Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Martes, 22 de agosto de 2000 Páx. 12.174

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE GONDOMAR

ANUNCIO das bases para a cobertura de dez prazas de limpadoras/es a tempo parcial vacantes no cadro de persoal laboral.

Primeira.-É obxecto da convocatoria a cobertura de dez prazas vacantes de limpadoras/es a tempo parcial incluídas no cadro de persoal laboral do exercicio de 2000, aprobada polo Concello de Gondomar, distribuídas do seguinte xeito:

6 prazas de 8 horas semanais.

3 prazas de 14 horas semanais.

1 praza de 10 horas semanais.

Os servicios prestaranse durante 10 meses ó ano, entre o 1 de setembro e o 30 de xuño, período no que tamén se desfrutarán as vacacións regulamentarias.

Segunda.-Requisitos das/dos aspirantes.

1. Ser español/a. Os/as nacionais dos demais estados membros da Unión Europea poderán acceder en idénticas condicións sempre que acrediten, xunto coa súa instancia solicitando tomar parte no proceso selectivo, que, segundo o dereito comunitario, neste sector é de aplicación a libre circulación de traballadores.

2. Ter cumpridos 18 anos de idade na data en que remate o prazo para a presentación de instancias.

3. Non padecer enfermidade nin defecto físico que impida normal desenvolvemento do traballo.

4. Non ter separado/a mediante expediente disciplinario do servicio de calquera das administracións públicas, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas.

5. Non estar incurso/a en ningunha das causas de incapacidade ou incompatibilidade previstas na lexislación vixente.

Terceira.-Instancias.

As instancias solicitando tomar parte no proceso selectivo presentaranse no rexistro xeral do concello, debidamente reintegradas, no prazo de vinte días naturais a partir da aparición do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial do Estado, podendo tamén presentarse do xeito previsto na Lei 30/1992, do 26 de novembro. Nas instancias os/as interesados/as manifestarán que reúnen todos e cada un dos requisitos esixidos na base segunda da convocatoria, debendo adxunta-lo xustificante do ingreso dos dereitos de exame, que se fixan en 3.000 pesetas.

Xunto coas instancias, os/as aspirantes deberán presenta-la documentación acreditativa dos méritos que aleguen para optaren a puntuación na fase de concurso, se é o caso. Non se terán en conta aqueles méritos que non aparezan suficientemente documentados.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o alcalde aprobará a lista de admitidos/as e notificarlles ós/as excluídos/as a causa da súa exclusión co obxecto de que poidan reclamar contra ela no prazo de dez días.

Quinta.-Tribunal cualificador.

Estarán integrados do seguinte xeito:

Presidente.-O alcalde ou concelleiro en quen delegue.

Secretaria.-A do concello ou funcionario en quen delegue.

Vocais.-O concelleiro delegado de Educación. Un representante do/s grupo/s da oposición na corporación municipal nomeado por eles. Un funcionario/a do concello designado/a polo alcalde. Un representante das organizacións sindicais presentes na mesa sectorial respectiva.

Tódolos vocais deberán posuí-la titulación ou especialización igual ou superior á esixida para o acceso á praza convocada, e poderán ser recusados/as do xeito previsto no artigo 29 da Lei 30/1992, debendo absterse de actuar nos supostos comprendidos no artigo 28 do mesmo texto legal.

Nomearanse suplentes para cada membro do tribunal. O seu nomeamento farase público no taboleiro de anuncios do concello xunto coa relación de excluídos/as. Os tribunais non poderán constituírse nin actuar sen a asistencia de, alomenos, a metade máis un dos seus membros.

Sexta.-Procedemento selectivo: concurso.

I. Por mes de servicios prestados en servicios de limpeza en centros escolares ó servicio da Administración pública: 0,20 puntos ata un máximo de 25 puntos. Acreditarase cunha certificación emitida pola Administración correspondente e por unha vida laboral expedida pola Seguridade Social.

II. Por outra experiencia que se poida acreditar en postos similares non prestados á Administración pública mediante recibo de salarios e vida laboral: 0,20 por cada mes ata un máximo de 10 puntos.

Sétima.-Cualificación final.

A suma das puntuacións acadadas no concurso dará a cualificación final e o tribunal non poderá propoñer para o seu nomeamento máis aspirantes que postos vacantes.

Oitava.-Presentación de documentos e nomeamento.

Os/as aspirantes propostos/as presentarán na secretaría do concello, dentro do prazo de vinte días naturais a partir de que sexa publicado no taboleiro de anuncios a proposta de nomeamento, os documentos acreditativos de que reúnen os requisitos esixidos na base segunda da convocatoria. Se dentro do prazo indicado e, salvo circunstancias de forza maior, os/as aspirantes propostos/as non presentasen a documentación ou se comprobase que non reúnen os devanditos requisitos, non poderán ser nomeados/as e quedarán anuladas tódalas súas actuacións, sen prexuízo das responsabilidades nas que puidesen ter incorrido por falsidade na instancia de solicitude.

Nese caso, o tribunal poderá formular nova proposta de nomeamento a favor do/a aspirante que, tendo superada a totalidade do proceso selectivo, o/a siga na orde de puntuación. Os/as nomeados/as deberán tomar posesión do seu cargo no prazo de 30 días naturais contados a partir de que lles sexa notificado o nomeamento.

Novena.-Incidencias.

Os tribunais quedan facultados para resolve-las dúbidas que se presenten e para adopta-las decisións precisas para o normal desenvolvemento dos procesos selectivos ó abeiro da lexislación en cada caso aplicable.

Gondomar, 18 de xullo de 2000.

Alejandro Gómez Garrido

Alcalde accidental