Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 223 Venres, 17 de novembro de 2000 Páx. 15.385

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 8 de novembro de 2000 pola que se adxudican as axudas correspondentes ó Programa xeolóxico mineiro do Plan Galego de IDT para o ano 2000, en réxime de concorrencia competitiva, convocadas pola Orde do 7 de xuño de 2000 (Diario Oficial de Galicia do 22 de xuño).

A orde conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Industria e Comercio do 7 de xuño de 2000 (Diario Oficial de Galicia do 22 de xuño), aproba as bases polas que se regula a convocatoria e o réxime de concesión de axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada nas áreas de xeoloxía e minería (anexo I) e a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento empresarial (anexo II) correspondentes ó Programa de investigación xeolóxica e mineira do Plan Galego de IDT para o ano 2000.

Nas bases 7 e 8 do anexo I e 8 e 9 do anexo II da mencionada orde de convocatoria, determinábanse os criterios de selección que deberían ter en conta os membros da respectiva comisión de selección e técnica de valoración designados polo secretario xeral de Investigación e Desenvolvemento e polo director xeral de Industria.

Na súa virtude, e atendendo á proposta elaborada pola comisión de selección e técnica de valoración, e en virtude das competencias atribuídas ás consellerías da Presidencia e Adminsitración Pública e de Industria e Comercio,

RESOLVEMOS:

Primeiro.-Concede-las axudas para grupos de investigación que traballen en investigación aplicada industrial ós investigadores que se relacionan no anexo I desta resolución, na contía e polas anualidades que en cada caso se sinalan. Os proxectos que figuran no anexo I con autorización para contratar persoal deberán realiza-la contratación conforme as normas establecidas nas bases da convocatoria.

Segundo.-Concede-las axudas para a realización de proxectos de investigación e desenvolvemento empresarial ás empresas que se relacionan no anexo II da presente resolución, na contía e polas anualidades que se sinalan.

Terceiro.-Denega-las axudas ós grupos e ás empresas que se relacionan no anexo III polos motivos que nel se sinalan.

Cuarto.-A inobservancia por parte dos beneficiarios de calquera das bases establecidas na referida orde da convocatoria, suporá a perda do dereito a percibi-la axuda correspondente.

Quinto.-Tendo en conta o atraso producido na resolución destas axudas motivado polo longo proceso de avaliación dos proxectos considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación, establecido na Orde do 7 de xuño de 2000 (DOG do 22 de xuño), dos investimentos realizados no ano 2000 polos beneficiarios, razón pola que resolvemos amplialo ata o 27 de novembro de 2000.

Sexto.-Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública ou de Industria e Comercio, segundo proceda, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da sua notificación, consonte os artigos 116 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento

administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co previsto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte á súa notificación, e sen prexuízo de os interesados poderen exercer calquera outro que consideren oportuno.

Disposición derradeira

A presente resolución entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2000.

Jaime Pita Varela Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro da Presidencia Conselleiro de Industria e Comercio

e Administración Pública