Dentro do plan de actividades da EGAP para o 2000, e conforme coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse cinco cursos sobre información e atención ó cidadán para persoal da Administración local que deberán desenvolverse conforme as seguintes bases:
Primeira.-Obxectivos.
Comprensión dos modos de conducta e das diferentes situacións que se poden presentar no desenvolvemento dun posto de traballo de atención ó público.
Segunda.-Destinatarios.
Persoal ó servicio da Administración local con funcións de atención ó público integradas nos grupos C, D e E.
Terceira.-Solicitudes.
1. As persoas que desexen participar no curso programado deberán solicitalo no modelo oficial de solicitude que figura ó final da convocatoria, e cubrila en tódolos epígrafes. Cando solicite o curso máis dun interesado da mesma corporación, o responsable do persoal poderá especifica-la orde de preferencia. No caso de que non se especifique, a EGAP aplicarálle-los criterios de selección ós que se fai referencia na base sétima.
2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección será motivo de exclusión automática.
Cuarta.-Tramitación de solicitudes.
As solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública e presentaranse no Rexistro da EGAP, polígono das Fontiñas s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou tramitaranse por calquera das outras formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.
Seguidamente efectuarase a selección dos participantes e esta notificaráselles directamente ós admitidos.
Quinta.-Prazo.
O prazo de presentación de instancias será de 15 días naturais, contados a partir da data de publicación da convocatoria.
Sexta.-Requisitos dos participantes.
O cumprimento do requisito esixido na base segunda deberá acreditarse mediante certificación expedida conforme o modelo oficial que figura como anexo I desta resolución.
Sétima.-Selección.
Os criterios de selección, dirixidos a concilia-las necesidades da organización na que prestan servicios os aspirantes e os intereses individuais destes, terán en conta a maior relación do posto de traballo desempeñado co contido do curso. Terán preferencia aqueles que non realizasen ningún curso de similares características ó convocado.
En calquera caso, os criterios de selección suxeitaranse ás directrices sinaladas na Resolución do 27 de xuño de 1994 (DOG nº 149, do 3 de agosto), pola que se fan públicos os criterios de participación nas actividades docentes da EGAP.
Oitava.-Modificacións.
A EGAP poderá modifica-lo desenvolvemento e mailo contido do curso anunciado para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.
A EGAP reserva para si a facultade de anula-lo curso se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización. Fíxase en 15 o número mínimo de asistentes.
Novena.-Desenvolvemento.
1. Duración: 24 horas.
2. Lugares e datas: A Coruña: 30 e 31 de outubro, 2, 3, 6, 7 e 8 de novembro.
Lugo: 16, 17, 20, 21, 22, 23 e 24 de novembro.
Santiago de Compostela: 8, 9, 10, 13, 14, 15 e 16 de novembro.
Ourense: 27, 28, 29 e 30 de novembro; 1, 4 e 5 de decembro.
Pontevedra: 11, 12, 13, 14, 18, 19 e 20 de decembro.
4. Horario: de 17 a 20.30 horas.
5. Prazas: 25 en cada localidade.
Décima.-Certificado de asistencia.
Outorgaráselles certificado de asistencia ós alumnos que participen con regularidade no curso, e é obrigatoria a asistencia a tódalas sesións. Toda inasistencia deberá ser xustificada convenientemente, sen que poida exceder en ningún caso do 15% das horas lectivas programadas.
Unha inasistencia superior ó 15% das horas lectivas programadas, aínda que sexa xustificada, impedirá a expedición do correspondente certificado.
Décimo primeira.-Contido.
Comportamento interpersoal. Elementos básicos de comunicación. Técnicas de información ó público. Estratexias de resolucións de problemas. Situacións de tensión.
Santiago de Compostela, 29 de setembro de 2000.
Domingo Bello Janeiro
Director da Escola Galega de Administración Pública
ANEXO I
D, responsable dos servicios
de persoal na entidade local
Certifico:
Que Don/a, no desempeño
do seu posto de traballo realiza tarefas directamente relacionadas co contido do curso solicitado.
..............., ...... de......... 2000.
Asdo.: .....................