Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 217 Xoves, 09 de novembro de 2000 Páx. 15.069

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 27 de outubro de 2000 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de nove bolsas de colaboración en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e se anuncia a súa convocatoria.

O artigo 1 do Decreto 213/1998, do 10 de xullo, en harmonía co artigo 27 do Estatuto de autonomía para Galicia, establece a competencia da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para a promoción e o ensino da lingua galega e o fomento da investigación.

Dentro do plan de actividades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para 2000 figura a convocatoria pública de bolsas de investigación para realizar proxectos concretos sobre lingüística, literatura, antropoloxía e historia galegas, no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

O seu outorgamento enmárcase dentro das funcións atribuídas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no artigo 3 do Decreto 25/1993, do 11 de febreiro (DOG nº 34, do 19 de febreiro), de creación e posta en funcionamento do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, modificado polo Decreto 330/1997, do 13 de novembro (DOG nº 227, do 24 de novembro).

Na súa virtude, apróbanse as seguintes

Bases:

Primeira.-Finalidade.

Unha das finalidades fundamentais que ten o Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades é a de propicia-la formación investigadora de bolseiros.

Segunda.-Obxecto.

O concurso ten por obxecto a adxudicación de nove bolsas de colaboración nos proxectos concretos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, e que se inclúen como anexos a esta orde, nos que se detallan os requisitos específicos que deben reuni-los solicitantes.

Terceira.-Contía das bolsas.

O importe das bolsas incluirá:

-Unha asignación mensual de 122.000 pesetas, coa retención fiscal que corresponda, que será incompatible con calquera outra axuda ou actividade remunerada.

-Seguro de asistencia médica e seguro combinado de accidentes.

Para o gasto que se proxecta existe crédito adecuado e suficiente na partida orzamentaria 07.06.353E.480.2, por unha contía máxima total de 1.200.000 pesetas (1.098.000 pesetas, correspondente ó pagamento das mensualidades e de 102.000 pesetas para o pagamento da asistencia sanitaria) correspondente ós orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

O pagamento da bolsa realizarase mensualmente, logo do informe do director de investigación, sempre

que os traballos se desenvolvan con normalidade e de acordo coas bases establecidas.

Cuarta.-Duración.

A data de incorporación ó centro será dentro dos dez días seguintes ó da notificación da adxudicación. O bolseiro que non se incorpore no prazo establecido perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa xustificada de atraso apreciada polo coordinador científico do Centro Ramón Piñeiro.

Por resolución do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, a concesión da bolsa será ata o día 31 de decembro de 2000; o tempo máximo de desfrute da bolsa para este ano non poderá ser superior a un mes, podendo prorrogarse anualmente ata un máximo total, incluídas as prórrogas, de tres anos, á vista do traballo realizado polo bolseiro, sempre que o proxecto ó que estea vinculado requira do seu labor e así o permitan as dispoñibilidades orzamentarias. No suposto de prórroga, a dotación económica poderá incrementarse de acordo co índice de prezos ó consumo que se estableza para cada ano.

Quinta.-Requisitos xerais.

a) Posuí-la nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión do título de licenciado.

c) Acreditar coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

d) Non ter sido separado do servicio de ningunha Administración ou institución como consecuencia de expediente disciplinario.

e)Non poderán participar nesta convocatoria persoas que, reunindo estes requisitos, resultasen beneficiarios dunha bolsa ou contrato en concursos anteriores do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Sexta.-Solicitudes.

As solicitudes, no modelo que se xunta como anexo, irán dirixidas ó coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e entregaranse na sede deste (estrada Santiago de Compostela-Noia, km 3, A Barcia, 15896 Santiago de Compostela), ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será de quince días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta convocatoria no DOG, xunto coa documentación seguinte:

-Certificación académica persoal completa.

-Currículum vitae, xunto con cantos documentos poidan avalalo.

-Acreditación de coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento.

-Fotocopia do DNI ou pasaporte.

-Declaración xurada comprometéndose a renunciar, se fose seleccionado, á percepción doutras remuneracións, bolsas ou axudas, e tamén de non ter sido separado do servicio de ningunha Admi

nistración nin institución pública como consecuencia de expediente disciplinario.

-Declaración xurada de non percibir outras axudas ó inicio e ó remate da bolsa.

Tódolos documentos deberán ser orixinais ou copias cotexadas con eles.

Vistas tódalas solicitudes daráselle un prazo de 10 días para emenda-la falta de documentación; transcorridos estes días sen a devandita emenda arquivaranse os devanditos expedientes.

Sétima.-Comisión de valoración.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión presidida polo coordinador-científico do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades e composta por tres vocais propostos por aquel e nomeados polo director xeral de Política Lingüística. Actuará como secretario o secretario do centro. Esta comisión poderá solicitar informes previos sobre as solicitudes presentadas ós directores dos proxectos de investigación implicados.

O presidente da comisión elevará informe sobre os candidatos e candidatas seleccionados e suplentes, se é o caso, ó director xeral de Política Lingüística, que transmitirá ese informe ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. A resolución publicarase no DOG.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de dous meses desde a data da súa publicación no DOG.

Oitava.-Baremo para a selección dos bolseiros.

-Titulación do solicitante e expediente académico: ata un máximo de catro puntos.

-Currículum vitae do solicitante e experiencia investigadora en proxectos de investigación similares: ata un máximo de catro puntos.

-Ademais do exame da documentación presentada, a comisión poderá convoca-los solicitantes a unha entrevista persoal para valora-los seus coñecementos sobre o tema de investigación: ata un máximo de dous puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polos solicitantes nas súas instancias que non estean acreditados documentalmente. Para a selección dos candidatos a comisión terá en conta aqueles informes solicitados ós directores dos proxectos de investigación implicados.

Novena.-Condicións de desfrute.

Estas bolsas son incompatibles coa realización dun traballo remunerado ou o desfrute doutro tipo de bolsas ou axudas.

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria poderá conceder interrupcións no desfrute da bolsa por petición razoada do interesado, logo do informe do seu director de proxecto. As interrupcións non poderán ser nunca superiores a 3 meses ó longo da duración da bolsa e as posibles renovacións e non darán lugar, en ningún caso, á posibilidade de recupera-lo período interrompido. O interesado nesta interrupción temporal da bolsa non terá dereito a percibi-las mensualidades correspondentes ó período que dure a súa renuncia.

Se algún dos beneficiarios destas bolsas decidise renunciar a ela, se fose seleccionado para outras bolsas, axudas ou proxectos ou se producise algunha circunstancia determinante de incompatibilidade co desfrute da bolsa, deberá comunicarllo ó Servicio do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, que procederá á suspensión da bolsa correspondente. No caso de que esta suspensión se producise no prazo dun ano a partir da data de publicación da resolución de nomeamento das bolsas convocadas nesta orde, a bolsa vacante poderá ser adxudicada ó candidato seguinte da lista de suplentes sempre que as necesidades do proxecto sigan sendo as mesmas. En tal caso, o período máximo de desfrute da bolsa non poderá excede-lo prazo de tres anos contados a partir da data do primeiro nomeamento.

Décima.-Aceptación das bolsas.

Unha vez recibidas as notificacións de concesión das bolsas polos beneficiarios, estes, no prazo de catro días naturais, comunicarán por escrito ó Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades a aceptación ou renuncia a elas. Se transcorridos eses catro días non se fixese manifestación en ningún sentido, entenderase como renuncia á bolsa.

Décimo primeira.-Obrigas.

Os bolseiros permanecerán no Centro Ramón Piñeiro en horario habitual de presencia de mañá ou tarde. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da bolsa e, en todo caso, a obtención concorrente de bolsas ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

O incumprimento por parte do bolseiro dalgunha das condicións recollidas nestas bases suporá a perda da bolsa concedida, e, de se-lo caso, o reintegro das cantidades xa cobradas, e poderáselle atribuír ó aspirante que ocupe o primeiro lugar na lista de suplentes, ou ó seguinte ou seguintes cando os chamados non puidesen presta-la súa colaboración por calquera motivo, tendo en conta as necesidades do proxecto.

A condición de bolseiro non dará lugar a relación contractual ningunha, nin laboral nin administrativa coa Xunta de Galicia.

Unha vez finalizada a bolsa presentarase un informe da actividade realizada, co visto e prace do director do proxecto.

Décimo segunda.-A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición nun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da publicación no Diario Oficial

de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Política Lingüística para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Unha bolsa para colaborar no proxecto Corpus de referencia do galego actual.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto Corpus de referencia do galego actual que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter coñecementos de informática no nivel de usuario.

-Ter experiencia na introducción de textos en ordenador e no manexo de textos en formato electrónico.

ANEXO II

Dúas bolsas para colaborar no proxecto Gramática e léxico computacionais aplicados á traducción.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de Gramática e léxico computacionais aplicados á traducción que se realiza no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-las bolsas ás que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía ou traducción e interpretación.

-Ter coñecementos sólidos de análise sintáctica e léxica do galego.

-Experiencia en manexo de ordenadores.

-Valorarase positivamente ter coñecementos de gramáticas formais e de lexicografía computacional.

ANEXO III

Unha bolsa para colaborar no proxecto Diccionario de fraseoloxía galega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto de fraseoloxía galega que se está levando a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía ou en traducción e interpretación.

-Contacto inmediato e habitual co mundo rural ou mariñeiro e dominio e uso da súa fraseoloxía.

-Bo nivel de mecanografía.

-Manexo dun procesador de textos e dunha base de datos.

-Coñecementos fraseolóxicos e experiencia fraseográfica ou lexicográfica.

-Dominio do inglés.

ANEXO IV

Unha bolsa para colaborar no proxecto Cadernos de fraseoloxía galega.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar no proxecto Cadernos de fraseoloxía galega que se está levando a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía ou en traducción e interpretación.

-Contacto inmediato e habitual co mundo rural ou mariñeiro e dominio e uso da súa fraseoloxía.

-Bo nivel de mecanografía.

-Manexo dun procesador de textos e dunha base de datos.

-Coñecementos fraseolóxicos e experiencia fraseográfica ou lexicográfica.

-Valorarase o coñecemento do alemán.

ANEXO V

Dúas bolsas para colaborar no proxecto Construcción dun sintetizador texto-voz en galego.

Estas bolsas teñen como finalidade colaborar no proxecto de construcción dun sintetizador texto-voz en galego que se leva a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicitar unha das bolsas ás que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia en traballos de fonética acústica.

2. Para solicita-la outra bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser enxeñeiro de telecomunicacións, informática, física ou matemáticas.

-Experiencia en lingüística computacional.

-Programación en Windows e linguaxe C++.

ANEXO VI

Unha bolsa para colaborar no proxecto Diccionarios de literatura.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar na elaboración dos diccionarios de literatura que se están realizando no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en filoloxía.

-Ter experiencia investigadora en temas literarios.

-Acreditar coñecementos instrumental de idiomas, preferentemente inglés ou alemán.

-Coñecementos de informática, en calidade de usuario.

-Sólida formación e experiencia investigadora en teoría e crítica literaria.

ANEXO VII

Unha bolsa para colaborar en aspectos informáticos de diversos proxectos do centro.

Esta bolsa ten como finalidade colaborar en aspectos informáticos de diversos proxectos que se están levando a cabo no Centro Ramón Piñeiro.

1. Requisitos específicos dos solicitantes:

Para solicita-la bolsa á que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reuni-los requisitos xerais establecidos na base quinta desta orde:

-Ser licenciado en informática, telecomunicacións, física ou matemáticas.

-Experiencia en traballos informáticos en proxectos de investigación en contornos UNIX e Windows.