Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 221 Mércores, 15 de novembro de 2000 Páx. 15.295

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA E PROMOCIÓN DO EMPREGO, MULLER E XUVENTUDE

ORDE do 7 de novembro de 2000 polo que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, da Fundación Ronsel, da Coruña.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ronsel.

Supostos de feito.

Primeiro.-Con data do 8 de agosto de 2000 solicitouse o recoñecemento de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Ronsel, por medio de escrito presentado por Luis García Rodríguez, actuando como representante.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 18 de xullo de 2000, ante o

notario da Coruña, Pablo Valencia Ces, co número 2006 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por tódolos secretarios xerais, elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública, proposta de clasificación como benéfico docente da Fundación Ronsel, dado o seu obxecto, polo que, cumprindo cos requisitos recollidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, de fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e segundo se dispón no Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego (Decreto 248/1992, do 18 de xuño), correspóndelle a execución das facultades inherentes a aquel, á Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Cuarto.-A vista da proposta da Comisión de Secretarios Xerais, pola orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 2 de outubro de 2000 (Diario Oficial de Galicia nº 202, do 18 de outubro), clasificouse como benéfico docente a Fundación Ronsel, tendo en conta o disposto no artigo 32.2º c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego.

Quinto.-Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos é obxecto e finalidade da fundación o desenvolvemento e fomento económico galego, e moi particularmente, a creación de emprego así como a mellora competitiva do tecido empresarial.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros, os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta o obxecto e a denominación (Fundación Ronsel), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación está integrado polos seguintes membros:

Presidente: Luis García Rodríguez.

Vicepresidente: Luis García Deber.

Secretaria: Mª Teresa Castro López.

Tesoureiro: Rafael Vázquez Cobas.

Vocal: Margarita Borreguero Villanueva.

Sétimo.-A secretaría xeral da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu con data 30 de outubro de 2000.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta Comunidade Autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, así como co artigo 1 do Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións, da Fundación Ronsel, dado o seu obxecto, coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ó abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, da nova redacción ó artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo a obriga de, por unha banda, formular e presenta-lo orzamento de ingresos e gastos ó protectorado con anterioridade ó inicio do exercicio económico, e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do presuposto de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ó protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no Rexistro de fundacións, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 30/1994, do 24 de novembro, de fundacións e incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral; a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego; o Decreto 488/1997, do 26 de decembro, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento dela e a de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Ronsel, da Coruña.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, para o que o padroado aboou a taxa correspondente en virtude do disposto na Lei 13/1991, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceiro.-Aproba-los seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ó disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios, quedando obrigada a render contas anualmente ó protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual, o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presenta-lo proxecto de orzamento con anterioridade ó inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicita-las preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra a presente resolución, que pon fin a vía administrativa, poderá interpoñer recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contado a partir do día seguinte ó da notificación desta resolución. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producira a desestimación presunta do recurso de reposición.

Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2000.

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude