Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 01 de agosto de 2000 Páx. 11.470

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2000 pola que se convoca un Foro Internacional de Administración Pública sobre xestión e formación do persoal. (Academia de verán 2000).

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2000 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócase un Foro Internacional de Administración Pública sobre xestión e formación do persoal (Academia de verán 2000), convocatoria que se desenvolverá conforme as seguintes bases:

1. Presentación e obxectivos.

No marco das relacións de cooperación entre as escolas de Administración pública que forman parte do Foro Internacional de Administración Pública (FIAP), correspóndelle á EGAP a organización da Academia de verán 2000 que terá lugar en Santiago de Compostela os días 4 e 5 de setembro de 2000.

Integran este foro, ademais da EGAP, as seguintes institucións: Hogeschool Gent (Bélxica), Noordelijke Hogeschool. Thorbecke Academie (Países Baixos), Istituto Regionale Lombardo di Formazione per l'Amministrazione Pubblica (Italia), Universidade de Ciencias Económicas e Administrativas de Budapest (Hungría), Universidade Slaviani (Bulgaria), Fachhochschule Ludwigsburg (Alemaña) e Academia da Función Pública da Rexión Volga de Saratov (Rusia).

O obxectivo deste encontro é afondar no coñecemento sobre a materia na que se centra este foro (xestión e formación do persoal da Administración pública) e intercambiar experiencias neste eido entre os representantes das institucións europeas de formación que concorrerán a este acto.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A xestión de persoal das administracións públicas nas rexións ou estados de Galicia, Italia, Bélxica,

Baden-Würtemberg, Holanda, Hungría, Bulgaria e Rusia.

-Os programas de formación en xestión de persoal das administracións públicas nas rexións ou estados de Baden-Würtemberg, Galicia, Italia, Holanda, Hungría, Bulgaria e Rusia.

3. Destinatarios.

Altos cargos políticos e administrativos da Xunta de Galicia, membros dos diversos órganos directivos da EGAP e representantes das escolas de formación.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e datas: a academia convocada desenvolverase na aula número 2 da Escola Galega de Administración Pública (rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela) os días 4 e 5 de setembro de 2000.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o xoves, día 31 de agosto de 2000.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ó director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707, Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 1 de setembro, das 10 ás 14.45 horas, ós seguintes números: 981 54 62 46 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolve-las incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento da academia, así como a de cancelala, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ó remate desta academia, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a ela, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ó 85% das horas lectivas programadas, e expresarase, neste documento, a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2000.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública