Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 230 Martes, 28 de novembro de 2000 Páx. 15.838

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de novembro de 2000 pola que se convocan unhas Xornadas sobre Internet desde a perspectiva administrativa e xurídica.

Dentro do Plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas Xornadas sobre Internet desde a perspectiva administrativa e xurídica, en colaboración coa Revista del Derecho de las Telecomunicaciones e Infraestructuras en Red (Redeti) e co Ilustre Colexio Notarial da Coruña, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Internet é sen dúbida o fenómeno do noso tempo, pero é un fenómeno cunha introducción que hai que impulsar nas administracións e organismos públicos. Tanto a Comisión Europea coma o Goberno español comparten a idea de que as administracións públicas deben representa-lo papel de avanzada da aplicación das técnicas telemáticas, e a Comunidade Autónoma galega é unha das mellores mostras de que isto é posible. Pero sempre pode facerse máis; o enriquecemento dos funcionarios na cultura Internet contribuirá a mellora-la aplicación dos sistemas xa existentes, a crear outros novos, e a articular mellor uns e outros.

Dos múltiples modos posibles de enfocar Internet, a perspectiva xurídico-administrativa parece especialmente adecuada para unha escola de formación de funcionarios, tanto pola formación de base dos destinatarios das xornadas, canto por ser unha das menos tratadas nos traballos e publicacións que se ocupan de Internet.

Nestes intres, en que estamos a finaliza-lo derradeiro ano do século XX, parece necesario mirar cara adiante, cara ó século XXI; calquera que así o faga, tropezará necesariamente con Internet. A crise bolsista das empresas tecnolóxicas xunto co drástico encarecemento do prezo do petróleo conforman unhas circunstancias económicas que nos fan pensar nas telecomunicacións e no seu novo paradigma, Internet. A rede de redes faise cada vez máis útil pero, entón, ¿por que a crise bolsista? As administracións comezaron a renovarse con métodos tecnolóxicos, pero as dúbidas acumúlanse: ¿é suficiente cunha notificación por correo electrónico? ¿como garanti-la intimidade dos datos en medios electrónicos, etc...

Mais esta visión non se pecha ou limita ó campo meramente administrativo, senón que se estenderá a outros eidos, de índole xurídico xeral, no que o fenómeno de Internet, e da informática nun sentido mais amplo, está a xogar un moi importante papel nos nosos días.

Reflexionar e abrir un debate sobre as cuestións expostas constitúen os principais obxectivos destas xornadas.

2. Contido.

Trataranse, entre outros, estes temas:

-As telecomunicacións na era de Internet.

-Problemas e equilibrios de Internet desde a perspectiva xurídico-administrativa.

-Cuestións legais sobre Internet.

-Internet e as tecnoloxías telemáticas na Administración.

-O conflicto entre os nomes de dominio en Internet e as marcas.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as xornadas convocadas terán lugar no salón de actos do Ilustre Colexio Notarial da Coruña (sito na rúa Arcebispo Lago, 12, da citada cidade), os días 13 e 14 de decembro de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 11 de decembro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obte-la confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 12 de decembro, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate destas xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 23 de novembro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública