Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 201 Martes, 17 de outubro de 2000 Páx. 14.139

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2000 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala administrativa desta universidade pola quenda de promoción interna.

Existindo prazas de adscrición indistinta ós grupos C e D das escalas de funcionarios da Universidade de Santiago de Compostela, ocupadas por funcionarios pertencentes a corpos ou escalas do grupo D, co fin de facilita-la promoción do persoal aínda mantendo os seus propios postos de traballo, de acordo co artigo 22 da Lei 30/1984, do 2 de agosto, e o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo e de conformidade cos acordos adoptados coa xunta de persoal funcionario, e en cumprimento do disposto nos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 473/1997, do 28 de novembro, da Xunta de Galicia, e co fin de atende-las necesidades de persoal de administración e servicios,

RESOLVO:

No uso das atribucións conferidas polo artigo 18 da Lei orgánica de reforma universitaria en relación co artigo 3.2º e) da mesma norma, así como nos estatutos desta universidade, convocar probas selectivas para o ingreso na escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria:

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 50 prazas da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela pola quenda de promoción interna, polo sistema de concurso-oposición.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala auxiliar da que procedan os aspirantes.

1.3. As prazas convocadas terán o seu destino nas localidades de Santiago de Compostela e Lugo.

1.4. Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 30/1984, do 2 de agosto, de medidas para a reforma da función pública, modificada pola Lei 23/1988, do 28 de xullo, o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o regulamento xeral de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado, a Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, modificada polas leis 4/1991, do 8 de marzo e 3/1995, do 10 de abril, o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, os Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela e as bases desta convocatoria.

1.5. O sistema de selección será o de concurso-oposición. No que se refire ás probas e valoración axustarase ó que se especifica no anexo I.

1.6. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos dos candidatos.

2.1. Para seren admitidos á realización das probas selectivas os/as aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Ser español ou te-la condición de nacional dun estado membro da Unión Europea.

b) Ter cumpridos os 18 anos.

c) Estar en posesión do título de bacharelato superior, formación profesional de segundo grao ou equivalente.

Así mesmo, considéranse equivalentes para efectos da presente convocatoria:

a) Ter aprobadas as probas de acceso á universidade para maiores de vintecinco anos ou estar en condicións de obter o certificado correspondente na data na que remate o prazo de presentación de solicitudes.

b) De conformidade co establecido no Regulamento de ingreso do persoal ó servicio da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional, Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, na súa disposición adicional novena, ter unha antigüidade de 10 anos nun corpo ou escala do grupo D, ou ter unha antigüidade de cinco anos e superar un curso específico de formación.

c) Pertence-lo día de remate do prazo de presentación de solicitudes a un corpo ou escala adscrito ó grupo D, (art. 25 da Lei 30/1984), estar destinado na Universidade de Santiago de Compostela e posuír unha antigüidade de, polo menos, 2 anos no devandito corpo ou escala.

d) Non estar separado mediante expediente disciplinario do servicio de calquera administración pública, nin estar inhabilitado para o desempeño de funcións públicas.

2.2. Tódolos requisitos enumerados nos parágrafos anteriores deberán posuírse no día da finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manterse ata a data da toma de posesión como funcionario de carreira do grupo C.

3. Solicitudes.

3.1. Quen desexe tomar parte nestas probas selectivas deberá facelo constar en instancia que se axustará ó modelo que figura como anexo IV desta convocatoria.

A xerencia expedirá, de oficio, certificación acreditativa dos méritos que se valorarán na fase de concurso que figuren no expediente persoal, referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. A citada certificación engadirase á solicitude presentada polo/a aspirante.

3.2. As solicitudes dirixiranse ó rector da Universidade de Santiago de Compostela, no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ó do anuncio desta convocatoria no BOE.

3.3. A presentación de solicitudes farase no rexistro xeral da Universidade de Santiago de Compostela, situado no Colexio de San Xerome, (Praza do Obra

dorio s/n, Santiago de Compostela); no Rexistro do Campus de Lugo, situado no edificio da Biblioteca Intercentros de Lugo, (Avda. Bernardino Pardo Ouro s/n, Lugo); ou nas restantes formas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3.4. Os dereitos de exame serán de 3.000 pesetas, que se ingresarán en Caixa Galicia na conta «Oposicións» número: 2091-0388-90-3110000646. Para realiza-lo ingreso deberá utilizarse por triplicado o modelo de solicitude que figura no anexo IV.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

3.5. Os/as aspirantes con minusvalidez poderán indicalo na solicitude, utilizando para isto o recadro número 4, así como solicita-la adaptación de tempo e medios para a realización dos exercicios, para o que utilizarán o recadro número 6.

4. Admisión de aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, o rector da Universidade de Santiago de Compostela dictará resolución, no prazo dun mes, pola que se aproba a lista provisional de aspirantes admitidos e excluídos, na que constará o nome e apelidos dos excluídos, o número de DNI, así como as causas de exclusión e o prazo para reparalas. Esta resolución publicarase no taboleiro de anuncios do rectorado. Para emenda-lo defecto que motivase a súa exclusión ou omisión da relación de admitidos e excluídos, os/as aspirantes disporán dun prazo de 10 días hábiles, contados a partir do seguinte ó da publicación da citada resolución.

4.2. Os/as aspirantes que, dentro do prazo sinalado, non emenden a exclusión ou aleguen a omisión, xustificando o dereito a seren incluídos na relación de admitidos, serán definitivamente excluídos da realización das probas.

4.3. Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ós/ás aspirantes que sexan excluídos definitivamente destas probas selectivas e para tal efecto o reintegro realizarase de oficio, para o que terán que facer consta-la entidade bancaria e o número de conta no recadro que para tal efecto figura na solicitude. De non figuraren estes datos, entenderase que renuncia á devolución dos dereitos de exame.

5. Tribunal cualificador.

5.1. O tribunal cualificador destas probas é o que figura como anexo III a esta convocatoria e terá a categoría terceira das recollidas no Real decreto 236/1988, do 4 de marzo (BOE do 19 de marzo) modificado polo Acordo do Consello de Ministros do 12 de febreiro de 1993, publicado por Resolución do 22 de marzo de 1993 (BOE do 22 de marzo).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ó rector da universidade, cando concorran neles circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

O presidente poderá solicitar dos membros do tribunal declaración escrita expresa de non estar incurso nas circunstancias previstas nos ditos artigos.

Así mesmo, os/as aspirantes poderán recusa-los membros do tribunal cando concorra algunha das circunstancias antes reflectidas.

5.3. Con anterioridade á iniciación das probas selectivas, a autoridade convocante publicará no Diario Oficial de Galicia resolución pola que se nomean os novos membros do tribunal que vaian substituí-los que perdesen a súa condición por algunha das causas previstas na base 5.2º.

5.4. Logo da convocatoria do presidente, constituirase o tribunal, coa asistencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes. Na dita sesión, o tribunal acordará tódalas decisións que lle correspondan de acordo co correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.5. A partir da súa constitución, o tribunal, para actuar validamente, requirirá a presencia da maioría absoluta dos seus membros, titulares ou suplentes.

5.6. Dentro da fase de oposición o tribunal resolverá tódalas dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas así como o que se deberá facer nos casos non previstos.

O procedemento de actuación do tribunal axustarase en todo momento ó disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.7. O tribunal poderá dispoñe-la incorporación ós seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes ós exercicios que coide pertinentes, limitándose os ditos asesores a presta-la súa colaboración nas súas especialidades técnicas.

5.8. O tribunal adoptará os medios precisos naqueles casos nos que resulte necesario, de forma que os/as aspirantes con minusvalidez gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ó resto dos/as participantes. Neste sentido, estableceranse para as persoas con minusvalidez que o soliciten, na forma prevista na base 3.5, as adaptacións posibles en tempo e medios para a realización dos exercicios.

5.9. O presidente do tribunal adoptará as medias oportunas para garantir que os exercicios escritos sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos/as aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores que consignen o seu nome nas follas de exame, trazos, marcas ou signos que permitan coñece-la súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no rectorado da Universidade de Santiago de Compostela.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron o proceso selectivo un número superior de aspirantes ó de prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación dos opositores iniciarase alfabeticamente polo primeiro da letra Z, de conformidade co establecido na Resolución do 16 de marzo de 2000, da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

6.2. En calquera momento os/as aspirantes poderán ser requiridos polo tribunal coa finalidade de acredita-la súa identidade.

6.3. Os/as aspirantes serán convocados para cada exercicio en único chamamento, sendo excluídos da oposición os/as que non comparezan, agás nos casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente apreciados polo tribunal.

6.4. O día, hora e lugar de realización do primeiro exercicio farase público na resolución que aprobe a relación definitiva de aspirantes admitidos e excluídos.

6.5. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilita-la súa máxima divulgación, con vintecatro horas, polo menos, de antelación á sinalada para o seu inicio.

6.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tivese coñecemento de que algún dos/as aspirantes carece dos requisitos esixidos pola presente convocatoria, logo de audiencia ó/á interesado/a, deberá propoñe-la súa exclusión ó rector da universidade, comunicándolle, así mesmo, as inexactitudes ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas para os efectos procedentes.

Contra a exclusión do aspirante, poderá interporse recurso perante a mesma autoridade indicada no parágrafo anterior, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte o da notificación da súa exclusión.

7. Lista de aprobados.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición o tribunal cualificador fará públicas, no lugar ou lugares de realización dos respectivos exercicios e naqueloutros que coide oportunos, as relacións de aspirantes que superasen cada un deles, con indicación da puntuación obtida e do documento nacional de identidade.

7.2. A lista coa valoración de méritos da fase de concurso farase pública unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal fará pública a lista de aspirantes que, segundo a orde da puntuación acadada por cada un deles, fosen seleccionados, a cal en ningún caso poderá conter un número de candidatos/as superior ó das prazas convocadas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo, o tribunal elevaralle ó rector a relación definitiva de aspirantes aprobados por orde de puntuación, na que constarán as cualificacións obtidas en cada unha das fases: oposición e concurso.

8. Presentación de documentos.

8.1. No prazo de 20 días naturais a partir do seguinte a aquel no que se fixesen públicas as relacións definitivas de aprobados no rectorado da universidade, os/as aspirantes que figuren nelas deberán

presentar no Servicio de Planificación e Programación de PAS (Casa da Balconada, Rúa Nova nº 6, Santiago de Compostela) a documentación necesaria para proceder ó nomeamento como funcionario da escala administrativa, que non se atope suficientemente acreditada no seu expediente.

8.2. Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presenta-los documentos expresados na base anterior, poderá acreditarse que se reúnen as condicións esixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

8.3. Quen dentro do prazo fixado, e salvo o caso de forza maior, non presentase a documentación ou do seu exame se deducise que carece dalgún dos requisitos sinalados na base 2, non poderá ser nomeado funcionario/a de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorrese por falsidade na solicitude inicial.

9. Nomeamento de funcionarios/as de carreira.

9.1. Concluído o proceso selectivo, os/as aspirantes que o superasen serán nomeados/as funcionarios/as de carreira da escala administrativa, mediante resolución rectoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, este exclúese do sistema de adxudicación de destino pola orde obtida no proceso selectivo. Ós aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselle-lo mesmo posto que veñan desempeñando como titulares, e terá carácter definitivo se o posto de traballo se atopa adscrito na vixente relación de postos á escala á que aspiran, e carácter provisional no caso de que non estea incluído na relación de postos de traballo nesa escala. Neste último suposto o destino consolidarase como definitivo no caso de que na próxima relación de postos o citado posto se atope adscrito á escala á que accedeu.

Aqueles funcionarios que, en virtude do disposto no parágrafo anterior, accedan a unha escala superior con carácter provisional e mentres permanezan nesa situación, percibirán o complemento de destino correspondente ó posto base da escala á que accedan, salvo que o posto que desempeñen teña asignado un nivel superior. O complemento específico será o correspondente ó posto de traballo realmente desempeñado segundo a relación de postos de traballo.

9.3. A toma de posesión dos aspirantes efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ó da data de publicación do seu nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

10. Norma derradeira.

Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderá intepoñer recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da súa publicación, de conformidade cos artigos 46 e 10.1º a) da Lei da xurisdicción contencioso-administrativa, aprobada pola Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Non obstante, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes perante o órgano que o dictou. Neste caso non se poderá interpoñe-lo recurso contencioso-administrativo anteriormente indicado en tanto non recaia resolución expresa ou presunta do recurso administrativo de reposición, ó abeiro dos artigos 116 e ss. da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2000.

Darío Villanueva Prieto

Rector da Universidade da Coruña

ANEXO I

Denominacion das prazas: escala administrativa

Exercicios e valoración:

O sistema de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición: constará dos seguintes exercicios:

Primeiro exercicio: consistirá na realización dun cuestionario de preguntas tipo test dividido en dúas partes:

1ª parte: consistirá en contestar a un cuestionario de 70 preguntas tipo test, relativas a todo o programa, con tres respostas alternativas das que só unha será a verdadeira.

2ª parte: consistirá na realización de dous supostos prácticos a elixir entre tres propostos polo tribunal. Cada suposto basearase nunha área das que figuran no programa do anexo II e estará desagregado en 15 preguntas tipo test, con tres respostas alternativas das que só unha será a verdadeira.

O tempo máximo para a realización deste exercicio será de 2 horas e 30 minutos e cualificarase de 0 a 65 puntos. Cada parte valorarase de 0 a 32,5 puntos sendo necesario para aprobar obter, en cada parte, un mínimo de 16,25 puntos. Tódalas preguntas terán a mesma valoración e non puntuarán negativamente.

Segundo exercicio: proba de galego, non eliminatoria e de mérito. Consistirá na traducción, sen diccionario, dun texto do castelán para o galego, e doutro texto do galego para o castelán, elixido por sorteo entre tres propostos polo tribunal.

O tempo máximo de realización deste exercicio será dunha hora, e valorarase de 0 a 5 puntos.

Os aspirantes deberán ir provistos, para a realización dos exercicios, de lapis do nº 2 e goma de borrar.

2. Fase de concurso: para os/as aspirantes que superen a fase de oposición a valoración de méritos farase da seguinte forma:

2.1. Antigüidade: máximo 12,5 puntos.

Valorarase a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación das solicitudes da seguinte forma:

Por cada ano completo de servicios: 0,625 puntos.

Por cada mes completo de servicios que reste: 0,052 puntos.

2.2. Nivel de complemento de destino: máximo 12,5 puntos. Polo nivel de complemento de destino correspondente ó posto de traballo que se desempeñe con carácter definitivo na data de remate do prazo de presentación de solicitudes, sen perxuízo de que unha modificación da relación de postos de traballo poida ter incidencia sobre esta convocatoria, de acordo coa seguinte puntuación:

NivelPuntos

2212,5

2010,5

18 8,5

16 6,5

14 4,5

No suposto de non ter posto definitivo, puntuarase o grao persoal consolidado, e non tendo grao persoal consolidado atenderase ó mínimo da escala á que pertenza o funcionario.

2.3. Cursos de formación: máximo 5 puntos. Os cursos de formación puntuarán da seguinte forma:

-Cursos de formación recibidos:

-Cursos de aptitude: 0,02 puntos/hora.

-Cursos de asistencia: 0,01 puntos/hora.

-Curso de iniciación da lingua galega: 0,01 puntos/hora.

-Curso de perfeccionamento da lingua galega: 0,02 puntos/hora.

No caso de te-los cursos de iniciación e perfeccionamento de galego, só puntuará o de perfeccionamento.

-Cursos de formación impartidos: 0,03 puntos/hora.

Nos cursos nos que non figure o número de horas, a puntuación farase polo mínimo de 10 horas.

3. Puntuación do proceso selectivo: a puntuación da fase de oposición virá determinada pola suma das puntuacións obtidas nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo virá determinada pola suma da fase de oposición, mailos méritos da fase de concurso, sempre que os/as aspirantes superasen a fase de oposición.

No caso de empate daráselle preferencia atendendo á puntuación obtida no primeiro exercicio e, de persistir este, a prol do/a candidato/a que tivese maior antigüidade no corpo ou escala a que pertenza na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

ANEXO II

Denominacion das prazas: escala administrativa

Programa:

I. Dereito administrativo.

1. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

ámbito de aplicación. Os órganos das administracións públicas.

2. Os interesados. A actividade das administracións públicas: dereitos dos cidadáns. Validez e eficacia dos documentos. Termos e prazos.

3. Procedemento administrativo: obriga de resolver. Iniciación. Ordenación. Instrucción. Finalización e execución.

4. Requisitos dos actos administrativos. Eficacia. Nulidade e anulabilidade.

5. Revisión de oficio. Recursos administrativos.

II. A administración de persoal nas administracións públicas.

1. O persoal ó servicio das administracións públicas. Oferta de emprego público. Selección de funcionarios públicos. Provisión de postos de traballo. A carreira profesional.

2. Situacións administrativas dos funcionarios. Réxime disciplinario: faltas, sancións e procedemento.

3. Réxime xurídico do persoal docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

4. Incompatibilidades do persoal ó servicio das administracións públicas.

III. Xestion financeira.

1. A Lei xeral orzamentaria. Orzamentos: características e estructura. Créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Créditos ampliables. Transferencias e xeración de créditos.

2. Réxime económico e financeiro das universidades públicas. Especial referencia ós estatutos da USC.

3. Orzamentos da USC: financiamento e control. Normas de xestión e execución orzamentaria.

4. Os contratos das administracións públicas: tipos. Procedementos e formas de contratación. Particularidades de contratación administrativa na USC.

IV. Xestión universitaria.

1. O acceso á universidade. A comisión interuniversitaria de Galicia (CIUG). Ingreso en centros con límite de prazas. Distrito único e distrito compartido.

2. Plans de estudio: directrices xerais comúns dos títulos de carácter oficial e validez no territorio nacional. Criterios de adaptación e validación do Consello de Universidades.

3. As normas de xestión académica: matrícula ordinaria. Matrícula suxeita a preselección ou autorización previa. Efectos da formalización da matrícula. Simultaneidade de estudios. Réxime de permanencia. Réxime de traslados: inicio e continuación de estudios.

4. Obtención, expedición e homologación dos títulos universitarios. Regulación básica do 3º ciclo. As titulacións propias.

ANEXO III

Denominación das prazas: escala administrativa

Tribunal titular:

Presidente: Antonio López Díaz, vicerrector de Coordinación do Campus de Santiago da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

-Dulce María García Mella, funcionaria da escala técnico de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-María del Pilar Parguiña Fernández, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-María del Carmen Soengas Seoane, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-Francisco Otero Martís, funcionario da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

-Manuel Fernández Rodríguez, funcionario da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

Secretaria: María Jesús Montero Pérez, funcionaria da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

Tribunal suplente:

Presidente: Francisco J. Carracedo Doce, funcionario da escala técnico de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

Vocais:

-Ricardo E. Carballeira Hortas funcionario da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-Helena Maneiro García, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-Josefa Recalde Fernández, funcionaria da escala de xestión da Universidade de Santiago de Compostela.

-José Luís Carral López, funcionario da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

-Carlos M. Fernández Izquierdo, funcionario da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, en representación da xunta de persoal de PAS funcionario.

Secretario: Jesús Lamas Alvariño, funcionario da escala administrativa da Universidade de Santiago de Compostela, que actuará con voz pero sen voto.

O tribunal poderá dispoñe-la incorporación con carácter temporal doutros funcionarios/as públicos para colaborar no desenvolvemento do proceso selectivo, tal e como se prevé no artigo 12.4º do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo.