Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 193 Mércores, 04 de outubro de 2000 Páx. 13.744

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 22 de setembro de 2000 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

Visto o expediente de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

Antecedentes de feito:

1. Antonio Palanca Soler, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 8 de maio de 2000, formulou solicitude de clasificación e de recoñecemento e declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública, outorgada en Vigo, o día 11 de abril de 2000, ante o notario José María Rueda Pérez co número oitocentos vintecinco do seu protocolo, por Jorge Ribó Landín, Antonio Palanca Soler e Cristina Castán Lanaspa; intervén Jorge Ribó Landín en nome e representación do Club Alpino da Univeridade de Vigo, e os restantes no seu propio nome e dereito.

3. A Fundación Laboratorio de Anatomía Animal ten por obxecto promover, asesorar, xestionar e incentivar actividades que teñan como fin, tanto o coñecemento como a xestión integrada dos espacios naturais, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos.

4. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como de interese ambiental da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, cumpríndose os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese

galego, e segundo establece o artigo 32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como de interese medioambiental e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente.

5. Á vista da citada proposta da Comisión de Secretarios Xerais, por orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 10 de maio de 2000 (Diario Oficial de Galicia, do 26 de maio) clasificouse como de interese ambiental a Fundación Laboratorio de Anatomía Animal e adscribiuse á Consellería de Medio Ambiente para efectos do exercicio do protectorado sobre ela, en cumprimento do disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego.

6. Na anteriormente sinalada escritura pública de constitución da fundación constan os extremos relativos á personalidade do fundador; a súa capacidade para constituíla e a súa vontade de facelo como de interese galego conforme os preceptos da Lei 7/1981, do 22 de xuño, de Réxime das Fundacións de Interese Galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro; os estatutos; a dotación inicial constituída pola achega do fundador que consta na relación do 25 de febreiro de 2000, asinada por Jorge Ribó Landín e Antonio Palanca Soler, que se xunta coa escritura de constitución e que debe entenderse realizada a título gratuíto por estar afectada de modo duradeiro á realización dos seus fins; e a designación das persoas naturais que constitúen o órgano de goberno inicial da fundación, coa aceptación, no devandito acto fundacional, dos seus cargos.

7. Nos estatutos da fundación constan os extremos relativos á súa denominación de Fundación Laboratorio de Anatomía Animal (artigo 1), o seu obxecto e finalidade de promover, asesorar, xestionar e incentivar actividades que teñan como fin, tanto o coñecemento como a xestión integrada dos espacios naturais (artigo 6); o seu enderezo na Facultade de Ciencias, Universidade de Vigo, provincia de Pontevedra (artigo 4); as regras para a aplicación das rendas ó obxecto fundacional e para a determinación dos beneficiarios (artigos 7 e 8) e a designación do padroado como órgano de goberno, representación e administración dela, con indicación do seu réxime de funcionamento (artigos 9 a 23).

8. En cumprimento do establecido no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, con data 21 de setembro de 2000, a Asesoría Xurídica emite informe favorable sobre a legalidade da declaración de interese galego da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, consonte a lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é compe

tencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o Réxime das Fundacións de Interese Galego.

Segundo.-De acordo co disposto no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego en relación co Decreto 482/1997, do 26 de decembro, correspóndelle á Consellería de Medio Ambiente a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro.-Á vista dos artigos 2, 3, 4.1º, 5, 6, 7.1º.2 e 5 e 11.1º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, e 4º do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado delas, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, deben entenderse substancialmente cumpridos os requisitos establecidos pola declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente, da Fundación Laboratorio de Anatomía Animal, polo que procede dictar esta presente orde. Por todo iso,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer e declarar de interese galego a Fundación Laboratorio de Anatomía Animal.

Segundo.-Ordena-la súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Medio Ambiente.

Terceiro.-Que a dita fundación, expresamente sometida á Lei 7/1983, do 27 de xuño, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e o seu regulamento aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, e demais normativa de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas delles dar publicidade suficiente ós seus obxectivos e actividades, da ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servicios e de solicita-las preceptivas autorizacións, quede suxeita ó protectorado da Xunta de Galicia, que será exercido por esta consellería.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente