Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 29 de setembro de 2000 Páx. 13.621

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 13 de xuño de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se aproba o proxecto de execución denominado punto de entrega a armario de regulación (APA/MPB) e rede de subministración a Polusa e Aqualife, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (Expediente 00/1-0-G).

Examinado o expediente instruído por instancias da empresa Gas Galicia SDG, S.A., con domicilio para efectos de notificacións en r/ Lisboa s/n, Área Central, local HIJ, polígono das Fontiñas, 15703 Santiago de Compostela, resultan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro.-Con data 14 de outubro de 1993 a Consellería de Industria e Comercio outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a concesión administrativa para a prestación de servicio público de conducción e subministración de gas natural canalizado para usos industriais en distintos termos municipais da provincia de Lugo, entre os que se atopa o de Lugo, concesión que deveu en autorización conforme establece a disposición adicional sexta da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos.

Segundo.-Con data 21 de xaneiro de 2000, a referida empresa solicitou, ó abeiro do establecido nos artigos 89.3º e 104 da citada Lei 34/1998, e no artigo 9 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles aprobado polo Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, a aprobación do proxecto punto de entrega a armario de regulación (APA/MPB) e rede de subministración a Polusa e Aqualife, así como a declaración de utilidade pública das mencionadas instalacións, xuntando á dita solicitude o preceptivo proxecto, que foi redactado conforme o esixido polo Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado por ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, do 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994.

O trazado afecta o termo municipal de Lugo, e a súas características son en resumo as seguintes:

A conducción de entrada ten a súa orixe no gasoducto de 8" de diámetro que discorre por un camiño fronte a Aqualife e despois pola antiga estrada a Santiago. A conducción cruza o camiño e chega ó armario de regulación que se sitúa no xardín da entrada a Aqualife.

A conducción continúa soterrada polo camiño, bordeando o cerramento de Aqualife para ó chegar á fronte do edificio e deixa-la válvula de conexión.

A conducción cruza o camiño e continúa pola antiga estrada a Santiago, inicialmente en paralelismo coa conducción de gas de 8" de diámetro e posteriormente próximo á beirarrúa ata chegar ó camiño

das Regas, para despois abandonalo e continuar por outro entre os chalés e unha nave industrial ata chegar ó Hospital Polusa.

A lonxitude da conducción é de 963 m.

O orzamento ascende á cantidade de 7.850.870 ptas.

Terceiro.-Esta dirección xeral someteu a información pública o referido proxecto xunto coa relación de bens e dereitos afectados, mediante Resolución do 3 de febreiro de 2000, publicada no Diario Oficial de Galicia, do 2 de marzo, no BOP de Lugo do 22 de marzo, no diario El Progreso do 15 de febreiro e no taboleiro de anuncios do Concello de Lugo.

Cuarto.-Durante o período legalmente establecido non se presentou ningunha alegación ó proxecto.

Quinto.-Así mesmo, solicitouse informe dos organismos e entidades competentes sobre determinados bens públicos e servicios que resultan afectados pola mencionada conducción de gas natural.

Sexto.-Sobre a solicitude obxecto deste expediente emitiu informe favorable a Delegación Provincial de Lugo.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é a competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, o Decreto 132/1982, do 4 de novembro e o Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación coa Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, cos decretos 2913/1973, do 26 de outubro e 1775/1967, do 22 de xuño.

Segundo.-O proxecto cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no citado Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, así como as normas ou regulamentos que as desenvolven, e o Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974.

Terceiro.-Gas Galicia SDG, S.A. procederá igualmente a realiza-los cruzamentos e afeccións a organismos públicos de acordo coas condicións e informes realizados ou, se é o caso, pendentes de realizar.

Por todo o anterior, debe accederse ó solicitado pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. e, por conseguinte, proceder a aproba-lo proxecto de execución de referencia no tramo que figura no parágrafo segundo dos antecedentes, correspondente ó termo municipal de Lugo.

Vistos os preceptos legais citados e os demais de pertinente e xeral aplicación, esta dirección xeral

RESOLVE:

-Aprobar a Gas Galicia SDG, S.A. o proxecto de execución das instalacións que se prevén no punto

de entrega a armario de regulación (APA/MPB) e rede de subministración a Polusa e Aqualife, no tramo relacionado previamente, correspondente ó termo municipal de Lugo.

-Declara-la utilidade pública das instalacións que se autorizan, para os efectos previstos no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Esta autorización administrativa outórgase consonte as condicións xerais previstas na Lei 34/1998, do 7 de outubro, o Decreto 2613/1973, do 26 de outubro e o Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, e baixo as condicións especiais seguintes:

Primeira.-As instalacións deberán realizarse conforme as especificacións e planos do proxecto que se aproba.

Segunda.-Para introducir modificacións nas instalacións que afecten os datos básicos do proxecto será necesaria a autorización desa Dirección Xeral de Industria. Así mesmo, a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Lugo poderá autoriza-las modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar a esta dirección xeral tódalas resolucións que dicte en aplicación de dita facultade.

Terceira.-En todo momento deberá cumprirse canto establece o Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos, aprobado pola orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificado polas ordes do Ministerio de Industria e Enerxía do 26 de outubro de 1983, 6 de xullo de 1984 e 9 de marzo de 1994, así como as instruccións técnicas complementarias ITC-MIG 5.2. canalizacións de transporte e distribución de gas de alta presión A e ITC-MIG 6.1. conexións de gas en alta presión, aprobadas pola Orde do 26 de outubro de 1983 e modificadas pola do 6 de xullo de 1984, normas UNE e demais normativas e directrices vixentes.

Cuarta.-Os materiais e instalacións eléctricas deberán cumpri-lo disposto no Regulamento electrotécnico de baixa tensión e as súas instruccións técnicas complementarias, así como a norma UNE 20.322-86: clasificación de localizacións con riscos de explosión debido á presencia de gases, vapores e néboas inflamables. A localización de canalizacións deberá realizarse segundo o establecido na norma UNE 60-302 as zonas de seguridade e coeficientes de cálculo estarán de acordo co establecido na norma UNE 60-305, debendo, así mesmo, establecerse dispositivos que limiten a presión nas canalizacións ós valores máximos de servicio autorizados.

Quinta.-O prazo para a posta en marcha das instalacións será de seis meses contados desde a data en que exista posibilidade legal de ocupación física dos predios afectados, podendo solicitar prórroga, en caso necesario, previa á oportuna xustificación.

Sexta.-A Delegación Provincial de Industria e Comercio de Lugo deberá realizar durante as obras

e unha vez rematadas estas, as comprobacións e probas que considere necesarias en relación co cumprimento das condicións xerais e específicas establecidas.

Sétima.-O peticionario manterá informada a Delegación Provincial de Industria e Comercio de Lugo de calquera incidencia que se poida producir durante a execución das obras e tamén das datas e fases previstas para a realización das probas e controis regulamentarios, todo isto con antelación suficiente, acreditando posteriormente ante a citada delegación provincial que os ensaios previstos foron realizados por entidades ou persoas legalmente facultadas e con resultado satisfactorio.

Ó remata-las obras remitirase á dita delegación provincial o certificado final de dirección de obra, asinado por técnico competente, que acredite que as instalacións cumpren as condicións técnicas e prescricións regulamentarias que lle son de aplicación e que se axustan ó proxecto aprobado e/ou, se é o caso, ás modificacións autorizadas, xuntando as actas e certificacións das probas e controis regulamentarios. A delegación provincial, logo de informe do técnico designado pola dita delegación, elaborará, se procede, a acta de posta en marcha da instalación.

Oitava.-Os cruzamentos especiais ou outras afeccións de bens de dominio público realizaranse de conformidade cos condicionados técnicos impostos polos organismos afectados.

Novena.-O peticionario asegurará o mantemento e vixilancia correcta das instalacións durante a construcción e despois da súa posta en servicio co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Décima.-Para a seguridade das instalacións a que se refire a presente autorización, establécense as seguintes afeccións en relación cos elementos que se mencionan:

Un. A expropiación en pleno dominio dos terreos sobre os que se construirán os elementos de instalación fixa en superficie.

Dous. Para as canalizacións:

a) Imposición de servidume permanente de paso, nunha franxa de terrreo de dous (2) metros de largo, un a cada lado do eixe, ó longo do gasoducto, por onde discorrerá soterrado o encanamento ou encanamentos que se requiran para a conducción do gas e que estará suxeita ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos a unha distancia inferior a dous (2) metros contados do eixe do encanamento.

2. Prohibición de realizar calquera tipo de obras ou efectuar actos que puideran danar ou perturba-lo bo funcionamento das instalacións, a unha distancia

inferior a cinco (5) metros do eixe do trazado, a un e outro lado del. Esta distancia poderá reducirse sempre que se solicite expresamente e se cumpran as condicións que, en cada caso, fixe o órgano competente da Administración.

3. Libre acceso do persoal e equipos necesarios para poder manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen. Posibilidade de instala-los fitos de sinalización ou delimitación e os encanamentos de ventilación, así como de realiza-las obras superficiais ou subterráneas que sexan necesarias para a execución ou funcionamento das instalacións.

b) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que consta para cada predio nos planos parcelarios de expropiación. Nesta zona farase desaparecer, temporalmente, todo obstáculo e realizaranse as obras necesarias para o tendido e instalación da canalización e elementos anexos, executando os traballos ou operacións precisas para os ditos fins.

Tres. Para o paso de liñas, equipos de telecomunicación e elementos dispersores de protección catódica:

a) Imposición de servidume permanente de paso nunha franxa de terreo dun (1) metro de largo, por onde discorrerán soterrados os cables de conexión. Para os leitos dispersores de protección catódica, a franxa de terreo, onde se establece a imposición de servidume permanente de paso, terá como largura, a correspondente á da instalación máis un (1) metro a cada lado. Estas franxas estarán suxeitas ás seguintes limitacións:

1. Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares a unha profundidade superior a cincuenta (50) centímetros, así como de plantar árbores ou arbustos e realizar todo tipo de obra, construcción ou edificación a unha distancia inferior a un metro e medio (1,5), a cada lado do cable de conexión ou do límite da instalación soterrada dos leitos dispersores, podendo exerce-lo dereito a cortar ou arrinca-las árbores ou arbustos que houbera a distancia inferior á indicada.

2. Libre acceso do persoal e elementos necesarios para poder vixiar, manter, reparar ou renova-las instalacións, con pagamento, se é o caso, dos danos que se ocasionen.

b) Ocupación temporal, coma necesidade derivada da execución das obras, da zona que se reflexa para cada predio nos planos parcelarios de expropiación e na que se fará desaparecer todo obstáculo, así coma realiza-las obras necesarias para o tendido e montaxe das instalacións e elementos anexos, executando as obras ou operacións precisas para os ditos fins.

Décimo primeira.-A compañía operadora deberá ter un programa de vixilancia, inspección e control para observa-las condicións en que se atopan as

canalizacións, debendo manter unha central de avisos atendida permanentemente e dispor dun plan de emerxencia escrito que describa a organización e actuación de medios humanos e materiais propios nas situacións de emerxencia. Así mesmo, deberá facilitar ós servicios de bombeiros, concello e organismos con competencias en materia de protección civil, copia dos planos de situación das canalizacións e características destas. Esta documentación será copia da que debe ter actualizada en arquivo a compañía operadora durante o período de explotación, de acordo co establecido no Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos e demais disposicións complementarias e modificadoras.

Décimo segunda.-A autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licencias de competencia doutros organismos ou entidades públicas, necesarios para realiza-las instalacións aprobadas.

Décimo terceira.-A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto a presente autorización polas causas sinaladas polo artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 20 de xullo, por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos, pola extinción da concesión da que dimana ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación.

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria