Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 02 de novembro de 2000 Páx. 14.833

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE PESCA, MARISQUEO E ACUICULTURA

ORDE do 18 de outubro de 2000 pola que se anuncia convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dunha praza vacante na Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

En uso das atribucións conferidas polo artigo 15.4º da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Anuncia-la convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se relaciona no anexo I desta orde.

Segundo.-Poderán concorrer tódolos funcionarios que reúnan os requisitos que se esixen e que se especifican no anexo I.

Terceiro.-As solicitudes para participar na convocatoria presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (edificio administrativo de San Caetano nº 5, Santiago de Compostela), nas súas delegacións territoriais ou nas oficinas sinaladas no artigo 38.4º da la Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de 15 días hábiles contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. O modelo de solicitude publícase no anexo II.

Cuarto.-Os aspirantes deberán xuntar á súa solicitude un currículum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos que aleguen.

Quinto.-O nomeamento dun funcionario con destino definitivo noutra Administración pública ou que preste os seus servicios na Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia dunha comisión de servicios concedida conforme o disposto na disposición transitoria oitava, punto 4º da Lei 30/1984, do 2 de agosto, que resultase seleccionado para ocupa-lo posto de traballo anunciado, estará condicionado a que a súa Administración emita informe favorable, conforme o previsto no Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e demais disposicións concordantes.

Sexto.-A resolución desta convocatoria farase pública no DOG, e poderá declararse deserto o posto de traballo se se considerase oportuno.

Sétimo.-O prazo de toma de posesión será de tres días se o destino anterior está na mesma localidade que o novo destino, e dun mes se está en localidade distinta ou comporta reingreso ó servicio activo. O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó do cesamento, que deberá efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da publicación da resolución, agás no caso de procedencia doutras administracións, en que deberá

efectuarse dentro dos tres días hábiles seguintes ó da comunicación da resolución de traslado á Comunidade Autónoma de Galicia. Se a resolución comporta o reingreso ó servicio activo, o prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ó da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo.-Contra a presente orde, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer recurso potestativo de reposición, perante o Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou poderá impugna-la directamente perante, á elección do/a demandante, ó Xulgado do Contencioso-Administrativo da circunscrición na que teña o seu domicilio ou no da Coruña, no prazo de dous meses contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2000.

Amancio Landín Jaráiz

Conselleiro de Pesca Marisqueo e Acuicultura

ANEXO I

Código: PE.C02.00.001.15770.040.

Denominación do posto de traballo: Sección Habilitación e Seguridade Social.

Centro directivo: secretaría xeral-S.X. Coordinación.

Localidade: Santiago de Compostela.

Corpo ou escala: xeral.

Grupo: ABC.

Nivel: 25.

Complemento específico: 1.216.404.

ANEXO II

NOTA: úsese o publicado na páxina 14.832.