Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Martes, 12 de setembro de 2000 Páx. 12.853

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 18 de agosto de 2000 pola que se aproba o Estatuto básico dos centros de servicios sociais da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei 4/1993, do 14 de abril, de servicios sociais de Galicia, recolle entre os seus principios inspiradores os de normalización, integración e participación, mediante os que se instan ós servicios sociais ó mantemento dos cidadáns no seu ambiente familiar e social ou, se é o caso, á súa inserción na comunidade, respectando o dereito á diferencia, así como á promoción da incorporación dos cidadáns á programación e prestación dos servicios sociais.

A propia lei nos seus artigos 36 e 39 ampara o dereito de todo usuario de centros e servicios a asociarse, co obxecto de favorece-la súa participación na programación e no desenvolvemento de actividades.

A integración dos usuarios e residentes nos centros e no seu contorno social e a súa participación nos órganos de representación destes, fai necesario que se estableza un marco normativo que defina o seu réxime de organización e funcionamento e que se articulen mecanismos de participación nos referidos órganos de representación.

Este estatuto cualificase como básico xa que recolle preceptos fundamentais e susceptibles de posterior desenvolvemento a través do procedemento correspondente, sen prexuízo da súa inmediata aplicación.

Así mesmo, trátase dun estatuto aberto á comunidade na que se integran os centros e na que desenvolven as súas actividades.

Na súa virtude, en uso das competencias atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO

Artigo único.-Apróbase o Estatuto básico de centros sociais polivalentes, centros de atención ás persoas maiores e centros de atención ás persoas con minusvalidez, que figura como anexo á presente orde.

Disposicións adicionais

Primeira.-Será de aplicación supletoria a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a súa normativa de desenvolvemento, en relación co funcionamento dos órganos de participación e de representación dos centros.

Segunda.-Poderán exceptuarse da obriga de constituí-los órganos previstos no capítulo V do Estatuto

básico, os centros dependentes da Xunta de Galicia que non superen un mínimo de cincuenta prazas así como os privados que xestionen un número de prazas financiadas con fondos autonómicos inferior ó dito número.

Disposición transitoria

No prazo de tres meses a partir da entrada en vigor da presente orde deberá ser elaborada pola Dirección Xeral de Servicios Sociais a normativa básica de réxime interior dos centros.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda facultada a Dirección Xeral de Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución da presente orde.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de agosto de 2000.

José Mª Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

ANEXO

Estatuto básico dos centros sociais

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º

O presente Estatuto básico de centros de servicios sociais será de aplicación a tódolos centros sociais polivalentes, centros xerontolóxicos e de atención ás persoas maiores e centros de atención ás persoas con minusvalidez, xa sexan dependentes da Dirección Xeral de Servicios Sociais da Xunta de Galicia ou privados que xestionen prazas financiadas con fondos públicos autonómicos.

Capítulo II

Modalidades de centros

Artigo 2º

Os centros sociais de carácter polivalente son establecementos dotados dos recursos materiais, humanos e financeiros, a través dos cales se desenvolven programas básicos de actuación ó nivel de atención primaria dirixidos a toda a poboación dun ámbito territorial determinado.

Artigo 3º

Os centros de atención a persoas maiores e os centros xerontolóxicos son establecementos destinados á súa atención e asistencia necesarias, así como a facilita-la convivencia e a propicia-la participación e integración social das persoas maiores.

En tal sentido estes centros considéranse como recursos da comunidade en xeral e poderán servir, sen detrimento da súa finalidade esencial, de apoio

para a prestación de servicios sociais e asistenciais a outros sectores da poboación, dentro dos ámbitos local e comarcal nas condicións que estableza a Administración.

Artigo 4º

Os centros de atención a persoas con minusvalidez son establecementos destinados a proporcionar atención integral e que serven de soporte para o desenvolvemento de programas específicos e para a atención e rehabilitación social, así como de vivenda permanente, cando así fora necesario, a persoas con minusvalidez física, psíquica ou sensorial que, pola gravidade da súa discapacidade e pola súa problemática socio-familiar ou económica, atopen graves dificultades para conseguir unha integración laboral ou social.

Estes centros poderán servir de apoio para a prestación de servicios sociais a outros sectores da poboación, nas condicións que estableza a Administración.

Artigo 5º

Os centros de atención a persoas con minusvalidez e os centros xerontolóxicos de atención a persoas maiores clasifícanse, polos seus obxectivos e características, en:

Centros de atención a persoas con minusvalidez:

a) Centros residenciais.

a.1. Residencias de minusválidos gravemente afectados.

a.2. Residencias de minusválidos adultos.

b) Centros non residenciais.

b.1. Centros ocupacionais.

b.2. Centros de día.

b.3. Outros equipamentos.

a.1. Son residencias de minusválidos gravemente afectados as que procuran, en réxime de internado, unha atención integral a aquelas persoas maiores de 16 anos con minusvalidez grave que non poden acudir a outros centros máis normalizados, sempre que precisen da axuda doutra persoa para a realización das actividades da vida diaria e non poidan ser atendidos no seu medio familiar habitual.

Poderán establecerse convenios cos centros nos que se esixa a maioría de idade dos usuarios deles.

O número de prazas destas residencias non debe supera-las 200 unidades nin ser inferior a 30, podendo establecerse un número maior ou menor de prazas cando as necesidades da zona o aconsellen, configurándose en sistema modular.

a.2. Son residencias para minusválidos adultos aquelas que procuran acollemento e convivencia, temporal ou permanente, para persoas minusválidas con certa autonomía persoal, usuarios habituais dun centro ocupacional que por razóns sociais, familiares e/ou económicas, non poidan permanecer no seu

fogar e non poidan beneficiarse doutros recursos máis normalizados.

O número de prazas destos centros non deben supera-las 50 unidades nin ser inferior a 15, podendo establecerse un número maior cando as necesidades da zona o aconsellen, configurándose en sistema modular.

b.1. Son centros ocupacionais aqueles que procuran servicios de terapia ocupacional e de axuste persoal e social ós minusválidos o maiores de 16 anos que pola súa minusvalidez, temporal ou permanentemente, non poden acceder a un emprego ordinario ou protexido.

O número de prazas destes centros non deberá supera-las 80 nin ser inferior a 15, podendo establecerse un número maior ou menor de prazas cando as necesidades da zona o aconsellen, configurándose en sistema modular.

b.2. Son centros de día aqueles que procuran servicios específicos de apoio preventivo, oferta especializada de recursos e actividades rehabilitadoras a aquelas persoas maiores de 16 anos con minusvalidez grave que non poden acudir a outros centros da rede específica para persoas con minusvalidez, sempre que dependan doutra persoa para as actividades da vida diaria.

O número de prazas destes centros será de 30 unidades, podendo establecerse un número maior ou menor de prazas cando as necesidades da zona o aconsellen, configurándose en sistema modular.

b.3. Outros equipamentos: vivendas comunitarias e apartamentos tutelados.

As vivendas comunitarias son equipamentos de pequeno ou mediano tamaño destinados a albergar en réxime de conviencia case-familiar a un número máximo de 14 persoas minusválidas con certa autonomía persoal.

Os apartamentos tutelados son fogares funcionais, de dimensións reducidas, nos que conviven dun xeito normalizado persoas minusválidas autosuficientes que por razóns sociais e/ou familiares teñan dificultades para unha integración familiar normalizada ou que a distancia xeográfica lles impida acudir diariamente ó centro ocupacional do que son usuarios.

Estes equipamentos funcionarán en réxime parcialmente autoxestionado baixo a supervisión e apoio dos servicios de atención primaria ou da entidade promotora correspondente e poderán estar vinculadas ós centros ocupacionais como estructuras de apoio, debendo estar localizadas próximas ós recursos sociais da zona.

Centros xerontolóxicos de atención ás persoas maiores:

a) Centros residenciais.

a.1. Residencias.

a.2. Vivendas comunitarias.

a.3. Apartamentos tutelados.

b) Centros non residenciais.

b.1. Centros de día.

b.2. Fogares e clubs.

b.3. Centros sociais polivalentes, coa salvidade de que polo seu carácter polivalente, tal como se definen no artigo 2º, poden ser obxecto de utilización por toda a poboación.

a.1. As residencias son centros destinados a vivenda permanente e común nos que se presta unha asistencia integral e continuada ás persoas maiores.

a.2. As vivendas comunitarias son equipamentos destinados a albergar en réxime de convivencia case-familiar a un número máximo de 12 persoas maiores, preferentemente cun alto grao de autovalemento.

a.3. Os apartamentos tutelados son un conxunto de vivendas independentes agrupadas para a prestación en común de servicios colectivos e con capacidade para albergar a unha ou dúas persoas cun alto grao de autovalemento.

b.1. Os centros de día son equipamentos destinados á atención diúrna de persoas maiores dependentes, con perda da súa autonomía física ou psíquica, que residindo nos seus propios fogares, precisen dunha serie de coidados e atencións de carácter persoal, terapéutico ou social.

b.2. Os fogares e clubs son centros destinados a servir como lugares de encontro e convivencia dos maiores co obxectivo de desenvolve-la solidariedade e de potencia-la integración persoal e comunitaria.

b.3. Os centros sociais de carácter polivalente son establecementos dotados dos recursos materiais, humanos e financeiros, a través dos cales se desenvolven programas básicos de actuación no nivel de atención primaria dirixidos a toda a poboación dun ámbito territorial determinado.

Capítulo III

Da dirección dos centros públicos propios

Artigo 6º

Os directores son os responsables dos centros, asumindo a súa organización funcional, exercida seguindo as indicacións, criterios e programas da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, sendo as súas funcións máis específicas as seguintes:

a) Representa-lo centro e a Administración dentro del.

b) Aplica-lo conxunto das disposicións reguladoras do funcionamento do centro e facilita-las actividades do Consello de Usuarios, mediante o asesoramento e apoio, encamiñado á mellora da calidade de vida dos usuarios cos recursos técnicos e humanos dispoñibles no centro.

c) Promove-la organización e a coordinación de actividades e tarefas encamiñadas ó cumprimento dos obxectivos xerais do centro.

d) Desempeña-la xefatura de persoal do centro.

e) Iniciar, se é o caso, procedementos de incapacitación dos usuarios, segundo o regulado no Código Civil.

f) Calquera outra que fose encomendada no exercicio das súas funcións pola Administración da Comunidade Autónoma de Galicia en relación coas necesidades do centro.

Artigo 7º

Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade, os responsables dos centros poderán ser suplidos temporalmente polo titular do posto indicado na relación de postos de traballo ou, en caso de non estar previsto, por quen designe o delegado provincial ou superior correspondente, oído o responsable do centro.

Capítulo IV

Dos usuarios e residentes dos centros

Artigo 8º

Terán dereito a desfruta-los servicios dos centros todas aquelas persoas que reunindo as condicións persoais de idade e residencia, especificadas para cada tipoloxía de centro, teñan recoñecida a condición de usuario ou residente.

Para o recoñecemento da condición de residente ou usuario de centros en calquera dos seus programas, sen prexuízo do que especificamente se determine para cada modalidade de centro, será necesario:

a) Para centros xerontolóxicos ou de maiores, ter cumpridos 65 anos, ou excepcionalmente maiores de 60, que pola súa situación especial de dependencia física, psíquica ou social precisen destes centros. Mediante a regulación que desenvolva este estatuto regularase o réxime dos acompañantes non residentes.

b) Para centros de atención a persoas con minusvalidez ter cumpridos 16 anos.

c) Excepto no suposto de clubs, fogares e centros polivalentes, subscribi-lo correspondente contrato asistencial.

d) Ter residencia efectiva e estar empadroado en calquera dos concellos da Comunidade Autónoma galega alomenos durante o ano completo inmediatamente anterior á formulación da solicitude, agás no caso de galegos emigrantes retornados e cidadáns doutras comunidades autónomas e estranxeiros, no que rexerá o previsto nos tratados e convenios oportunos, sen prexuízo de que poidan desfrutar dos fogares, clubs e centros polivalentes as persoas que se atopen en Galicia.

Artigo 9º

O acceso ós centros realizarase por petición dos interesados ou dos seus representantes legais e, en todo caso, a prioridade na admisión de ingresos virá determinada pola valoración conxunta da súa situación sociofamiliar, recursos económicos, estado físico e/ou psíquico, idade, condicións da vivenda e outras circunstancias sociais do solicitante, de acordo cos criterios fixados no baremo vixente.

Artigo 10º

Para adquiri-la condición de residente deberá supera-lo período de adaptación e observación, que ten como finalidade a verificación dos datos achegados polo solicitante e a adaptación da persoa ó centro, con base na tipoloxía do servicio e nas condicións requiridas para o ingreso.

No caso de declararse non apto, disporá dun mes para abandona-lo centro a partir da notificación formulada.

Os ingresos a través de estadías limitadas non suporán en ningún caso prioridade para adquiri-la plena condición de residente.

Artigo 11º

1º A condición de usuario ou residente de centros perderase por algunha das seguintes causas:

1. Por renuncia.

2. Por sanción disciplinaria.

3. Por falecemento.

4. Por traslado obrigatorio por cambio de tipoloxía, garantíndolle neste caso unha praza nun centro máis adecuado á súa nova situación.

5. Por ausencias do centro que superen o período previamente autorizado.

6. Por calquera outra causa incluída na relación contractual asistencial.

2º En centros xerontolóxicos no suposto de ter ingresado como acompañante, se é o caso, deberá abandona-lo centro no prazo de tres meses a partir da data do falecemento do residente ou da perda da súa condición de residente. Nembargantes, sempre que reúna os requisitos establecidos para o ingreso nos centros, podería adquiri-la condición de residente, no centro que pola súas necesidades asistenciais se considere adecuado segundo o informe do equipo de valoración.

Capítulo V

Da participación dos usuarios e residentes

Artigo 12º

Os órganos de participación e de representación dos centros son a Asemblea Xeral e o Consello de Usuarios.

Artigo 13º

A Asemblea Xeral constitúese polos usuarios, residentes e/ou representantes legais, se é o caso, e

pola dirección e o equipo técnico do centro. A asemblea será presidida polo director do centro.

A asemblea reunirase en sesión ordinaria unha vez ó ano e en sesións extraordinarias cantas veces sexa necesario cando o considere oportuno o director do centro ou por petición do 25% dos residentes. Nos centros non residenciais será necesario que o soliciten un mínimo de 250 persoas ou o 25% dos usuarios cando o seu número estea definido.

A convocatoria de cada asemblea será realizada pola dirección do centro cunha antelación mínima de sete días. Farase pública no taboleiro de anuncios do centro, facéndose consta-lo seu carácter. Así mesmo, deberá concreta-la data, a hora, o lugar e a orde do día proposta.

Artigo 14º

Son facultades da asemblea:

Aproba-las normas de convivencia e actuación de acordo coa normativa básica de réxime interior de centros dictada pola Dirección Xeral de Servicios Sociais.

Coñecer e aproba-la memoria anual de xestión do Consello de Usuarios.

Acordar, por maioría de dous tercios dos asistentes, a revogación do mandato para cargo electo do consello, sempre que conste como un punto da orde do día na convocatoria da asemblea.

Artigo 15º

O Consello de Usuarios do centro estará integrado por aqueles usuarios ou residentes elixidos polo conxunto dos usuarios de forma libre, directa e secreta, ou polos seus representantes legais nos supostos en que se atopen legalmente incapacitados.

Os representantes dos usuarios serán elixidos en función do número destes en cada centro e segundo a seguinte escala:

a) Centros residenciais:

-Ata 100 residentes, 3 representantes.

-De 101 ata 250 residentes, 4 representantes.

-Se supera os 250 residentes, 5 representantes.

b) Centros non residenciais:

-Ata 100 usuarios, 4 representantes.

-De 101 a 500 usuarios, 5 representantes.

-Máis de 500 usuarios, 6 representantes.

Nos centros nos que non sexa posible cuantifica-lo número de usuarios o número de representantes será de 5.

Nos centros residenciais que conten con centros non residenciais anexos constituirase un só Consello de Usuarios, de acordo co establecido para centros residenciais.

O Consello de Usuarios será renovado cada tres anos.

Artigo 16º

A Administración regulará o procedemento electoral mediante unha norma específica que garanta a súa obxectividade.

Artigo 17º

Son facultades do Consello de Usuarios:

a) Confeccionar e propoñe-los programas anuais de actividades, recollendo os criterios da comisión de animación, se existise.

b) Constituír comisións de traballo participativas, propoñendo, de entre os usuarios ou residentes, os membros destas, así como os residentes responsables de actividades, promovendo a participación da maior parte de usuarios ou residentes.

c) Colaborar no cumprimento dos dereitos e deberes dos usuarios.

d) Estimula-la solidariedade entre os usuarios, procurando a participación na comunidade, mediante prácticas de voluntariado ou outras relacións.

e) Todas aquelas que se lle puidesen atribuír.

Artigo 18º

As direccións dos centros colaborarán coas asociacións que os usuarios ou residentes constitúan, que terán a consideración de entidades de iniciativa social, co fin de favorece-la súa participación na programación e desenvolvemento de actividades.

Así mesmo, as direccións estarán abertas á colaboración con aquelas asociacións constituídas, accións de voluntariado, familiares e outras, nos que a súa participación poida mellora-los niveis de calidade asistencial dos centros.

Nos centros que maioritariamente presten asistencia a usuarios con discapacidades importantes, a dirección poderá convocar reunións xerais ou por unidades cos residentes e/ou cos seus representantes legais, co fin de conseguir unha maior integración e participación social.