Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 212 Xoves, 02 de novembro de 2000 Páx. 14.830

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVICIO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 6 de outubro de 2000 pola que se establece o uso da CIE-9-MC, 4ª edición en castelán, para a codificación diagnóstica na Comunidade Autónoma de Galicia.

O conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH) é unha colección de parte dos datos de que dispoñen os establecementos sanitarios con réxime de internamento sobre cada paciente atendido, e que se recollen, no momento da alta, do informe clínico e/ou historia correspondente. O informe de alta hospitalaria é o documento básico de información para o paciente hospitalizado e para os profesionais dos distintos niveis asistenciais.

Respecto á utilidade do CMBDH, como é ben coñecido, resulta un elemento fundamental na información a nivel asistencial, de xestión do propio hospital, de planificación, epidemiolóxico e de investigación.

Son requisitos imprescindibles para a operabilidade do conxunto mínimo básico de datos a exhaustividade e a normalización dos criterios de codificación, que implican codificación centralizada, persoal especializado con formación homoxénea e a utilización dun sistema de clasificación axeitado.

O sistema de clasificación máis utilizado internacionalmente é a Clasificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica (CIE-9-MC), que sofre modificacións periódicas para adaptarse ós cambios e avances das ciencias biomédicas.

O conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos regúlase en Galicia por orde da

Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993 (Diario Oficial de Galicia número 77, do 26 de abril).

A Resolución do 14 de xaneiro de 1997, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, establece o uso da CIE-9-MC 3ª edición en castelán para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro).

Na Comunidade Autónoma de Galicia realízase o esforzo de transforma-lo histórico do CMBDH autonómico á última edición da CIE que estea en vigor, co fin de permiti-la explotación de series temporais de grande importancia tanto para a planificación como para a xestión.

En consecuencia, e en virtude das facultades que me confire a disposición derradeira primeira da orde da Consellería de Sanidade do 7 de abril de 1993,

DISPOÑO:

Artigo único.

Primeiro.-Tódolos centros sanitarios galegos con réxime de internamento quedan obrigados a utilizar, para a elaboración do conxunto mínimo básico de datos de hospitalización de agudos (CMBDH) a Clasificación Internacional de Enfermidades, 9ª revisión, modificación clínica (CIE-9-MC) na súa cuarta edición en castelán, nas altas producidas a partir do vindeiro día 1 de xaneiro de 2001.

Segundo.-O histórico do CMBDH autonómico transformarase a CIE-9-MC, 4ª edición en castelán.

Terceiro.-Queda sen efecto, a partir do 31 de decembro de 2000, a Resolución do 14 de xaneiro de 1997, da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, que establece o uso da CIE-9-MC 3ª edición en castelán para a codificación diagnóstica en Galicia (Diario Oficial de Galicia número 28, do 11 de febreiro).

Santiago de Compostela, 6 de outubro de 2000.

Manuel Antonio Silva Romero

Secretario xeral do Servicio Galego de Saúde