Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 17 de xullo de 2000 Páx. 10.953

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 186/2000, do 7 de xuño, polo que se desafectan do dominio público diversos inmobles das antigas cámaras agrarias locais de Brión, Outes, Padrón, Begonte, Lourenzá, Xermade, Oímbra, Pontedeva e Trasmiras.

A disposición adicional sétima da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996, no seu punto tres establece que o Consello da Xunta de Galicia, na forma prevista na Lei 3/1985, do 12 de abril, poderá desafectar e cedérlle-lo uso dos bens inmobles das extintas cámaras agrarias ós concellos, organizacións profesionais agrarias ou outras entidades públicas ou privadas sen fin de lucro, sempre que quede garantida a conservación e aplicación deles ós fins e servicios de interese xeral agrario. A dita cesión requirirá informe favorable da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Tendo en conta as solicitudes de cesión de uso presentadas, así como os informes favorables da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, hoxe Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, do 21 de xuño de 1996 e do 26 de outubro de 1998, foi tramitado pola Consellería de Economía e Facenda, segundo o disposto no artigo 10 da Lei 3/1985, expediente de desafectación do dominio público de varios inmobles.

Por todo isto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Desaféctanse do dominio público os bens descritos a continuación:

1. Casa-almacén situada no lugar ó que lle chaman Monte das Pedriñas, parroquia de Santa Minia, municipio de Brión (A Coruña), que ten unha superficie de 93,5 m. Estrema: norte, patio das escolas nacionais; sur e leste, camiño das Pedriñas; e oeste, patio do cuartel da Garda Civil.

2. Edificio de planta baixa e alta, de 80 m por planta, construídos sobre un soar de 185 m, situado no lugar de Conchido, parroquia de Entíns, hoxe intersección das rúas da Rosaleda coa Avenida Calvo Sotelo, do municipio de Outes (A Coruña). Estrema: fronte; estrada de Boimorto a Muros, hoxe rúa Calvo Sotelo; dereita entrando ou oeste, camiño de carro, hoxe rúa da Rosaleda; esquerda ou leste, casa e terreo de José Gándara; costas ou sur, camiño de carro, hoxe rúa da Rosaleda.

3. No lugar de Nabal, predio nº 1.084 da zona de concentración parcelaria de Santa María de Cruces, municipio de Padrón (A Coruña), que ten unha superficie de 9.660 m. Estrema: norte, María Rivas Barreiro (1085); sur, Antonio García Mirón; leste, camiño; oeste, zona excluída.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Padrón no tomo 487, libro 110, folio 128, predio nº 9.684, inscrición 2ª.

4. Edificio de planta baixa e dous pisos, de 180, 178 e 165 m por planta respectivamente, o que fai un total de 523 m construídos sobre unha parcela de terreo, á que lle chaman Fondal das Garrigas ou dos Pedregas, de 195 m aproximadamente, situado na Avenida do Concello, s/n, no municipio de Begonte (Lugo). Estrema: norte, Francisco Vázquez Teijido; sur, Avenida do Concello; leste, Jesús Grandío Silvoso, hoxe Virgilio Arias Quijada; e oeste, praza dos Irmáns Souto Montenegro.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Vilalba no tomo 153, folio 76, predio nº 2.177, inscricicón 2ª.

5. Edificio que consta de tres plantas, baixo, primeiro e segundo, de 150 m por planta aproximadamente, que se asenta sobre unha parcela de 196 m en total, localizada no lugar de Teivín, parroquia de Vilanova, hoxe rúa Carrero Blanco, nº 12, municipio de Lourenzá (Lugo). Estrema: norte e oeste, Manuel Méndez Fernández; sur, José Rodríguez Alonso; e leste, accesos ó colexio nacional, hoxe rúa Carrero Blanco.

6. Edificio de planta baixa e alta, de 123 m por piso, construídos sobre unha parcela de terreo de 312 m, á que lle chaman Chousa do Vilar da Cancela, no lugar do Pedreiro, hoxe Avenida de Vilalba, parroquia e municipio de Xermade (Lugo). Estrema actualmente: norte ou fronte, estrada de Xermade a Candamil; sur ou fondo e oeste ou esquerda entrando, Gumersindo Couto Ramudo; e leste ou dereita entrando, Rus Couto Jiménez.

7. Edificio de planta baixa e piso alto, de 72 m por planta respectivamente, construídos sobre un soar de 430 m de superficie, no lugar de Costiña, hoxe Avenida do Carregal nº 9, da vila e municipio de Oímbra (Ourense). Estrema: norte, Isaura Paulos González e Concello de Oímbra; sur, estrada de Verín a Vidiferre; leste, Gracia Rodríguez García; e oeste, terreos do grupo escolar, hoxe terreos do concello. Sobre a devandita parcela existe constituída unha servidume de paso a favor do predio do concello

segregado desta matriz que estrema polo norte; o dito paso discorre de sur a norte e cun largo de 4 metros e ó longo do lindeiro oeste, ocupando unha superficie aproximada de 294,5 m.

8. Edificio de planta baixa de 64 m, construídos sobre un soar de 400 m en total, situado no lugar do Rolo, parroquia de Freáns, municipio de Pontedeva (Ourense). Estrema: norte, leste e oeste, camiño público; sur, herdeiros de Hermelinda Vázquez Arias.

9. Edificio de planta baixa, que ocupa 112 m do seu soar de 250 m de superficie total, no sitio ó que lle chaman O Fornelo, hoxe rúa Otero Pedrayo, nº 168, municipio de Trasmiras (Ourense). Estrema: norte, estrada de Vilacastín a Vigo, estrada nacional N-525; sur, terreo comunal, hoxe campo de fútbol Fornelo; leste, terreo comunal, hoxe escola de Trasmiras; e oeste, comunal, hoxe cuartel da Garda Civil.

Inscrito no Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia no tomo 701, libro 71, folio 155, inscrición 5ª.

Artigo 2º

Os inmobles anteriormente descritos adquiren natureza patrimonial.

Santiago de Compostela, sete de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda