Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Venres, 29 de setembro de 2000 Páx. 13.593

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de agosto de 2000, da Delegación Provincial da Coruña, pola que se dispón a inscrición no rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do sector de axencias marítimas e aduaneiras, empresas estibadoras portuarias e comisionistas de tránsito da provincia da Coruña.

Visto o expediente do convenio colectivo do sector de axencias marítimas e aduaneiras, empresas estibadoras portuarias e comisionistas de tránsito da provincia da Coruña (código convenio nº 1500025), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 14-7-2000, e posteriormente rectificado con data do 22-8-2000, subscrito en representación da parte económica por PROAMAR e ASCOFER, e da parte social por UGT e CC.OO. o día 22-6-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

A Coruña, 25 de agosto de 2000.

P.S. (Decreto 161/2000, do 29 de xuño)

María Silva Costoya

Secretaria provincial da Coruña

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito funcional e territorial.

O presente convenio regula as relacións laborais entre as empresas consignatarias de buques, axencias de aduanas, empresas estibadoras portuarias e comisionistas en tránsito, establecidas na provincia da Coruña, ou que desenvolvan as súas actividades nelas e os seus traballadores.

O presente convenio afectará a tódolos centros de traballo que, comprendidos no seu ámbito funcional, se atopen situados na provincia da Coruña.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Quedan comprendidos dentro do ámbito do convenio tódolos traballadores que presten os seus ser

vicios por conta dalgunha das empresas comprendidas nos ámbitos funcional e territorial, calquera que sexa a categoría profesional que desempeñen. Así mesmo, quedarán incluídos aqueles que, sen pertenceren ó cadro de persoal das empresas en cuestión no momento de aprobarse o presente convenio, comecen a presta-los seus servicios nelas durante a vixencia deste.

Artigo 3º.-Ámbito temporal e denuncia do convenio.

O presente convenio colectivo entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2000, finalizando o seu período de vixencia o 31 de decembro de 2000. Os efectos económicos serán desde o 1 de xullo de 2000.

Entenderase prorrogado de ano en ano, se o 31 de decembro de 2000 calquera das partes signatarias del non o denunciase con polo menos un mes de antelación ó remate da súa vixencia.

A parte que promova a negociación deberá notificarlle-la denuncia por escrito á outra parte, expresando detalladamente:

a) Lexitimación que posúe.

b) Ámbitos do convenio colectivo.

c) Materias que se vaian negociar.

Co fin de evitar baleiro normativo, denunciado o convenio e ata que non se logre acordo expreso, perderán vixencia as súas cláusulas obrigacionais, manténdose as normativas ata o asinamento do convenio que o substitúa.

Artigo 4º.-Garantía ad personam.

Respectaranse as situacións persoais que en concepto de calquera clase e no seu conxunto sexan máis beneficiosas cás fixadas no presente convenio colectivo, entendéndose estrictamente ad personam. En todo o demais, as condicións desfrutadas polos traballadores entenderanse unificadas polas normas deste convenio.

Artigo 5º.-Absorción e compensación.

Tendo en conta a natureza do convenio, as disposicións legais futuras que impliquen variación económica en todos ou algúns dos conceptos retributivos existentes ou por creación doutros novos, unicamente terán eficiacia práctica se, globalmente considerados e sumados ós vixentes con anterioridade ó convenio, superan o nivel total deste. En caso contrario, considéranse absorbidos polas melloras pactadas no presente convenio.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, conciliación, arbitraxe e vixilancia do convenio.

As súas funcións específicas serán as seguintes:

1º. Interpretación auténtica do convenio.

2º. Arbitraxe dos problemas ou cuestións que lle sexan sometidos por ámbalas partes, de común acordo, en asuntos derivados deste convenio.

3º. Conciliación facultativa nos problemas colectivos con independencia das atribucións que por norma legal lles poidan corresponder ós organismos pertinentes.

4º. Vixilancia e cumprimento do pactado.

5º. Cantas outras cuestións tendan á maior eficacia práctica do convenio.

Os acordos ou resolucións adoptados polos votos favorables da maioría de cada unha das representacións integrantes da comisión terán carácter vinculante.

De non obterse decisión vinculante, seguiranse as vías legalmente previstas para a resolución das cuestións presentadas.

A comisión estará formada por seis vocais, tres pola parte empresarial e tres pola parte social, que serán designados polas respectivas representacións actuantes no convenio.

Poderán nomearse asesores por cada representación, os cales terán dereito a voz pero non a voto nas reunións da comisión.

A comisión reunirase por instancia das partes, póndose de acordo sobre o lugar e hora na que deberá realizarse a reunión.

En ningún caso poderá reunirse a comisión antes do transcurso do prazo de tres meses desde a anterior, agás no suposto de circunstancias extraordinarias debidamente xustificadas e apreciadas de común acordo.

Esta comisión paritaria estará formada polas persoas que se mencionan a seguir:

Parte empresarial: Francisco Santiáñez Orero, Antonio Puey Galván e Gonzalo Antón Miranda.

Parte social: Jesús París Cacheiro, Bienvenido Martínez Barro e Pedro García Flores.

Artigo 7º.-Ultra actividade do convenio.

As disposicións deste convenio permanecerán integramente inalterables durante todo o tempo que para a súa vixencia se establece no artigo 3º, sen que en ningún caso resulten afectadas por outras contidas en acordos e convenios de ámbito superior que se asinen durante a súa vixencia.

Capítulo II

Organización do traballo

Artigo 8º.-Organización do traballo.

A organización práctica do traballo é facultade exclusiva da dirección da empresa, de conformidade coa Lei do Estatuto dos traballadores e demais normas vixentes sobre esta materia, e deberá exercela dentro do marco legal correspondente.

Artigo 9º.-Clasificación do persoal segundo a súa función. Normas xerais.

1. Categorías enunciativas. As categorías consignadas no presente convenio non supoñen obriga de ter provistos tódolos cargos enumerados, se a necesidade e o volume da empresa non o require.

2. Poderes. As empresas poderán conceder e revogar libremente poderes ó persoal que estimen oportuno e, sempre que non implique apoderamento xeral, aquela circunstancia non variará a clasificación que polas súas funcións lle corresponda e sen prexuízo da maior retribución que, polo outorgamento de poderes, se lle conceda.

Grupos profesionais.

Grupo 1. Servicios administrativos.

a) Titulado.

b) Administrativo.

Grupo 2) Servicios varios.

Servicios administrativos.

Titulado: integrado por aqueles ós que para figuraren no cadro de persoal se lles esixa título universitario de grao superior ou medio, expedido polo Estado, sempre e cando realicen dentro da empresa funcións específicas da súa carreira ou título e sexan retribuídos de maneira exclusiva ou preferente, mediante soldo ou tanto alzado, sen suxeición, por conseguinte, á escala de honorarios usual na profesión.

Administrativo: comprendidos nela cantos, posuíndo coñecementos suficientes de mecánica administrativa, técnicos, contables e aduaneiros, realicen en oficinas xerais ou centrais, delegacións, representacións ou outros centros dependentes da empresa, así como a bordo dos buques e instalacións de organismos oficiais ou outros calquera, aqueles traballos recoñecidos polo costume ou hábito mercantís, ben sexan relacionados coa actividade marítima ou non, como persoal de oficinas e despachos.

Servicios varios.

Intégrao aquel persoal que realiza funcións de acondicionamento, manipulación e conservación de máquinas ou material mecánico, así como manipulación de guindastres, pas cargadoras, carretas elevadoras e outros elementos autopropulsados, almacenaxe e conservación de mercadorías e calquera outra actividade que unicamente requira achega de esforzo físico e de atención sen esixencia de práctica operativa.

Os manipulantes de pas cargadoras, guindastres e conductores de camión serán oficiais de primeira se executan toda clase de reparacións que non esixan elementos de taller; nos demais casos, serán como mínimo, oficiais.

Categorías profesionais.

Grupo 1. Servicios técnicos e administrativos.

Titulados:

Titulados de grao superior.

Titulados de grao medio.

Administrativos:

Xefe de sección.

Xefe de negociado.

Asimilado a xefe de negociado.

Oficial

Auxiliar.

Menores de 18 anos.

Telefonista.

Grupo 2. Servicios varios.

Encargado de sección.

Encargado de almacén/almaceneiro.

Oficial de primeira.

Oficial de segunda.

Manipulante.

Conductor de camión.

Conductor de turismo.

Mozo de almacén.

Peón.

Menores de 18 anos.

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, de luns a venres, para tódolos traballadores.

As partes comprométense a seguir negociando para implantar unha xornada laboral máis flexible.

Xornada de verán: o persoal de servicios administrativos terá unha xornada continuada de sete horas diarias desde o quince de xuño ó quince de setembro, ambos inclusive.

Artigo 11º.-Vacacións.

Os empregados, calquera que sexa o grupo ou categoría á que pertenzan, teñen dereito a unhas vacacións anuais dunha duración de 30 días naturais para todo o persoal que leve un ano na empresa.

As empresas establecerán para cada centro de traballadores ou dependencia o cadro de vacacións do persoal afecto a ela, coidando de que os servicios queden atendidos e procurando acceder ós desexos daquel.

O cadro de vacacións será elaborado pola dirección da empresa cos representantes legais dos traballadores, e exporase no taboleiro de anuncios de cada centro de traballo para coñecemento do conxunto dos traballadores.

Para as incompatibilidades aplicarase o establecido no artigo 38 do Estatuto dos traballdores. Nas oficinas cunha organización por sancións e se a estensión do seu cadro de persoal o permite, farase un cadro por sección sen prexuízo da coordinación que debe establecerse entre todos, para o problema xeral da oficina.

A duración das vacacións para o persoal que leve ó servicio da empresa menos dun ano estará en proporción ó tempo de servicio; a fracción de mes considerarase como un mes completo.

Cando o traballador desfrute das vacacións partidas, a súa duración será de 21 días laborables.

Artigo 12º.-Ascensos.

Co obxecto de lles da-la suficiente mobilidade ás escalas, os auxiliares administrativos maiores de vintetrés anos e con cinco anos de servicios efectivos na empresa como empregados administrativos, ascenderán automaticamente a oficiais coa obriga de seguir desempeñando as mesmas funcións mentres non existan vacantes na súa nova categoría.

Os oficiais administrativos pasarán a xefe de negociado ós dez anos de servicio na mesma categoría, de acordo cos cadros de persoal establecidos para cada empresa; de non haber vacante, manteranse na mesma categoría, percibindo, como compensación, o setenta e cinco por cento das diferencias entre as categorías de oficial e de xefe de negociado.

O presente artigo só será aplicable ós traballadores que se atoparan en activo na empresa o día 31 de decembro de 1990.

Artigo 13º.-Festa patroal.

Establécese o día da Virxe do Carme (16 de xullo) como festa patroal con carácter retribuído e non recuperable.

Os días 24 e 31 de decembro, na súa xornada de tarde, establécense con carácter non laborable, non recuperable e retribuído.

Artigo 14º.-Xubilación.

Ó xubilarse un traballador con 20 anos de servicio na empresa, sempre que o faga ó cumpri-la idade regulamentaria, 65 anos, percibirá como gratificación o importe de 12 mensualidades consistentes no salario base máis complemento persoal.

Establécese que as empresas e os traballadores afectados polo presente convenio poderán, durante a súa vixencia, acollerse á xubilación anticipada ós sesenta e catro anos, de acordo co establecido no Real decreto lei 1194/1985, do 17 de xullo.

Artigo 15º.-Contratación temporal.

Contrato de formación. Poderanse subscribir contratos de formación para tódalas categorías profesionais, mesmo para os mozos de almacén. A aqueles traballadores menores de 21 anos e maiores de 16 anos que sexan contratados baixo esta modalidade, aínda cando superen a idade de 21 anos, poderánselles prorroga-los ditos contratos ata o tempo máximo de tres anos.

Contrato en prácticas. De conformidade co disposto no Real decreto 448/1998, por este convenio sectorial determínase que os contratos en prácticas poderán ter unha duración máxima desde o seu inicio, de dous anos. O contrato concertado por tempo inferior ó máximo pode ser prorrogado unha ou dúas veces, por períodos non inferiores a seis meses, ata acada-lo dito límite máximo.

Os supostos de suspensión do contrato non comportan ampliación do seu prazo de duración, agás pacto en contra.

Contrato eventual por circunstancias da producción: en atención ás especiais características do sector, que implica frecuentes e irregulares períodos nos que se acumulan as tarefas, as empresas poderán concertar contratos eventuais por circunstancias da producción, ó abeiro do establecido polo Real decreto 2720/1998, do 18 de decembro, polo que se desenvolve o artigo 15 do Estatuto dos traballadores en materia de contratación, nun período non superior a 18 meses cunha duración máxima de 13 meses e medio.

Cando se concerten estes contratos por un prazo inferior ó máximo establecido, poderán prorrogarse por acordo das partes, unha vez, sen que en ningún caso, o tempo acumulado, incluído o das prórrogas, poida exceder do referido prazo máximo de 13 meses e medio.

Naqueles casos en que o contrato se concertara por un prazo inferior ó máximo establecido, e se ó seu termo non existise denuncia previa de ningunha das dúas partes nin existira acordo expreso da prórroga, pero se continuara realizando a prestación laboral, entenderase prorrogado tacitamente por outro período igual e así sucesivamente ata que o tempo acumulado sexa de 13 meses e medio.

Entenderase para tódolos efectos previdos neste precepto que concorren as circunstancia previstas no artigo 15.1ºb) do Estatuto dos traballadores, coa simple remisión do presente artigo deste convenio colectivo, realizada no contrato de traballo.

Capítulo III

Melloras sociais

Artigo 16º.-Incapacidade laboral.

No caso de enfermidade, os salarios que o traballador percibirá serán do cento por cento da retribución íntegra correspondente á súa categoría e complementos que lle correspondan, cobrando a diferencia existente entre a prestación que reciba do INSS pola dita enfermidade, tendo a facultade a empresa de revisar e facer recoñecer ó traballador por médicos ó seu servicio.

Artigo 17º.-Compensación en caso de accidente.

En caso de accidente de traballo con incapacidade temporal, a empresa coidará de que se lle aboe o complemento necesario ó salario asegurable para que, xuntamente coa prestación económica da entidade aseguradora, o traballador perciba o total da súa retribución desde o primeiro día de ocorrido o accidente, inclusive.

Capítulo IV

Réxime económico

Artigo 18º.-Salario base.

Considerarase salario base o que figura no anexo I deste convenio.

Queda modificada a antiga estructura salarial, integrándose o complemento de asistencia e complemento de convenio no salario base.

Artigo 19º.-Complemento persoal.

O complemento persoal de antigüidade respéctaselles tanto ós traballadores fixos coma ós contratados que, no momento da entrada en vigor deste convenio, viñesen percibíndoo, como complemento persoal non absorbible.

O complemento persoal establecerase por trienios. O importe de cada tramo é o establecido no anexo.

Establécese un máximo de 12 tramos. Cada tramo comprenderá tres anos de antigüidade na empresa. O complemento persoal incrementarase como mínimo e á vez na mesma porcentaxe que aumente o salario.

O persoal de novo ingreso non xerará nin percibirá ningunha cantidade en concepto de antigüidade.

Artigo 20º.-Complemento de transporte.

Establécese para compensa-los gastos de desprazamento do persoal ós centros de traballo, un complemento de 14.045 pesetas mensuais, descontándose a parte proporcional correspondente por cada día laborable non traballado, sexa cal for a causa.

Artigo 21º.-Premio de idiomas.

A gratificación por este concepto será de 7.627 pesetas mensuais.

Artigo 22º.-Apoderamento.

Os traballadores que realicen funcións de apoderado desfrutarán sobre o soldo que lles corresponda unha gratificación de 7.627 pesetas mensuais.

Artigo 23º.-Quebranto de moeda.

A gratificación por este concepto será de 7.627 pesetas mensuais.

Artigo 24º.-Salario hora profesional.

O salario hora profesional deixa de ter virtualidade para o cómputo do valor da hora extraordinaria ó pactarse a regulación das horas extraordinarias da forma seguinte:

a) Clasificación das horas extraordinarias.

Distinguiranse dous tipos de horas extraordinarias: tipo A e tipo B.

No porto da Coruña serán horas tipo A as realizadas de luns a venres entre as 6 e as 22 horas e as realizadas os sábados entre as 6 e as 14 horas.

No porto de Ferrol serán horas tipo A as realizadas de luns a venres entre as 8 e as 23.30 horas e as realizadas en sábados entre as 8 e as 14 horas.

No porto da Coruña serán horas tipo B as realizadas entre as 22 e as 6 horas, as realizadas os sábados a partir das 14 horas e as realizadas en domingos e festivos.

No porto de Ferrol serán horas tipo B as realizadas entre as 23.30 horas e as 8 horas, as realizadas os sábados a partir das 14 horas e as realizadas en domingos e festivos.

b) Valor das horas extraordinarias.

O valor das horas extraordinarias tipo A e tipo B será o que figura na táboa do anexo I deste convenio colectivo.

Artigo 25º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá catro pagas extraordinarias, dunha mensualidade cada unha delas, que se calcularán con base no salario base e complemento persoal, e faranse efectivas na primeira quincena dos meses de marzo, xullo, outubro e decembro.

Por acordo entre traballador e empresario, poderanse ratea-las pagas extraordinarias ó longo do ano.

Exclusivamente neste ano e por unha soa vez, os traballadores afectados por este convenio colectivo percibirán unha gratificación por un importe que figura no anexo II deste convenio. Esta gratificación aboarase como máximo no mes de setembro de 2000 e cotizará á Seguridade Social sumada á retribución do mes correspondente ó seu aboamento.

Artigo 26º.-Servicio militar obrigatorio ou civil substitutorio.

O traballador que se incorpore ó servicio militar ou civil substitutorio terá dereito, unha vez cumprido este, á reincorporarse ó seu posto de traballo. Non terá dereito a percibir da empresa durante este período cantidade económica de ningún tipo.

Capítulo V

Outras condicións de traballo

Artigo 27º.-Roupa de traballo e material de seguridade e protección persoal.

As empresas estibadoras, consignatarias, etc., facilitarán ós seus traballadores os medios e tipos de protección persoal adecuados ós traballos que realicen. En todo caso, cando o tipo de traballo o requira, dous equipos de traballo ó ano, e un anorak e dúas toallas cada dous anos.

Malia o anterior, cando a data de ingreso na empresa non coincida con eses meses, entregarase un ó comezo e outro ó cabo de seis meses se o traballador continuara prestando os seus servicios na empresa. Así mesmo, entregaranse luvas, gafas e cascos, botas, etc. e demais elementos de protección persoal, que serán substituídos polas empresas, sempre que se entreguen as usadas ou deterioradas e se comprobe que o desgaste ou rotura non é imputable ó traballador.

Capítulo VI

Seguridade e hixiene

Artigo 28º.-Seguridade e hixiene.

Tódalas empresas afectadas polo presente convenio cumprirán a normativa legal de seguridade e

hixiene no traballo (O.M. do 9 de marzo de 1971 e na Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais) e nas demais disposicións que lle sexan de aplicación atendendo especialmente á prevención de riscos laborais.

Artigo 29º.-Indemnización por incapacidade absoluta ou morte en accidente de traballo.

As empresas concertarán pólizas para asegura-los riscos de incapacidade absoluta ou morte de cada un dos seus traballadores por accidente de traballo, entendendo este de acordo coa lexislacion laboral, como o ocorrido con ocasión ou por consecuencia do traballo que se realiza por conta allea (incluído o denominado accidente in itinere nas empresas afectadas por el), que permitan a aquelas ou ós seus descendentes causa-lo dereito ás seguintes indemnizacións: 4.000.000 de pesetas por incapacidade absoluta e 3.500.000 pesetas por morte.

Esta compensación será compatible coa pensión ou indemnización que poida percibi-lo traballador ou os seus descendentes legais do sistema da Seguridade Social.

As indemnizacións pagadas con cargo a esta póliza de seguro de accidente terán a consideración de pagamentos á conta das que poidan fixar no seu día os xulgados ou tribunais por sentencia firme e que sexan por conta das empresas.

Artigo 30º.-Revisión médica.

Tódolos traballadores, con independencia da súa categoría profesional, serán sometidos a recoñecementos médicos de periodicidade anual, que consistirán nunha exploración completa e calquera outra que considere necesaria o facultativo médico ou sexa conveniente en razón do posto de traballo que desempeñe o traballador.

Remitiráselles ós interesados o correspondente informe.

En tódolos centros de traballo existirán caixas de urxencias con todo o necesario.

Capítulo VII

Formación profesional

Artigo 31º.-Formación profesional.

Os traballadores afectados por este convenio teñen o dereito a unha adecuada formación profesional que se oriente prioritariamente a:

a) Facilita-la inserción profesional.

b) Perfecciona-los coñecementos para facilita-la promoción interna e favorece-la mellora da productividade na empresa e no conxunto do sector.

c) Promociona-la creación de novos empregos e a súa adaptación á innovación tecnolóxica.

Para tal fin, as empresas establecerán anualmente un calendario de cursos de formación para a consecución dos obxectivos sinalados no parágrafo anterior.

Capítulo VIII

Garantías sindicais

Artigo 32º.-Igualdade de oportunidades.

As empresas afectadas polo presente convenio comprométense a non discriminar ningún posto de traballo, por razón de idade, sexo, relixión ou ideoloxía política.

Artigo 33º.-Garantías dos traballadores.

Ningún traballador que estea representando os traballadores, delegados de persoal, comité de empresa, membros da comisión paritaria, traballadores designados pola empresa para a prevención de riscos laborais e outra representatividade encomendada, pode ser despedido durante o prazo de dous anos con posterioridade a este, agás falta susceptible de despedimento suficientemente probada e logo da incoación de expediente.

Os delegados de persoal, así como os membros da comisión paritaria, disporán do tempo libre necesario dentro do horario laboral para asistir a cantas reunións e asembleas se consideren necesarias, marcándose un máximo segundo o establecido no Estatuto dos traballadores, aboados pola empresa.

ANEXO I

Táboas salariais 2000

Cómputo

mensual

Cómptuo

anual

Hora

extra

tipo A

Hora

extra

tipo B

Tramo

complemento

persoal

Titulados
Titulado superior164.8352.791.8511.7922.9717.413
Titulado medio145.3282.479.7391.7242.4856.480

Administrativos
Xefe de sección164.8352.791.8511.9722.7917.413
Xefe de negociado145.3282.479.7391.7242.4856.480
Asimilado a jexe de ngdo.141.6012.420.1071.6762.4856.302
Oficial administrativo130.4182.241.1791.5342.4855.767
Auxiliar administrativo105.2341.838.2351.2131.7184.563
Menores de 18 anos88.7961.575.2271.0041.4213.777
Telefonista101.2381.774.2991.1631.6454.371

Servicios varios
Encargado de sección115.8322.007.8031.3512.4975.069
Encargado almacén/alcro112.3521.952.1231.3512.4974.903
Oficial 1ª112.3521.952.1231.3512.4974.903
Oficial 2ª107.9991.882.4751.2491.7674.695
Manipulante107.9991.882.4751.3512.4974.695
Conductor de camión107.9991.882.4751.2491.7674.695
Conductor de turismo107.9991.882.4751.2491.7674.695
Mozo de almacén104.4311.825.3871.2041.7034.524
Peón104.4311.825.3871.2041.7034.524
Menores de 18 anos86.1221.532.4439701.3733.648

Transporte:14.045

Poder: 7.627

Quebranto: 7.627

Idiomas: 7.627

ANEXO II

Titulados

Titulado superior:52.729

Titulado medio:46.787

Administrativos

Xefe de sección:52.729

Xefe de negociado:46.787

Asimilado a xefe de negociado:45.652

Oficial administrativo:42.245

Auxiliar administrativo:34.573

Menores de 18 anos:29.565

Telefonista:33.355

Servicios varios

Encargado de sección:37.801

Encargado almacén/almaceneiro:36.741

Oficial de 1ª:36.741

Oficial de 2ª:35.415

Manipulante:35.415

Conductor de camión:35.415

Conductor de turismo:35.415

Mozo de almacén:34.328

Peón:34.328

Menores de 18 anos:28.751