Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Xoves, 17 de agosto de 2000 Páx. 11.992

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 26 de xullo de 2000 pola que se convocan axudas económicas para a realización de actividades de formación dirixidas ó profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia durante o ano 2000 e organizadas polas asociacións e fundacións con fins pedagóxicos, legalmente constituídas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 31, a súa competencia plena para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias e sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e nas leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 1/1990, de ordenación xeral do sistema educativo, dispón que as administracións educativas planificarán as actividades necesarias de formación permanente do profesorado e garantirán unha oferta diversificada e gratuíta destas actividades (artigo 56.3º).

Sendo obxectivo fundamental da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a formación continuada do profesorado, aglutinando para o efecto tódolos esforzos e iniciativas, cómpre potenciar e fomenta-las actividades de formación permanente do profesorado, organizadas por diferentes asociacións e fundacións pedagóxicas que tradicionalmente promoven programas de perfeccionamento na Comunidade Autónoma sobre temas galegos e que, xunto cos directamente organizados pola Administración, contribúen á mellora continuada da cualificación profesional dos docentes e, en definitiva, á mellora da calidade da educación.

Por último e a teor do disposto na Orde do 2 de xuño de 1986 (DOG do 19 de xuño), modificada pola Orde do 18 de outubro de 1991, sobre tramitación anticipada de expedientes de gastos, o gasto que se proxecta está condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio do ano 2000, aprobados pola Lei 7/1999, do 29 de decembro (DOG do 31 de decembro).

Por todo isto,

DISPOÑO:

1. Convócanse axudas económicas para a organización durante o ano 2000 de accións formativas: cursos, seminarios, congresos, reunións, conferencias, talleres e outras de análogas características que contribúan á dinamización do ensino en galego, dirixidas a profesores que imparten a súa docencia en niveis non universitarios.

2. O importe máximo total das axudas que se concedan é de 4.338.000 pesetas, con cargo ó concepto orzamentario 07.04.322I.480.0.

3. Poderán ser beneficiarias destas axudas as asociacións e fundacións pedagóxicas legalmente constituídas cando nos seus estatutos figure como fin preferente a formación do profesorado e non teñan a consideración de movementos de renovación pedagóxica, e que desenvolvan as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, e sempre que teñan xustificadas as axudas concedidas en anteriores convocatorias.

4. As asociacións e fundacións pedagóxicas interesadas deberán dirixi-las súas solicitudes, conforme o modelo que figura no anexo I, á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional, edificio San Lázaro-107, 15771 Santiago de Compostela. As solicitudes deberán presentarse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou nos lugares que determina o artigo 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

A. Programa das actividades desenvolvidas ou que se van desenvolver, conforme o modelo que figura no anexo II.

B. Orzamento de cada actividade por separado, conforme o anexo IV, tendo en conta os módulos económicos que figuran no anexo III.

C. Copia compulsada dos documentos que acreditan a súa constitución legal e fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.

D. Fotocopia da cédula ou tarxeta de identificación fiscal.

E. Documentación acreditativa da representación que exerza o solicitante.

F. Certificación bancaria da conta corrente.

G. Certificación asinada polo representante legal da asociación ou fundación con fins pedagóxicos indicando se recibe outras axudas para o desenvolvemento das actividades. En caso afirmativo, especifica-la contía e a entidade que a concede.

Os puntos C, D, E e F non terán que ser formalizados polas asociacións que xa recibiron axudas económicas en anos anteriores, sempre e cando non tiveran variación nos seus datos.

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para aquelas solicitudes que non acheguen os documentos anteriormente sinalados, requirirase o interesado para que nun prazo de dez días emende as faltas ou remita os documentos preceptivos; de non facelo considerarase que desistiu da súa petición e arquivarase o expediente.

5. O prazo para a presentación de solicitudes será de vinte días naturais contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

6. As actividades (deseño, convocatoria, publicidade, desenvolvemento, certificacións, etc.) faranse en galego de acordo co Decreto 173/1982, sobre a normativización da lingua galega, e na disposición adicional da Lei 3/1983, de normalización lingüística. Irán dirixidas fundamentalmente a profesores en activo na Comunidade Autónoma, non debendo supera-la participación doutros colectivos o 20 por cento do total de asistentes; este extremo deberá ser acreditado na memoria presentada.

7. Financiaranse prioritariamente aquelas actividades que coincidan basicamente cos obxectivos xerais da política educativa establecidos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, especialmente os definidos no Plan Galego de Formación Continuada

do Profesorado de Niveis non Universitarios e que versen sobre os seguintes temas considerados como prioritarios:

7.1. Actualización pedagóxico-didáctica:

-Orientacións teórico-prácticas para a elaboración de proxectos de centro.

-Deseño e desenvolvemento curricular. Proxectos curriculares.

-Introducción dos contidos transversais nos currículos.

-Medidas de atención á diversidade.

-Educación de adultos.

7.2. Actualización científico-técnica:

-En tódolas áreas do currículo.

-Do profesorado que imparte docencia nos ciclos formativos de formación profesional.

7.3. Modalidades, técnicas e instrumentos de avaliación.

7.4. Xestión e organización de centros educativos.

7.5. A orientación e a titoría.

8. A contía das axudas establecerase en función do número de solicitudes e a adecuación dos proxectos ó establecido no artigo 7º da presente convocatoria e da dispoñibilidade orzamentaria, tendo en conta, ademais, que, sumadas a outros recursos que se obteñan, non excedan dos gastos orzados para as actividades programadas.

9. Comisión de selección. Constituirase unha comisión de selección integrada por:

-A directora xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional ou persoa en quen delegue.

-O subdirector xeral de Ordenación Educativa.

-O xefe do Servicio de Formación do Profesorado.

-A xefa da Sección de Perfeccionamento do Profesorado.

-O xefe do Servicio de Plans e Programas do Ensino da Lingua Galega da Dirección Xeral de Política Lingüística.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Cada un dos sindicatos da Mesa Sectorial Docente nomeará un representante que poderá asistir ás sesións da comisión con voz e sen voto. Coa debida antelación, o nome do representante sindical seralle comunicado ó presidente da comisión de selección.

10. Resolución da convocatoria. Unha vez rematado o proceso de selección, formularase a proposta de concesión de axudas ó conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, determinando en cada caso a contía das axudas. A orde de concesión de axudas será publicada no Diario Oficial de Galicia.

No suposto de non resolverse expresamente esta convocatoria no prazo de catro meses desde a publicación da presente orde, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Contra esta resolución os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ó

da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

11. O pagamento das axudas económicas concedidas farase nun só libramento, unha vez feita a debida xustificación, que se deberá realizar antes do 10 de outubro de 2000 para actividades celebradas ata o 30 de setembro e antes do 5 de decembro de 2000 para as actividades realizadas de outubro a decembro deste mesmo ano. Estes prazos serán improrrogables. A devandita xustificación farase de acordo coas instruccións que para o efecto dicte a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e que serán postas en coñecemento dos interesados coa mesma data na que se lles comunique a súa concesión.

12. O importe da axuda, tendo en conta os recursos que xere a actividade e outras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, poderá reducirse no suposto de que, á hora de presenta-la xustificación da axuda, houbese unha diminución dos gastos realizados. Esta reducción será proporcional á diminución dos gastos orzados.

13. Obrigas dos beneficiarios. Son obrigas dos beneficiarios das axudas, conforme a Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, que modifica o artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo D. lexislativo 1/1999 do 7 de outubro, as seguintes:

a) Comunicarlle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a obtención de calquera outra subvención ou axuda para a mesma finalidade, procedente de calquera Administración ou ente público.

b) Reintegrar, total ou parcialmente, a subvención ou axuda percibida e mailos xuros de demora nos supostos previstos no punto 9º do artigo 6 da citada Lei 8/1999.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que realice a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional e ás de control financeiro que lle corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ó Consello de Contas.

14. O incumprimento das condicións establecidas na presente orde constituirá obriga de reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda percibida, consonte a alínea h do artigo 6.6º da Lei 8/1999.

Calquera alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o punto 7º do artigo 6 da citada Lei 8/1999.

15. Autorízase a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Formación Profesional para dicta-las instruccións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

16. Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2000.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria