Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 180 Venres, 15 de setembro de 2000 Páx. 13.026

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo provincial da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial da empresa Aguas de Cabreiroá, S.A. de Ourense (código convenio 3200012), con entrada nesta delegación provincial o día 27-7-2000, subscrito en representación da parte económica, pola empresa, e, da parte social, polo comité de empresa, o día 26-5-2000, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo.

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 3 de agosto de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de Aguas de Cabreiroá, S.A. 2000

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio é de ámbito empresarial e de aplicación obrigatoria á empresa Aguas de Cabrei

roá, S.A., con domicilio social en Verín (Ourense), dedicada á explotación e envasado de augas minerais-naturais. Igualmente afectará ás factorías, dependencias, sucursais ou delegacións que a empresa teña con persoal ó seu servicio, incluído en nómina dentro da provincia ou fóra dela.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Estará afectado polo presente convenio o persoal da empresa a que fai mención o artigo 1º, salvo as persoas que exerzan funcións de alta dirección e alto consello.

Así mesmo, as partes entenden que para mellora-lo precario sistema de contratación actual, a empresa contratará preferentemente traballadores procedentes do Inem, aínda que se fose imprescindible a contratación de traballadores a través de empresas de traballo temporal, para labores distintos ós de producción, o salario que se lles aplicaría a estes traballadores achegaríase o máis posible ó vixente para a mesma categoría nesta empresa, condición que se fará constar na oferta de emprego.

Artigo 3º.-Vixencia, duración e prórroga.

A duración deste convenio será dun ano, comezando os seus efectos económicos o 1 de xaneiro de 2000 e rematará a súa vixencia o 31 de decembro de 2000.

O convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano, se non fose denunciado por calquera das partes con tres meses de antelación polo menos ó remate da súa vixencia. As condicións da denuncia serán as que determine o Estatuto dos traballadores, permanecendo vixente o texto ata a sinatura dun novo.

Artigo 4º.-Compensación e absorción.

Tódalas melloras que se implanten por norma xeral serán compensadas e absorbidas ata onde acaden as do presente convenio de forma individualizada e en cómputo anual.

Artigo 5º.-Comisión paritaria.

Para resolve-las dúbidas que puidesen xurdir sobre a aplicación do convenio, constitúese unha comisión mixta composta polos vocais que interviñeron na negociación e elaboración do convenio.

Artigo 6º.-Clasificación do persoal.

Complétase a ordenanza vixente coa definición das seguintes categorías:

-Técnico titulado de laboratorio: é o que co título de facultativo oficial realiza as funcións de analista de control de calidade, con responsabilidade, dependendo directamente da dirección da empresa.

-Laborante: é o productor experto en análise e traballos de laboratorio, que sen título facultativo, leva a cabo as funcións indicadas como auxiliar técnico titulado.

-Capataz: é o productor que ten ó seu cargo un grupo de persoas ás que dirixe e orienta na execución dos traballos dun determinado servicio.

-Peón: é o operario que executa labores nos que se require predominante esforzo físico, sen necesidade de práctica operativa. Esta categoría só poderá aplicarse ó persoal contratado por tempada para carga e descarga e non ó ingreso como fixo no cadro de persoal como operario de embotellado.

-Operario de fabricación de envases: é o operario encargado da supervisión, control e manipulación das máquinas de fabricación de envases.

Artigo 7º.-Xornadas de traballo.

Establécese unha xornada de 1.784 horas efectivas de traballo en cómputo anual, equivalente a 40 horas efectivas de traballo semanal. A xornada diaria será de 8 horas, de luns a venres. A devandita xornada será flexible e a empresa distribuirá ó longo do ano atendendo ás necesidades de envasado e ós períodos de maior demanda. Poderá establecerse xornada continuada ou partida, respectándose en todo caso os máximos legais.

No caso de realizarse xornada continuada, os traballadores terán dereito a 15 minutos para bocadillo por conta da empresa, a cal se computará como xornada efectivamente traballada para tódolos efectos.

A empresa poderá establecer quendas de traballo cando as necesidades de organización do traballo así o aconsellen, sen que isto supoña variación ningunha na retribución do persoal afectado. Os representantes dos traballadores serán informados de calquera variación no sistema de quendas.

Calquera cambio na composición e horario das quendas deberá ser coñecido polos interesados o penúltimo día laborable da semana anterior.

As quendas na sección de estrusión serán de oito horas efectivas de luns a venres, acumulándose 15 minutos diarios en horas de vacacións, que serán desfrutadas polo persoal desta sección en forma adicional ó pactado no artigo 8º, durante os meses de outubro a decembro.

Na organización das quendas teranse en conta as circunstancias persoais de cada empregado, sempre que non deterioren a organización do traballo.

Artigo 8º.-Vacacións.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a trinta días naturais de vacacións durante o ano 2000.

O salario que se percibirá durante o período de vacacións será o real estipulado no presente convenio.

As vacacións concederanse de acordo coas necesidades do persoal, se ben a empresa se reserva a facultade de concedelas fóra da época de campaña, comprendida entre o 1 de xuño e o 30 de setembro, ámbalas dúas inclusive.

O calendario laboral, no que se inclúe o período de vacacións, será negociado entre os representantes dos traballadores e a empresa.

Para o desfrute dos 23 días fóra da tempada de verán teranse en conta que deben pasar como mínimo dúas semanas entre o desfrute dos sete días de verán e os próximos que se desfruten.

Para evitar que unha enfermidade a fin de ano prive a un traballador das súas vacacións, establécese que cando o período de vacacións desfrutadas mailos días que por calquera causa estivera de baixa sexan menos de 35 días naturais, os días que lle quedan de vacacións pendentes ó remata-lo ano desfrutaranse no seguinte.

Artigo 9º.-Retribucións.

A retribución constará de:

Salario base.

Complementos salariais.

Artigo 10º.-Salario base.

O salario base será o que se especifica na táboa de salarios anexa.

Artigo 11º.-Antigüidade.

Establécese un complemento de antigüidade consistente en trienios do 4% sobre o salario base.

Artigo 12º.-Gratificación de carencia de incentivos.

Establécese unha gratificación de carencia de incentivos como prima de productividade e asistencia.

A gratificación de carencia de incentivos consistirá na percepción por cada traballador, individualmente e por cada día laborable, das cantidades que constan na táboa de salarios do presente convenio por este concepto. A devandita gratificación en vacacións aboarase polos días naturais do período vacacional.

Artigo 13º.-Sistema de incentivos.

A empresa poderá establecer calquera outro sistema de incentivos á producción que non poderán ser menos en cómputo anual, dos establecidos no convenio como gratificación de incentivos.

Artigo 14º.-Gratificacións extraordinarias.

Consistirán en dúas pagas extraordinarias, dunha mensualidade de salario base máis antigüidade, cada unha, pagadoiras unha en xullo e outra en decembro.

Ademais, a empresa pagará, en concepto de participación de beneficios, outra mensualidade de salario base máis antigüidade, que deberá facerse efectiva no primeiro trimestre de cada ano e por anos vencidos.

A percepción de cada unha das pagas realizarase dentro dos 15 primeiros días do mes que corresponda.

Artigo 15º.-Xubilación.

Ó cesa-lo traballador na empresa por xubilación e sempre que na data da sinatura do convenio se encontre en activo e cunha relación laboral de carácter indefinido, concederáselle unha indemnización de salario base máis antigüidade en proporción ós seus anos na empresa, de acordo coa seguinte escala:

-5 anos: 2 mensualidades.

-10 anos: 3 mensualidades.

-15 anos: 4 mensualidades.

-20 anos: 5 mensualidades.

-25 anos: 6 mensualidades.

-de 30 anos en diante: unha anualidade.

Esta cláusula non será de aplicación ás novas incorporacións que se produzan a partir da data da sinatura do presente convenio.

Artigo 16º.-Gratificación de vixilancia e garda xurado.

En concepto de perigosidade, establécese unha gratificación para os que exerzan as devanditas funcións, consistente no 10% do salario base.

Artigo 17º.-Auxiliares administrativos.

Os auxiliares administrativos, ós tres anos de exerce-las devanditas funcións na empresa, deberán ascender automaticamente á categoría de oficiais administrativos.

Artigo 18º.-Seguro de vida e accidente.

A empresa estará obrigada a manter un seguro para todo o persoal afectado por convenio que cubra as seguintes indemnizacións:

-Morte por accidente: 2.500.000 pesetas.

-Morte por calquera outra causa: 2.000.000 de pesetas.

-Invalidez permanente absoluta e total: 2.500.000 pesetas.

Os beneficiarios deste seguro serán o cónxuxe viúvo ou, de se-lo caso, os que teñan dereitos do traballador asegurado.

O prazo para concretar este seguro para o persoal de novo ingreso será de seis meses, a partir do día no que o traballador cause alta na empresa.

Artigo 19º.-Gratificación por matrimonio.

Tódolos traballadores cunha antigüidade de polo menos tres anos na empresa, terán dereito cando casen a unha gratificación dun mes de salario base máis antigüidade.

Artigo 20º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores da empresa comprométense a facilita-la xubilación anticipada ós 60 anos, acolléndose ós convenios e normativas que poidan establecerse co réxime da Seguridade Social.

A empresa permitirá a xubilación anticipada da seguinte maneira:

A xubilación ós 61 anos: 4 mensualidades.

-Ós 62 anos: 3 mensualidades.

-Ós 63 anos: 2 mensualidade.

-Ós 64 anos: 1 mensualidade.

Artigo 21º.-Salario anual.

En función do establecido no artigo 26.5º do Estatuto dos traballadores, establécese un salario anual para a categoría de peón en función das 1.784 horas anuais de 1.384.810 ptas., sen conta-la antigüidade.

Para os efectos do presente convenio, entenderase por mensualidade a doceava parte da anualidade.

Artigo 22º.-Licencias retribuídas.

O persoal afectado por este convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída de tres días por falecemento de pais, cónxuxe, fillos ou irmáns, segundo establece o artigo 37 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, e o seu correspondente na ordenanza laboral.

O persoal afectado neste convenio terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día por falecemento de familiares de segundo grao e sobriños.

Igualmente terá dereito a solicitar licencia retribuída dun día, no caso de voda dun fillo, cando esta sexa en día laborable ou sexa noutra provincia distinta á de Ourense.

Igualmente poderá asistir á consulta da Seguridade Social en Verín (incluso para acompañar fillos menores de 12 anos), obrigándose a entregar xustificante emitido polo médico en calquera caso.

Artigo 23º.-Excedencia.

Todo o persoal afectado por este convenio ten dereito á excedencia de acordo coas normas establecidas no Estatuto dos traballadores.

Artigo 24º.-Vestiario.

A empresa subministraralles ós traballadores dous equipos de traballo ó ano.

É obriga dos empregados coida-los equipos de traballo e preocuparse da súa limpeza e correcto uso.

Artigo 25º.-Cota sindical.

Por requirimento dos traballadores/as afiliados/as ás centrais ou sindicatos, a empresa descontará nas nóminas mensuais dos traballadores/as o importe das cotas sindicais correspondentes. O traballador/a interesado/a en tal operación remitirá á dirección da empresa un escrito no que se expresará con claridade a orde de desconto, a central ou sindicato ó que pertence, a contía da cota, así como o número da conta á que deberá ser transferida a correspondente cantidade.

Artigo 26º.-Accidente laboral.

No caso de accidente laboral ou enfermidade profesional, a retribución será do 100% do salario base, que se contabilizará desde a consideración como baixa por accidente laboral ou enfermidade profesional.

No caso de baixa por enfermidade, o traballador percibirá o 100% do salario a partir da 3ª semana. Os accidentes non laborais levarán a prestación económica que en cada momento estableza a lexislación vixente.

Artigo 27º.-Lexislación complementaria.

Mentres non se estableza unha lei que regule as relacións laborais, as partes acóllense ó que determinan: o Estatuto dos traballadores, a Lei de liberdade sindical e a ordenanza laboral do sector.

Artigo 28º.-Contratos en formación.

En caso de que se realicen contratos de formación, o salario para estes traballadores será igual ó salario do axudante de embotellamento.

Poderán facerse a traballadores con idades comprendidas entre os 16 e 21 anos, por un mínimo de 6 meses e un máximo de 24 meses.

Artigo 29º.-Contrato en prácticas.

Tódolos contratos en prácticas, conforme establece a lexislación vixente, faranse por un mínimo de 6 meses e un máximo de 24. O salario que se lles aboará ós traballadores será do 85% o primeiro ano e do 95% o segundo, da categoría para a que se contratan.

Artigo 30º.-Compromiso de contratación indefinida.

Todo traballador que leve na empresa 12 meses ininterrompidos de contrato pasará a ser indefinido.

Artigo 31º.-Cláusula de revisión salarial.

Se o IPC o 31-12-2000, respecto ó 31-12-1999 supera 2% de inflación prevista, revisaranse as táboas salariais na súa diferencia, desde o 1-1-2000.

Artigo 32º

Na vixencia do presente convenio e en cumprimento da Lei 30/1995, do 8 de novembro, de ordenación e supervisión dos seguros privados, a empresa obrígase á externalización dos compromisos por pensións en plans de pensións ou póliza de seguros, que lles garantan ós traballadores que na data da sinatura do convenio se encontren en activo e cunha relación laboral de carácter indefinido, a percepción do premio recollido no artigo 15 do convenio no suposto de cesamento do traballador/a na empresa por xubilación.

Táboa salarial

Ano 2000

CategoríasSalario base

mes

Gratificación

(día)

Persoal técnico
Licenciados ou titulados147.910
Técnico titulado126.742

Non titulados
Encargado xeral126.742
Encargado sección118.274

Persoal administrativo
Xefe 1ª96.5731.250
Xefe 2ª96.5731.250
Oficial 1ª93.853938

CategoríasSalario base

mes

Gratificación

(día)

Oficial 2ª92.914830
Auxiliar90.763583

Persoal mercantil
Xefe de vendas134.543938
Inspector de vendas93.853938
Viaxante93.853938
Corredor de praza93.853938

Persoal obreiro
Capataz93.853938
Operario de embotellamento90.763583
Aprendiz90.763583
Oficial 1ª93.853938
Conductor repartidor93.853938
Oficial 2ª92.914830
Oficial 3ª92.914830
Axudante90.721583
Conductor90.721583
Laborante90.721583

Fabricación de envases
Operario fabricación envases

-Compensación mes

90.721

14.155

583
Oficial de 2ª

-Compensación mes

92.914

14.157

830
Oficial de 3ª

-Compensación mes

92.914

14.157

830

Persoal subalterno
Peón83.814464
Almacenista83.814464
Ordenanza83.814464
Viaxante83.814464
Porteiro e conserxe83.814464
Telefonista83.814464
Limpadoras83.814464
Mozo recados83.814464

Incremento salarial.-O incremento salarial para os conceptos retributivos do convenio, será do 3,3% unha vez actualizadas as táboas salariais, conforme o artigo 31º do convenio.