Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 207 Mércores, 25 de outubro de 2000 Páx. 14.524

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de outubro de 2000 pola que se convoca unha Conferencia Internacional sobre Avaliación do Rendemento na Administración Pública.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase, en colaboración coa Consellería da Presidencia e Administración Pública, a través da Inspección Xeral de Servicios, unha Conferencia Internacional sobre Avaliación do Rendemento na Administración Pública, convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

No contexto da aparición durante os anos oitenta de numerosos proxectos de reforma e modernización, nos países occidentais, iniciouse no ámbito da Administración autonómica galega o máis ambicioso programa de modernización de tódolos emprendidos polas comunidades autónomas, baseado en dous obxectivos básicos: consecución dunha Administración máis eficaz (artigo 103.1º da Constitución española) e máis eficiente (artigo 32.1º da Constitución española) ó servicio do cidadán.

Unha das actuacións básicas en que se concretou o programa de reforma administrativa, logo de conseguida a informatización global da xestión administrativa, foi a implantación en toda a organización da avaliación do rendemento das unidades administrativas, en cumprimento do establecido no artigo 63.bis da Lei da función pública de Galicia.

O sistema de avaliación permite un coñecemento exhaustivo da actividade das unidades e da súa vinculación coa utilización de recursos humanos e materiais, e está sendo recoñecido como unha experiencia a imitar tanto en España coma no ámbito internacional.

O principal obxectivo deste simposio internacional é a análise comparativa da avaliación do rendemento, implantada na Administración autonómica da Xunta de Galicia cos diferentes sistemas, metodoloxías e procedementos de avaliación utilizados nas administracións de países europeos e americanos sobranceiros na modernización e reforma administrativa.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Os procesos de reforma e modernización na Administración pública de países americanos.

-A avaliación do rendemento na Administración pública europea e americana.

-A avaliación do rendemento na Administración central do Estado español e na Xunta de Galicia.

3. Destinatarios.

Persoal ó servicio da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: as conferencias convocadas terán lugar no salón de actos da EGAP (polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela), os días 22 e 23 de novembro de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, día 20 de novembro de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obte-la confirmación da súa posible admisión, chamando, o día 21 de novembro, por teléfono, de 10 a 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 54 67, 981 54 62 39 ou 981 54 62 44.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate deste simposio, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

8. Retransmisión por Internet.

As persoas interesadas en segui-lo desenvolvemento destas xornadas por Internet poden facelo a través do seguinte enderezo: www.egap.xunta.es.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública