prazo sinalado na disposición transitoria primeira e unha vez publicados os nomeamentos no Diario Oficial de Galicia, os copresidentes convocarán, para a súa constitución dentro dos 30 días hábiles seguintes, o Pleno do Consello.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltanse os conselleiros de Industria e Comercio, de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, de Sanidade e Servicios Sociais, de Pesca, Marisqueo e Acuicultura e de Medio Ambiente, para dicta-las disposicións necesarias para facilita-lo correcto funcionamento do Consello Galego de Seguridade Alimentaria.

Segunda.-O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, un de decembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública