Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 199 Venres, 13 de outubro de 2000 Páx. 13.965

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 237/2000, do 29 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei do Consello da Cultura Galega.

En desenvolvemento do mandato contido no artigo 32 do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei de Galicia 8/1983, do 8 de xullo, constituíu o Consello da Cultura Galega.

O Decreto 127/1984, do 19 de xullo, segundo o previsto na disposición derradeira primeira do devandito texto legal, aprobou o regulamento da Lei do Consello da Cultura Galega.

Este regulamento constitúe unha norma de curta extensión, que foi, non obstante, capaz, xunto coa Lei de constitución, de posibilita-lo funcionamento regular do Consello ó longo de quince anos e a súa definitiva consolidación institucional e social na defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

Sen embargo, o tempo transcorrido, unido á extensión de obxectivos e crecente actividade do Consello, con inevitable aumento da súa complexidade orgánica e funcional, aconsella dota-la institución dun novo regulamento que, con pleno respecto á lei de creación, complete o marco de funcionamento e permita un máis áxil e eficaz cumprimento dos seus fins.

Polas devanditas razóns, consultado o Consello da Cultura Galega, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo, de acordo co dictame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de setembro de dous mil,

DISPOÑO:

TÍTULO PRELIMINAR

Artigo 1º.-O Consello da Cultura Galega.

1. O Consello da Cultura Galega, constituído por Lei de Galicia 8/1983, do 8 de xullo, é un órgano que ten personalidade xurídica propia e plena capacidade para o cumprimento dos seus fins e ó que compete a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

2. O Consello da Cultura Galega actúa con independencia respecto dos poderes da Comunidade Autónoma e da súa Administración, e con pleno sometemento ó ordenamento xurídico.

3. A súa sede radica en Santiago de Compostela.

Artigo 2º.-Réxime xurídico.

O Consello da Cultura Galega réxese pola súa lei constitutiva, polo presente regulamento e máis polas normas de réxime interior aprobadas por el.

Artigo 3º.-Fomento da cultura.

1. O Consello contribuirá, por si mesmo ou en colaboración coa Administración autonómica, ó cumprimento do mandato do artigo 7 do Estatuto de autonomía de posibilitar que os galegos do exterior poidan comparti-la vida social e cultural do pobo galego.

2. Para tal efecto, poderá relacionarse directamente cos poderes públicos da Comunidade Autónoma, así como cos da Administración xeral do Estado ou doutras comunidades autónomas e con organismos internacionais.

TÍTULO I

Composición do Consello

Artigo 4º.-Composición.

1. A presidencia de honra do Consello da Cultura Galega correspóndelle ó presidente da Xunta de Galicia.

2. Integran o Consello da Cultura Galega:

a) A Presidencia.

b) A Vicepresidencia ou Vicepresidencias.

c) A Secretaría.

d) O conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia.

e) Dous representantes de cada unha das Universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, elixidos entre os seus profesores.

f) Un representante por cada unha das entidades seguintes:

-Real Academia Galega.

-Academia de Xurisprudencia e Lexislación de Galicia.

-Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos.

-Seminario de Estudios Galegos.

-Real Academia Galega de Ciencias.

-Instituto da Lingua Galega.

-Instituto de Estudios Xacobeos.

-Museos de Galicia.

-Fundación Rosalía de Castro.

-Fundación Barrié de la Maza.

g) Dez personalidades destacadas nos diversos campos da cultura galega, elixidas polo Consello en votación secreta.

Artigo 5º.-Incorporación de novas entidades.

1. De acordo co establecido no artigo 3.3 da súa Lei constitutiva, o Consello poderá incorporar ó Pleno representantes de novas entidades.

2. O procedemento para a incorporación será o seguinte:

a) Solicitude da entidade que pretenda incorporarse.

b) Presentación da proposta pola Presidencia do Consello á Comisión Executiva, que deberá aprobala para que poida ser tramitada.

Alternativamente, a proposta tramitarase se vén avalada por un tercio dos membros do Consello.

c) De seguido, a Presidencia ordenará a apertura dun expediente informativo que xustifique a conveniencia da incorporación da nova entidade.

d) A proposta será elevada ó Pleno, debendo para ser efectiva ser aprobada por maioría absoluta dos seus membros.

3. Se o acordo for desestimatorio da solicitude, non poderá presentarse nova proposta de incorporación da mesma entidade nun prazo de dous anos, contados a partir da data do dito acordo.

Artigo 6º.-Presidente.

1. O presidente do Consello da Cultura Galega será elixido polo Consello en votación secreta e nomeado por decreto da Xunta de Galicia, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

2. O seu mandato será de catro anos.

Artigo 7º.-Vicepresidente.

1. O vicepresidente ou vicepresidentes e mailo secretario serán elixidos polo Pleno do Consello, entre os seus membros, en votación secreta.

2. O seu mandato será de catro anos.

Artigo 8º.-Representantes de entidades.

1. Os membros en representación das entidades sinaladas no artigo 4.2º, alínea f) serán designados por elas.

2. O seu mandato será de catro anos. Serán renovados por metade cada dous anos, podendo ser reelixidos. A renovación farase segundo a orde alfabética, conforme a denominación das institucións representadas.

3. Estes representantes perderán a condición de membros do Consello no momento en que a entidade que os designase decida substituílos.

Artigo 9º.-Personaxes destacadas no campo da cultura.

Os membros do Consello elixidos polo Pleno entre persoeiros destacados no campo da cultura serán renovados por metade cada dous anos, podendo ser reelixidos. A renovación farase segundo a orde alfabética derivada dos seus apelidos.

Artigo 10º.-Funcionamiento.

1. O Consello funcionará en Pleno e a través da Comisión Executiva.

2. Tamén poderá funcionar en ponencias, comisións técnicas, fixas ou circunstanciais, e en seccións.

Artigo 11º.-Pleno.

Integran o Pleno a totalidade dos membros do Consello.

Artigo 12º.-Composición da Comisión Executiva.

Compoñen a Comisión Executiva, polo menos, o presidente, un vicepresidente e o secretario.

Artigo 13º.-Seccións.

1. O Pleno do Consello poderá acorda-la constitución de seccións. Cada sección estará formada por un número de membros do Consello non inferior a cinco nin superior a dez, que serán designados pola Comisión Executiva, excepto o coordinador da sección que será nomeado polo Pleno.

2. Poderán ser invitados para seren oídos ou para participar nas ponencias persoeiros destacados, membros de centros de investigación, medios de comunicación social, asociacións culturais ou profesionais e outras institucións galegas.

3. A coordinación de cada sección deberá recaer, en todo caso, nun membro do Consello da Cultura Galega.

4. Cada sección estará dirixida por un presidente, designado pola Comisión Executiva dentro dos membros do Consello da Cultura Galega.

Artigo 14º.-Comisións Técnicas.

1. Para o estudio de cuestións concretas e determinadas, o Pleno poderá acorda-la constitución dentro de cada sección -por proposta da Presidencia do Consello, da Comisión Executiva ou das secciónsde comisións técnicas, fixas ou circunstanciais, formadas por un número de membros non superior a dez, dos que, polo menos, o que presida deberá ser membro do Consello e integrante da sección.

2. A designación dos membros que formarán as comisións técnicas será feita pola Comisión Executiva, por proposta da sección correspondente, entre persoas pertencentes ou non ó Consello, tras considerar, neste último caso, o seu currículo.

Artigo 15º.-Arquivos.

1. Para o estudio e preparación de determinados asuntos da competencia do Pleno ou da Comisión Executiva, o Pleno, cando estime oportuno, e por proposta da Comisión Executiva, poderá acorda-la constitución de arquivos de carácter permanente que, en todo caso, serán dirixidos por un dos seus membros.

2. Estes arquivos para o estudio, documentación e recuperación da memoria cultural galega nos seus diversos campos de actuación, poderán ter capacidade para poñer á disposición de investigadores o seu material documental recuperado.

3. A designación dos membros que formarán as comisións técnicas dos arquivos será feita pola Comisión Executiva, entre persoas pertenecentes ou non ó Consello, logo de considerar, neste último caso, o seu currículo.

Artigo 16º.-Indemnizacións.

1. Os membros do Consello, así como as persoas alleas a el que se incorporen ás súas seccións, arquivos ou comisións técnicas, percibirán indemnizacións polo desempeño das funcións que establece a Lei de creación ou o presente regulamento.

2. O alcance e contía das ditas indemnizacións será obxecto dun acordo do Pleno, por proposta da Comisión Executiva.

3. O sistema de indemnizacións comprenderá, ademais das correspondentes por asistencia ás xuntanzas e axudas de custo que o Pleno entenda conveniente fixar, os suplidos que o Pleno entenda procedente reintegrar.

4. Tales contías poderán ser revisadas periodicamente polo Pleno, por proposta así mesmo da Comisión Executiva.

TÍTULO II

Competencias

Artigo 17º.-Competencias do Consello da Cultura Galega.

De conformidade co establecido no artigo 6 da súa Lei de creación, compete ó Consello da Cultura Galega:

a) Analizar cantas cuestións se refiran ó patrimonio cultural de Galicia e fomenta-la lingua e cultura galegas.

b) Investigar e valora-las necesidades culturais do pobo galego.

c) Organizar actuacións culturais adecuadas ós fins do Consello dentro ou fóra de Galicia.

d) Asesorar e consulta-los poderes da Comunidade Autónoma no que xulgue preciso para a defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

e) Elevar ós poderes da Comunidade Autónoma informes e propostas a favor da defensa e promoción dos valores culturais do pobo galego.

Artigo 18º.-Competencias do Pleno.

Corresponde ó Pleno do Consello:

a) A aprobación do Regulamento de réxime interno e das instruccións que entenda pertinentes para o bo funcionamento do Consello.

b) O coñecemento de tódolos asuntos relacionados coas funcións que ten atribuídas.

c) A aprobación da programación plurianual da actividade do Consello.

d) A aprobación do anteproxecto de orzamento anual do Consello.

e) O establecemento das directrices para a correcta execución do orzamento.

f) A aprobación do cadro de persoal orgánico do Consello da Cultura Galega, e das relacións de postos de traballo.

g) A convocatoria dos procesos de selección de persoal e dos procedementos para a provisión de vacantes.

h) A aprobación da liquidación do orzamento anual.

i) A aprobación da convalidación de gastos pertinentes de conformidade co disposto na lei.

j) A aprobación das actuacións e proxectos das seccións, arquivos e comisións técnicas, así como o seu correspondente financiamento.

k) A adxudicación dos contratos cun orzamento igual ou superior a 25.000.000 de pesetas.

l) A aprobación dos informes e dictames que deba emitir.

m) A resolución dos recursos de alzada que se presenten contra os acordos da Comisión Executiva.

n) A aprobación dunha memoria anual na que se recollan as súas consideracións verbo da situación cultural da Comunidade Autónoma, que deberá ser remitida á Xunta e máis ó Parlamento de Galicia dentro dos cinco primeiros meses de cada ano seguinte ó considerado.

ñ) A formulación de toda clase de iniciativas e propostas no eido cultural.

o) A decisión final sobre a incorporación de novas entidades ó Consello.

p) O establecemento, por proposta da Comisión Executiva, das indemnizacións que, polo exercicio das funcións propias do seu cargo, deban percibi-los membros do Consello e das súas seccións, arquivos e comisións, así como a periódica revisión, se é o caso, da contía das mesmas.

q) A separación do servicio do persoal, logo da instrucción do oportuno expediente disciplinario.

r) Calquera outra competencia derivada da lexislación vixente que non estivese expresamente atribuída a outro órgano ou membro do Consello.

Artigo 19º.-Competencias da Comisión Executiva.

Corresponde á Comisión Executiva:

a) Prepara-las sesións do Pleno e estudiar e emitir informe sobre os asuntos sobre os que fose adoptar acordos.

b) Aprobar, antes da súa elevación ó Pleno, as solicitudes de incorporación de novas entidades ó Consello.

c) Realiza-lo seguimento da actividade ordinaria do Consello.

d) Elabora-las instruccións de réxime interior do Consello que serán sometidos ó Pleno.

e) Propoñer ó Pleno medidas para o mellor funcionamento do Consello.

f) Aproba-la realización de seminarios, congresos, simposios, reunións de traballo e actos en xeral que conviñeren ó mellor cumprimento dos fins do Consello.

g) Propoñer ó Pleno os recoñecementos e distincións que o Consello queira expresar ou outorgar a persoas ou institucións polo seu labor a prol da cultura galega.

h) Propoñer ó Pleno a constitución de comisións técnicas, a pedimento dunha ou máis seccións, e designa-los membros que as compoñen.

i) Propoñer ó Pleno a creación de arquivos.

j) Elaborar, por proposta da Presidencia, o cadro de persoal orgánico, a relación de postos de traballo e as normas de provisión de vacantes para a súa elevación ó Pleno.

k) Elevar ó Pleno, por proposta da Xerencia, o sistema de indemnizacións dos conselleiros, así como dos membros das comisións técnicas, seccións ou arquivos que non reúnan a condición de conselleiros, polo desenvolvemento das súas funcións.

l) Informar, antes da súa elevación ó Pleno, o proxecto de orzamento anual do Consello elaborado pola Presidencia.

m) Desenvolver, en conformidade coa Presidencia, a estructura básica orzamentaria do Consello.

n) Aproba-las modificacións orzamentarias que supuñan ampliación, incorporación, xeración de crédito ou transferencias entre partidas de distintos grupos de funcións, das que dará conta ó Pleno.

ñ) Calquera outra facultade que o Pleno lle delegue ou atribúa para a maior eficacia no exercicio das funcións propias do Consello.

Artigo 20º.-Competencias da Presidencia.

Corresponde á Presidencia do Consello:

a) Dirixir, orientar, impulsar, coordinar e inspecciona-lo desenvolvemento das actividades do Consello e o cumprimento dos seus fins.

b) Asumi-la representación do Consello en todo tipo de procedementos administrativos ou xudiciais.

c) Cumprir e facer cumpri-las disposicións polas que se rexe o Consello e os acordos adoptados por el.

d) Exerce-la representación do Consello nas súas relacións con tódalas entidades públicas e privadas, así como delegala nun dos membros do Pleno en casos concretos ou para misións específicas.

e) Autorizar, coa súa sinatura, os informes e dictames do Consello, así como, se é o caso, a súa modificación, e, outrosí, autorizar, coa súa sinatura, toda comunicación oficial de relevancia.

f) Dirimir co seu voto os empates.

g) Nomea-los xefes das unidades dependentes da Xerencia.

h) Aproba-las convocatorias para a selección do persoal do Consello de conformidade coas normas aprobadas polo Pleno do Consello.

i) Nomear e separa-lo persoal eventual.

j) Propoñer á Comisión Executiva o cadro de persoal orgánico e a relación de postos de traballo para o seu informe e elevación á aprobación do Pleno, así como a constitución de comisións técnicas.

k) Exerce-la dirección, goberno e réxime disciplinario do persoal dependente do Consello, salvo as competencias reservadas o Pleno, podendo delega-las devanditas funcións na Xerencia.

l) Designar instructor e secretario nos expedientes disciplinarios.

m) Elabora-lo anteproxecto de orzamentos do Consello e elevalo a informe da Comisión Executiva antes da súa aprobación polo Pleno.

n) Desenvolver, en conformidade coa Comisión Executiva, a estructura orzamentaria do Consello.

ñ) Autoriza-las modificacións orzamentarias dos créditos do Consello, nos termos previstos no artigo 67 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

o) Aproba-los gastos dos servicios, autoriza-lo seu compromiso e liquidación e a ordenación dos correspondentes pagamentos, podendo delegar na Xerencia os correspondentes a gastos menores.

p) Subscribir con organismos análogos nacionais, estranxeiros ou internacionais convenios e acordos autorizados polo Pleno.

q) Impulsa-lo cumprimento da obriga de facilitarlles ós galegos do exterior o seu dereito a colaborar e participar na vida social e cultural de Galicia.

r) Adxudica-los contratos cun orzamento inferior a 25.000.000 de pesetas.

s) Formaliza-los contratos que celebre o Consello.

t) Resolve-los recursos administrativos que se interpuxeren contra os actos do Consello, agás os reservados ó Pleno.

u) Velar pola legalidade das actuacións do Consello.

v) Velar polo cumprimento dilixente das súas obrigas por tódolos membros e colaboradores do Consello.

w) Convidar a representantes de centros de investigación, medios de comunicación social, asociacións culturais ou profesionais e outras institucións galegas, para seren oídos ou para participaren nas seccións, arquivos ou programas se o considera conveniente para o enriquecemento dos traballos do Consello.

x) A sinatura dos contratos laborais, podendo delegar no xerente.

y) Calquera outra función que a normativa lle asigne.

Artigo 21º.-Gabinete de asesoramento.

A Presidencia poderá estar asistida por un Gabinete de asesoramento, que estará composto dun máximo de tres membros, designados libremente por aquela. Estes membros cesarán cando o fixer o presidente, ou ben por libre decisión súa. Terán a condición de persoal eventual e terán dereito a percibi-las indemnizacións por razón de servicio e retribucións por asistencia a xuntanzas previstas no artigo 16º deste regulamento.

Artigo 22º.-Competencia do vicepresidente ou vicepresidentes.

Correspóndelle ó vicepresidente ou, se é o caso, vicepresidentes, substituír pola súa orde de antigüidade no seu nomeamento e, se for o caso, polo de maior idade, ó presidente nas súas funcións, nos supostos de ausencia ou vacante.

A Presidencia poderá delegar neles determinadas funcións, así como encomendarlles temporalmente traballos específicos relacionados coa boa marcha global do funcionamento do Consello.

Artigo 23º.-Competencia do secretario.

Corresponden ó secretario as seguintes funcións:

a) Prepara-la orde do día das sesións do Pleno e da Comisión Executiva, atendendo, se for o caso, as propostas dos seus membros e da Presidencia, e someténdoa á previa aprobación desta.

b) Tramita-las convocatorias das xuntanzas do Pleno e da Comisión Executiva coa debida antelación, acompañadas da correspondente orde do día.

c) Por encargo da Presidencia, realizar tarefas de coordinación entre as diversas seccións.

d) Asistir, con voz e voto, ás sesións do Pleno e da Comisión Executiva, redactando a acta de cada unha delas, que será sometida á aprobación na correspondente seguinte sesión.

e) Leva-los libros de actas do Pleno e da Comisión Executiva, paxinados, e visados polo presidente.

f) Expedir certificacións de actas, acordos, dictames e as súas copias, co visto e prace do presidente.

g) Asinar, xunto ó presidente, os informes e dictames aprobados polo Consello, así como as súas posibles modificacións.

Artigo 24º.-Competencias dos conselleiros.

Corresponde ós conselleiros o exercicio das seguintes funcións:

a) Asistir, con voz e voto, ás sesións dos órganos do Consello dos que son membros.

b) Participar nos debates do Pleno.

c) Formular, de se-lo caso, en tempo e forma, voto particular razoado no caso de discrepancia respecto do parecer da maioría.

d) Estudiar e prepara-los dictames relativos ós asuntos nos que lles corresponde ser relatores no Pleno.

e) Presidi-las reunións das seccións, arquivos ou comisións técnicas para as que foren nomeados, dirixi-las súas deliberacións e autoriza-las actas correspondentes.

f) Leva-la voz e orientación xeral do Consello ás reunións das seccións, arquivos ou comisións técnicas das que formen parte.

TÍTULO III

Funcionamento

Artigo 25º.-Reunións do Pleno.

1. O Pleno do Consello reunirase con carácter ordinario polo menos unha vez cada trimestre e sempre que a Presidencia o convoque.

2. Con carácter extraordinario, reunirase cando, debido á urxencia dos temas que se van tratar, fose convocado pola Presidencia por propia iniciativa ou por proposta da terceira parte dos seus membros.

Artigo 26º.-Convocatoria do Pleno.

1. As sesións do Pleno serán convocadas pola Presidencia con, polo menos, oito días de antelación, fóra dos casos de urxencia, en que a antelación mínima será de dous días. A Secretaría tramitará a citación, en nome do Presidente, xunto coa orde do día, que se formulará tendo en conta, se é o caso, os pedimentos dos membros do Consello recibidos coa debida anticipación e asinados por un mínimo de tres conselleiros.

2. A convocatoria cursarase por calquera medio que permita ter constancia da recepción polo interesado, así como da data e contido da sesión.

Artigo 27º.-Constitución do Pleno.

1. O Pleno quedará validamente constituído en primeira convocatoria cando concorran polo menos dous tercios dos seus membros.

En segunda convocatoria será suficiente a presencia da metade máis un destes.

2. En todo caso, as sesións serán presididas polo presidente e contarán coa asistencia do secretario ou aquelas persoas que regulamentariamente os substitúan.

3. Para estes efectos, o presidente será substituído polo vicepresidente. De existiren varios vicepresidentes, a substitución terá lugar de acordo coa súa orde. O secretario poderá ser substituído, de se-lo caso, polo membro máis novo dos conselleiros presentes, agás que, por unanimidade, se acorde outra substitución.

Artigo 28º.-Presidencia do Pleno.

Á Presidencia compételle dirixi-las reunións do Pleno, velando pola regularidade das deliberacións, que poderá suspender en calquera momento por causa xustificada.

Artigo 29º.-Sesións do Pleno.

1. Aberta a Sesión do Pleno polo Presidente, lerase a acta da última sesión celebrada para sometela a aprobación. Os conselleiros poden toma-la palabra, logo da autorización da Presidencia, para formular observacións á acta e, se for o caso, solicitar votacións relativas a esta.

2. De seguido, o secretario dará conta das escusas de asistencias e das resolucións recaídas en asuntos informados polo Consello en anteriores sesións.

3. A seguir, serán despachados os asuntos que figuraren na orde do día, dándose a palabra ós seus relatores. Os conselleiros poderán pedi-la palabra para o mellor debate dun asunto, séndolles concedida polo presidente cantas veces for necesario ata que, ó xuízo deste, o tema estea suficientemente discutido.

O relator poderá usa-la palabra cantas veces o requira para responder alegacións ou ofrecer aclaracións.

O secretario poderá intervir, en todo caso, cantas veces for preciso, para rectificar erros de feito ou achegar citas legais. Os demais conselleiros poderán facelo para, se for o caso, rectificar conceptos ou feitos que erroneamente lles sexan atribuídos.

4. O xerente asistirá, a requirimento do presidente, ás sesións do Plenario, con voz pero sen voto, para actuar de relator en asuntos que afecten ó réxime económico ou de persoal, ou ben para informar de cuestións relacionadas coas súas competencias, fixadas nos artigos 39º e 40º deste regulamento.

5. Rematada a discusión ou se ningún conselleiro pedise a palabra, poñerase o asunto a votación, agás que, sen oposición, se acordase a aprobación por asentimento.

Artigo 30º.-Adopción de acordos.

1. Os acordos adoptaranse por maioría dos votos dos asistentes, excepto nos casos en que a Lei de creación esixa outra maioría.

2. No caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

3. Dado o carácter do Consello non se admiten votos delegados.

Artigo 31º.-Votos particulares.

1. Calquera conselleiro poderá presentar voto particular contra o acordo da maioría ou anuncialo, sempre que for antes de remata-la sesión, remitíndoo por escrito dentro dun prazo non superior a dez días á Presidencia do Consello. Excepcionalmente, cando a complexidade do asunto tratado o requira, a Presidencia poderá conceder unha prórroga temporal.

2. Os conselleiros que votaren en contra poderán adherirse ó voto particular ou redacta-lo seu propio sempre que reservasen para si este dereito antes de concluí-la sesión.

Artigo 32º.-Acta da sesión.

O secretario redactará acta da sesión na que se consignarán, sucintamente, as deliberacións que precederon á decisión definitiva e os acordos adoptados.

Artigo 33º.-Funcionamento das seccións e arquivos.

1. A calidade de membro das seccións e dos arquivos durará catro anos, finalizados os cales poderán ser reelixidos.

As seccións poderán propoñer á Comisión Executiva candidatos para a incorporación a estas.

2. As seccións e os arquivos reuniranse polo menos unha vez cada trimestre, logo da convocatoria respectivamente do seu coordinador e director, redactando acta de cada sesión quen actúe como secretario, que será depositada no Consello da Cultura Galega. Se, transcorridos tres meses, algunha das seccións non celebrase a xuntanza regulamentaria, a Presidencia deberá facer a convocatoria correspondente.

3. As seccións e os arquivos elaborarán a súa programación e propostas de gasto que terán que ser presentadas, acompañadas da acta da reunión correspondente, para a súa aprobación pola Presidencia.

4. As posibles ampliacións ou modificacións de gasto dos proxectos aprobados anteriormente serán presentados á Presidencia para a súa aprobación pola Comisión Executiva.

5. Os coordinadores de sección e directores de arquivos facilitaranlle á Xerencia toda a información que esta precise para unha mellor coordinación do traballo colectivo do Consello.

Os membros das seccións e arquivos percibirán as compensacións previstas no artigo 16º deste regulamento.

Artigo 34º.-Coordinadores dos congresos.

1. O nomeamento de coordinadores de congresos e comisarios de exposicións ou responsables doutras actividades será proposto polas seccións á Comisión Executiva para a súa aprobación. Na proposta estipularanse as indemnizacións que percibirán aqueles en concepto de coordinación ou comisariado.

2. Os coordinadores de congresos e os comisarios de exposicións así como os responsables doutras actividades, de acordo co coordinador da sección ou director de arquivo, deberán presentarlle á Xerencia un proxecto pormenorizado de traballo, que recolla o orzamento correspondente, e gastos para a apertura do expediente e para o seguimento administrativo do dito proxecto.

Artigo 35º.-Sesións das seccións e arquivos.

1. As sesións das seccións e arquivos serán convocadas polo conselleiro coordinador ou director destes, a través da Xerencia, con especificación da orde do día correspondente e cunha antelación mínima de 48 horas.

2. A sesión constituirase coa asistencia da metade máis un dos membros, en primeira convocatoria, ou dun tercio dos membros, en segunda convocatoria. A presidencia da sesión corresponderá, en todo caso, ó coordinador ou director, ou persoa en quen delegue.

3. Calquera dos asistentes poderá formular observacións, reparos ou pedir esclarecementos sobre os asuntos que figuren na orde do día, sen outros límites que os que acorde o coordinador ou director, que declarará pechada a discusión cando o entenda procedente.

4. O conselleiro coordinador ou director poderá resolver que se solicite, a través da Presidencia do Consello, o envío de antecedentes ou a emisión de informes orais ou escritos de expertos.

5. Os acordos das seccións e dos arquivos adoptaranse por maioría dos presentes, decidindo en caso de empate o voto do coordinador ou director.

6. As seccións e os arquivos depositarán na Xerencia tanta información como fose precisa para unha adecuada tramitación ou xestión dos asuntos dos que coñeza.

Artigo 36º.-Material.

O material adquirido con fondos do Consello deberá permanecer nas propias intalacións, suxeito ó sistema de inventariado.

Artigo 37º.-Comisión de Publicacións.

1. Como órgano asesor da Comisión Executiva, existirá unha Comisión de Publicacións, que ten como finalidade o asesoramento respecto das edicións propias do Consello da Cultura Galega e a fixación dos termos dos convenios en libros coeditados con outros organismos ou editoriais.

2. A composición da devandita comisión será determinada pola Comisión Executiva, dando conta da mesma ó Pleno.

3. A Comisión Executiva elaborará as normas polas que debe rexerse a Comisión, elevándoas ó Pleno para a súa aprobación.

4. Os membros da Comisión percibirán indemnizacións económicas de acordo co previsto no artigo 16 deste regulamento.

TÍTULO IV

Estructura administrativa

Artigo 38º.-A Xerencia.

1. A Xerencia é o órgano superior da estructura administrativa, encargado do regular desenvolvemento das actividades do Consello baixo a inmediata dirección da Presidencia.

2. O xerente será nomeado polo Pleno do Consello, por proposta da Presidencia.

3. Ó xerente correspóndenlle as funcións de xefe do persoal e do réxime interior de tódolos servicios e dependencias do Consello, sen prexuízo da superior autoridade da Presidencia e das atribucións do Pleno, da Comisión Executiva e dos conselleiros.

4. O xerente despachará co presidente coa periodicidade que este determine e sempre que o requira a boa marcha dos asuntos do Consello.

5. A Presidencia poderá delegarlle as competencias que considere precisas para unha máis áxil e eficaz xestión das tarefas encomendadas. Poderá así mesmo delegarlle a sinatura nos termos previstos no artigo 16 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico de administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 39º.-Funcións do xerente como xefe de persoal.

Como xefe de persoal, correspóndenlle ó xerente as seguintes atribucións:

a) Actuar de relator diante do Pleno ou da Comisión Executiva nos asuntos que afecten o réxime económico ou de persoal, así como para informar, cando for chamado, doutros asuntos da súa competencia.

b) Instruír e custodia-los expedientes persoais dos traballadores do Consello.

c) Propoñe-la distribución do persoal entre as distintas dependencias e servicios.

d) Velar polo cumprimento da normativa laboral en materia de seguranza e hixiene no traballo.

e) Formula-las propostas do cadro de persoal orgánico do Consello.

f) Velar pola disciplina do persoal e propoñer, se for o caso, ó presidente do Consello, a instrucción dos expedientes disciplinarios.

g) Propoñer ós órganos competentes medidas de formación, estímulo e motivación do persoal do Consello.

Artigo 40º.-Funcións do xerente como xefe de réxime interior.

Como xefe de réxime interior son atribucións do xerente:

a) A xestión administrativa do Consello da Cultura Galega.

b) A sinatura da correspondencia e documentos cando non for atribución do presidente ou o secretario.

c) A vixilancia do Rexistro de Entrada e Saída dos documentos e a distribución dos expedientes entre os distintos servicios, por si ou por medio da Secretaría Administrativa baixo a súa dependencia.

d) A preparación do anteproxecto de orzamentos do Consello, sen prexuízo das atribucións da Presidencia, da Comisión Executiva e do Pleno.

e) A formulación das modificacións ou transvasamentos de crédito entre as distintas partidas orzamentarias aprobadas polos órganos competentes.

f) A xestión do orzamento do Consello elevando á Presidencia as correspondentes propostas de autorización e disposición de gastos, recoñecemento de obligacións e ordes de pagamento.

g) A liquidación do orzamento.

h) A proposta á Comisión Executiva do sistema de indemnizacións que correspondan ós conselleiros e demais participantes nas tarefas do Consello polo desempeño das funcións propias do seu cargo, así como a periódica revisión, de se-lo caso, da súa contía.

i) O coidado das instalacións da sede do Consello, así como do seu mobiliario e materiais.

j) A custodia dos servicios de arquivo, biblioteca e publicacións.

k) A elaboración do anteproxecto de memoria económica.

l) A proposta á Comisión Executiva, a través da Presidencia, das iniciativas e suxestións que entender oportunas para o mellor funcionamento do Consello.

m) A realización do inventario de fin de ano (balance de situación e activos).

n) A execución de calquera outra tarefa que for necesaria para o funcionamento do Consello.

ñ) A preparación da documentación da contratación administrativa ou privada do Consello, que autorizará se for o caso o presidente.

Artigo 41º.-Servicios administrativos da Xerencia.

Baixo a dependencia da Xerencia existirán os seguintes servicios administrativos:

a) Secretaría Administrativa.

b) Área de Persoal.

c) Área de Xestión Técnica.

d) Área de Xestión Económica.

e) Área de Servicios.

Artigo 42º.-Xefe da Secretaría Administrativa.

1. O xefe da Secretaría Administrativa será nomeado libremente pola Presidencia e actuará como secretario desta, do secretario do Consello e máis da Xerencia.

2. Correspóndenlle as seguintes funcións:

a) A dirección e distribución do traballo da Secretaría.

b) A xestión dos asuntos administrativos encomendados pola Presidencia e maila Xerencia.

c) Os traballos de relación cos medios de comunicación derivados das instruccións da Presidencia ou da Xerencia.

d) A xestión da correspondencia da Presidencia e maila Xerencia.

e) A organización material das actividades públicas do Consello.

f) O Rexistro de Entradas e Saídas.

Cantas outras tarefas administrativas que a Presidencia ou a Xerencia lle encomenden.

Artigo 43º.-Xefe da Área de Persoal.

O xefe da Área de Persoal, que será nomeado pola Presidencia do Consello, realizará, baixo as ordes da Xerencia, as seguintes funcións:

a) O coidado do desenvolvemento da actividade do persoal que presta servicio no Consello.

b) A colaboración co xerente na realización das funcións que lle corresponden como xefe de persoal.

c) O control directo da disciplina do persoal do Consello, baixo a dirección da Xerencia.

Artigo 44º.-Xefe da Área de Xestión Técnica.

Ó xefe da Área de Xestión Técnica, que será nomeado pola Presidencia, lle corresponderá a xefatura administrativa dos arquivos e da biblioteca, ás ordes da Xerencia, realizando as seguintes funcións:

a) Custodiar toda a documentación do Consello destinada a arquivo.

b) Formar e ter ó día o catálogo e índice alfabético da biblioteca, por materias e autores, segundo a normativa que rexe para as bibliotecas públicas. Nesta tarefa será auxiliado polos técnicos que en cada momento consten no correspondente cadro de persoal.

c) Asesora-la Xerencia na confección das propostas de adquisicións de libros e publicacións, programas ou necesidades de cada sección, arquivo ou comisión técnica.

d) Dirixi-lo labor de ordenación e clasificación dos arquivos e da biblioteca.

e) Coordina-los traballos técnicos e materiais entre arquivos.

f) Coñecer en cada momento o desenvolvemento do traballo das seccións, arquivos e comisións técnicas.

g) Vixia-lo cumprimento dos traballos dos bolseiros e das asistencias técnicas.

h) Face-las memorias técnicas para a xestión e contratación dos expedientes administrativos.

i) Comprobar que os textos que o Consello remita ó exterior se axusten ós criterios lingüísticos, gráficos ou de estilo segundo as normas do Consello.

j) Velar polo cumprimento da normativa en materia de publicacións.

k) Tramita-las edicións das publicacións do propio Consello, agás os pagamentos, que serán realizados polos servicios económicos, baixo as instruccións da Xerencia.

Artigo 45º.-Servicios da Área de Xestión Técnica.

Baixo a dependencia da Área de Xestión Técnica existirán os seguintes servicios:

-Biblioteca.

-Producción.

-Arquivos.

Artigo 46º.-Xefe da Área de Xestión Económica.

Baixo a dependencia da Xerencia, o xefe da Área de Xestión Económica, que será nomeado pola Presidencia do Consello, realizará as seguintes funcións:

a) Axudar na preparación do proxecto de orzamentos e da memoria económica.

b) Redacta-las propostas de ordes de pagamento.

c) Leva-las contas de gastos.

d) Confecciona-las nóminas de haberes do persoal e as relacións de indemnizacións por razón do servicio dos membros do Consello.

e) Rexistra-las disposicións en materia orzamentaria e de contabilidade para a súa correcta aplicación.

f) Preparar e tramitar, segundo as instruccións da Xerencia, os expedientes de contratación de bens e servicios.

g) Administrar e mante-lo patrimonio mobiliario e inmobiliario.

h) Cantas outras lle asigne a Xerencia.

Artigo 47º.-Área de Servicios.

Á Área de Servicios, dependente da Xerencia, correspóndenlle as seguintes as funcións:

-Portería.

-Mantemento.

-Envíos de correspondencia e paquetería.

-Recepción de chamadas.

-Almacén.

-Conducción de vehículos oficiais.

Artigo 48º.-Unidade de control interno.

1. Adscrita á Xerencia, pero sen dependencia xerárquica desta, existirá unha unidade de control interno, que exercerá as funcións de control dos actos que deren lugar ó recoñecemento de dereitos e obrigacións de contido económico, así como dos ingresos e dos pagamentos que deles deriven, de acordo cos principios da función interventora establecidos no artigo 96.1º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. O Pleno do Consello por proposta da Presidencia nomeará o xefe da Unidade de Control Interno entre funcionarios que pertenzan a algún dos corpos ou escalas de intervención de calquera das administracións públicas.

3. Os titulares desta unidade terán o nivel orgánico e retributivo que se determine no cadro de persoal orgánico.

TÍTULO V

Persoal

Artigo 49º.-Persoal ó servicio do Consello.

1. O persoal do Consello da Cultura Galega ten a condición de persoal laboral e rexerase polo convenio laboral de oficinas e despachos e pola lexislación laboral vixente. Desempeñará as funcións técnicas, administrativas e auxiliares que lle correspondan de acordo coa súa categoría.

2. O persoal do Consello da Cultura Galega poderá estar integrado por:

a) O persoal laboral propio do Consello da Cultura Galega.

b) O persoal procedente doutras administracións, funcionarios ou laboral, destinado no Consello da Cultura Galega. O persoal procedente doutras administracións terá, en todo caso, unha relación xurídico-laboral co Consello da Cultura Galega, quedando na súa administración de orixe na situación prevista na súa normativa de persoal.

c) O persoal eventual designado pola Presidencia na forma e co carácter previsto no artigo 20º i) deste regulamento.

Artigo 50º.-Cadro orgánico de persoal.

1. O Consello contará cun cadro orgánico de persoal no que se relacionará a totalidade do persoal que presta servicio.

2. Elaborarase unha relación na que se describirán os distintos postos de traballo do persoal laboral propio do Consello, os reservados ó persoal de outras administracións públicas e os do persoal eventual.

3. O cadro orgánico de persoal e a relación de postos de traballo, así como calquera modificación destes, deberán ser aprobados polo Pleno do Consello da Cultura Galega.

Artigo 51º.-Selección de persoal.

1. A selección do persoal laboral propio do Consello da Cultura Galega farase por convocatoria pública de acordo con sistemas baseados nos principios de mérito, capacidade, igualdade e publicidade. Aplicaráselle o convenio laboral de oficinas e despachos ou convenio propio.

2. O persoal eventual realizará as funcións de confianza non reservadas ó resto do persoal. O seu nomeamento e cesamento farase de conformidade co previsto no artigo 20º i) deste regulamento.

Artigo 52º.-Incompatibilidades.

O persoal ó servicio do Consello da Cultura Galega estará afectado polas incompatibilidades establecidas con carácter xeral para o persoal das administracións públicas.

Artigo 53º.-Retribucións.

As retribucións do persoal que preste servicio no Consello serán fixadas polo Pleno, por proposta da Presidencia, tendo en conta as particulares características dos labores da institución e a normativa prevista para o persoal ó servicio da Comunidade Autónoma nas correspondentes leis de orzamentos.

TÍTULO VI

Réxime económico-financeiro

Artigo 54º.-Recursos financeiros.

Os recursos financeiros do Consello da Cultura Galega estarán compostos por:

a) A dotación anual que se estableza nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) Os rendementos de dereito privado do seu patrimonio.

c) Os rendementos das actividades que desenvolva.

d) As contribucións voluntarias das entidades con dereito a representación.

e) As doazóns, legados, herdos ou calquera achega que reciba a título gratuíto.

Artigo 55º.-Capacidade xurídica.

O Consello da Cultura Galega ten plena capacidade para adquirir, gravar, transmitir e posuír calquera clase de bens ou dereitos. Así mesmo poderá exercer todo tipo de accións e contraer obrigas a través dos seus representantes legais, debidamente apoderados e autorizados polo Pleno.

Artigo 56º.-Orzamento.

O orzamento do Consello da Cultura Galega figurará como unha unidade orgánica dentro dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

Artigo 57º.-Anteproxecto de orzamento.

O anteproxecto de orzamento anual do Consello da Cultura Galega, elaborado segundo o establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, será remitido polo seu presidente á Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia para a súa integración nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma nunha sección específica diferenciada.

Artigo 58º.-Autorización e disposición dos gastos.

A autorización e a disposición dos gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a ordenación dos pagamentos do Consello correspóndelle ó seu presidente, sen prexuízo das delegacións que para o efecto entenda oportunas.

Artigo 59º.-Tesourería.

As dotacións consignadas na sección orzamentaria específica do Consello da Cultura Galega serán entregadas pola Consellería de Economía e Facenda por petición do organismo e ingresadas na tesourería propia do ente.

A Consellería de Economía e Facenda determinará o procedemento para o seu libramento e para a imputación da execución do Consello da Cultura Galega na contabilidade da Comunidade Autónoma.

Artigo 60º.-Intervención.

1. Tódolos actos, documentos e expedientes do Consello da Cultura Galega dos que se deriven dereitos e obrigas de contido económico serán intervidos e contabilizados nos termos descritos no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. A función interventora será exercida pola Unidade de Control Interno a que se refire o artigo 48º deste regulamento.

Artigo 61º.-Contabilidade.

O Consello da Cultura Galega axustará a súa contabilidade ó réxime de contabilidade pública nos mesmos termos cós descritos no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición transitoria

Mentres non sexa creada a Unidade de Control Interno á que fai referencia o artigo 48º do presente regulamento, as funcións de control interno serán exercidas a través da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

Disposición derrogatoria

Queda derrogado o Decreto 127/1984, do 19 de xullo, de Regulamento da Lei do Consello da Cultura Galega.

Disposición derradeira

Este regulamento entrará en vigor o seguinte día ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de setembro de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo