Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 214 Luns, 06 de novembro de 2000 Páx. 14.913

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 16 de outubro de 2000, conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, pola que se amplía o prazo de presentación dos xustificantes de gasto das axudas concedidas ó abeiro da Orde do 8 de febreiro de 2000, conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e bolsas correspondentes ó Programa de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico (Diario Oficial de Galicia número 38, do 24 de febreiro).

As consellerías da Presidencia e Administración Pública e Cultura, Comunicación Social e Turismo dictaron a Orde conxunta do 8 de febreiro de 2000, pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas e de bolsas correspondentes ó Programa de Tecnoloxías da Información e das Comunicacións do Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, e pola que se procede á súa convocatoria.

No punto 9 do anexo II da dita orde establécese que o prazo do que dispoñen os beneficiarios de proxectos de investigación empresarial para achega-los documentos requiridos para proceder ó libramento das axudas correspondentes remata o 31 de outubro, do exercicio correspondente á anualidade de que se trata.

Tendo en conta o atraso producido na resolución das ditas axudas, motivado polo longo proceso de avaliación dos proxectos, considérase necesario amplia-lo prazo de xustificación dos investimentos realizados no ano 2000 polos beneficiarios destas axudas.

En consecuencia, no uso das atribucións que nos foron concedidas,

DISPOÑEMOS:

Artigo único.-Amplia-lo prazo de presentación dos xustificantes de gasto correspondentes ós investimentos do ano 2000 das axudas concedidas ó amparo do anexo II da Orde do 8 de febreiro de 2000, conxunta da Consellería da Presidencia e Administración Pública e da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, ata o día 24 de novembro de 2000.

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2000.

Jaime Pita VarelaJesús Pérez Varela

Conselleiro da PresidenciaConselleiro de Cultura,

e Administración PúblicaComunicación Social e Turismo