Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 213 Venres, 03 de novembro de 2000 Páx. 14.861

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 20 de outubro de 2000 pola que se aproban as bases para a concesión dunha axuda para a realización dun proxecto de investigación sobre a dinámica e a evolución xeomorfolóxica de medios naturais costeiros de especial interese en Galicia.

O Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento PGIDT 1999-2001 aprobado polo Consello da Xunta da Galicia na súa reunión do 18 de decembro de 1998, prevé a utilización de diferentes instrumentos para levar a cabo a execución dos seus programas. Ademais dos instrumentos ordinarios, téñense en conta outros máis específicos, con frecuencia de utilización esporádica e que responden ós obxectivos concretos de cada programa. Neste punto encádrase esta convocatoria, e con ela a Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento e a Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental dentro do programa de Investigación en Medio Ambiente, pretenden a realización dun proxecto de investigación específico, de interese conxunto, por parte dun equipo investigador integrado en institucións públicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia. En consecuencia,

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º

A) Convócase unha única axuda destinada á realización dun proxecto de investigación sobre a dinámica e a evolución xeomorfolóxica de medios naturais costeiros de especial interese en Galicia, co obxectivo de coñecer en profundidade a dinámica dos medios naturais costeiros de xeito que se poida planifica-la súa xestión.

O proxecto desenvolverase da seguinte forma:

1. Afondar nas investigacións sobre sectores seleccionados da costa galega que sobresaen polo seu interese natural.

2. Defini-las condicións dinámicas actuais dos sectores seleccionados, identificando as relacións do conxunto de procesos que operan na franxa litoral.

3. Acadar unha reconstrucción evolutiva, co fin de analiza-la importancia das herdanzas.

B) Para a concesión da axuda obxecto desta convocatoria destinaranse ata un máximo de 5,5 millóns de pesetas que se imputarán á aplicación orzamentaria 15.04.432A.740.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia dos anos 2000 e 2001 de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2000: 2.000.000 de pesetas.

Ano 2001: 3.500.000 pesetas.

e en función das dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 2º

A axuda poderá ser solicitada por equipos de investigación integrados en institucións públicas radicadas na Comunidade Autónoma de Galicia.

As solicitudes no modelo oficial que se publica como anexo a esta orde, co visto e prace do representante legal do correspondente organismo, asinadas por investigadores de centros públicos radicados na Comunidade Autónoma, presentaranse (por triplicado) no rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

-Composición do equipo que levaría a cabo o correspondente estudio.

-Currículum vitae normalizado de cada un dos membros do equipo.

-Horas semanais que cada un dos membros do grupo se compromete a dedicar á realización do traballo.

-Metodoloxía que se vai utilizar e medios dos que dispón o equipo para a realización do traballo.

-Plan de traballo.

-Prazo de execución do traballo.

-Os solicitantes deberán realizar unha declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto de tódalas administracións públicas.

No caso de que o proxecto presentado prevexa a participación de investigadores pertencentes a diferentes organismos públicos radicados na Comunidade Autónoma (proxecto coordinado), deberá designarse un investigador principal responsable da totalidade do proxecto así como un director por cada un dos diferentes subproxectos, especificándose por cada subproxecto os estudios que se van desenvolver, o importe específico de cada un deles e o compromiso do director de cada subproxecto a ser coordinado polo investigador responsable da totalidade do proxecto e co visto e prace do responsable legal de cada organismo.

O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no DOG.

Artigo 3º

Se a documentación achegada estivera incompleta, a Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental requirirá o solicitante para que no prazo de dez días complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que, de non o facer, considerarase desistido da súa solicitude procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Artigo 4º

A selección do beneficiario da axuda será realizada por unha comisión constituída por cinco membros, dos que tres serán designados pola Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental (un deles actuará como presidente e outro como secretario) e os outros dous designados pola Secretaría Xeral de Investigación e Desenvolvemento. A comisión elevará a proposta de resolución á Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental para que resolva.

Contra a dita resolución e de conformidade co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, poderán os interesados interpoñer recurso de alzada perante o conselleiro de Medio Ambiente.

A comisión terá en conta os seguintes criterios:

-A valoración dos resultados obtidos polos investigadores que formen o equipo en proxectos realizados anteriormente.

-Os medios de que dispón o equipo.

-O plan de traballo.

-A idoneidade do equipo para o proxecto que se vai desenvolver.

A comisión poderá solicitar un informe técnico sobre as solicitudes presentadas.

Artigo 5º

O libramento da axuda realizarase a través do correspondente organismo ou organismos (no caso de subproxectos coordinados), logo da presentación das correspondentes certificacións expresivas da realización do gasto ou, se é o caso, de ter adquirido o compromiso del. Poderán efectuarse anticipos ou pagamentos parciais conforme as normas e limitacións establecidas no artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000.

No momento da xustificación final do proxecto e, en calquera caso antes do último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos , entes ou sociedades.

Artigo 6º

-Prazo de execución do proxecto:

O proxecto deberá estar rematado antes do 31 de outubro do ano 2001. Considerarase rematado mediante a entrega, a través do rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, duna memoria final de resultados (5 exemplares). Non obstante, antes do día 15 de novembro de 2000 deberá presentarse a través do rexistro xeral da Consellería de Medio Ambiente ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, unha menoria na que se fará unha consideración previa sobre os medios naturais costeiros de Galicia, sobre os estudios e ensaios que comezasen dentro do proxecto, así como unha revisión bibliográfica sobre o tema.

Artigo 7º

A Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental poderá utiliza-los procedementos que considere necesarios para coñece-lo desenvolvemento do proxecto e o investimento das cantidades achegadas. Poderanse solicitar informes parciais que acrediten o progreso da investigación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento. O xestor do programa, previsto no Plan Galego de Investigación e Desenvolvemento Tecnolóxico, poderá coñece-la marcha do proxecto financiado.

Os traballos e mailos resultados obtidos do proxecto de investigación non poderán ser publicados sen a previa autorización escrita da Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental.

Artigo 8º

O incumprimento dos compromisos adquiridos conforme os termos do proxecto presentado e as bases desta convocatoria dará lugar á revogación da axuda concedida e á reclamación das cantidades xa pagadas, de conformidade co disposto no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 9º

A convocatoria, as súas bases e todos cantos actos administrativos se deriven dela poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 10º

Para os efectos establecidos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administraciones públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o prazo máximo para resolve-las solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de 6 meses contados a partir do día seguinte ó da data de publicación no DOG da presente convocatoria. No caso de non recaer resolución dentro do mencionado prazo entenderanse desestimadas as solicitudes formuladas.

Artigo 11º

A Dirección Xeral do Centro de Información e Tecnoloxía Ambiental resolverá tódalas dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación desta convocatoria.

Os beneficiarios das axudas quedan abrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 12º

De acordo co disposto no artigo 78.8º do Decreto lexislativo 1/1999 polo que se aproba o texto refundido da Ley de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o importe das axudas outorgadas en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolve-lo beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que legalmente se estableza.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de outubro 2000.

José Carlos del Álamo JiménezJaime Pita Varela

Conselleiro de Medio AmbienteConselleiro da Presidencia

e Administración pública