Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 03 de xullo de 2000 Páx. 10.351

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 22 de xuño de 2000 de axudas para proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados.

A ordenación dos montes arborizados ten como fin a persistencia, o aproveitamento sostible e a súa conservación, atendendo sempre ás esixencias biolóxicas e ós beneficios indirectos.

A Orde do 29 de decembro de 1970, do Ministerio de Agricultura (BOE número 36, do 11 de febreiro de 1971), aprobou as instruccións xerais para a ordenación dos montes arborizados, e a Orde do 29 de

xuño de 1971 (BOE número 192, do 12 de agosto de 1971), aprobou as normas xerais para o estudio e a redacción dos plans técnicos de montes arborizados; ámbalas ordes están actualmente vixentes. A primeira das ditas ordes establece, no seu artigo 4, que serán obxecto de estudio de ordenación os montes con masas apropiadas para o desenvolvemento dun plan de organización en canto ó seu aproveitamento, restauración, conservación, cultivo e mellora.

O Plan Forestal de Galicia ten entre os seus obxectivos a necesidade de crear medidas de xestión viable a través da ordenación forestal.

A Declaración de Compostela, xurdida do Congreso de Ordenación e Xestión Sostible de Montes, celebrado en Santiago de Compostela, do 4 ó 9 de outubro de 1999, no seu punto 5 di textualmente:

«Para o impulso da xestión forestal sostible débese fomenta-la realización e o seguimento de instrumentos de planificación que incorporen os criterios e indicadores de biodiversidade, as novas demandas da sociedade e os diferentes e variados usos dos montes».

Neste sentido, a xestión dos montes debe realizarse desde unha perspectiva global e integrada de tódolos factores, de cara a realizar un aproveitamento sostible deles, que garanta a súa mellora e a súa persistencia para as xeracións vindeiras, á vez que incremente a producción dos bosques.

Para lograr este obxectivo é necesario incentiva-la ordenación do monte galego a través da realización dos documentos base necesarios, como son os proxectos de ordenación e os plans técnicos de montes arborizados.

O novo Regulamento (CE), nº 1257/1999 do Consello, do 17 de maio de 1999, sobre a axuda ó desenvolvemento rural a cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agrícola, recolle, no seu considerando 39, que deben concederse pagamentos polo mantemento e a mellora dunha silvicultura sostible en determinadas zonas e, no seu artigo 30, que a axuda á silvicultura se destinará, noutras medidas, ó establecemento de asociacións de silvicultores creadas para axudar ós seus membros a mellora-la ordenación sostible e eficaz dos seus bosques.

En consecuencia, e de acordo co disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, o Decreto 482/1997, do 30 de decembro, e demais normativa concorrente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto regula-la concesión de axudas para a redacción de proxectos de ordenación e plans técnicos de montes arborizados.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderá ser beneficiario das axudas calquera persoa física ou xurídica propietaria de montes, ou ben agrupacións delas.

Os montes propiedade dos beneficiarios deberán cumpri-lo seguinte requisito:

A superficie arborizada do monte que se vai ordenar, definida como aquela con fracción de cabida cuberta superior ó 20%, será como mínimo de 100 ha, con independencia da superficie total do monte obxecto de ordenación.

Artigo 3º.-Documentación e acreditacións que deberán presenta-los beneficiarios coa solicitude inicial.

3.1. Acreditación da identidade:

Copia cotexada do DNI, NIF ou CIF.

3.2. Acreditación da propiedade:

3.2.1. Para os montes veciñais en man común presentarase copia cotexada da resolución pola que se acorda clasifica-lo monte como veciñal en man común, ademais de certificado da Sección Provincial do Rexistro de montes veciñais en man común de ter aprobados os estatutos da comunidade, da composición da xunta rectora, e de que esta se atopa actualizada.

3.2.2. Para o resto dos montes, a propiedade acreditarase mediante copia cotexada dos títulos de propiedade ou ben mediante calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, excepto a declaración xurada.

3.2.3. As agrupacións de propietarios designarán por escrito un representante legal que actuará como beneficiario, elixido de entre os seus membros.

3.3. Acreditación do estudio previo de ordenación de montes.

Presentarase estudio previo visado, formado por memoria preliminar e orzamento, xunto con dúas copias del, asinada por enxeñeiro de Montes ou ben por enxeñeiro técnico forestal. Neste último caso, o estudio deberá ser visado polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia. No estudio constará o consentimento e o compromiso expreso coa sinatura de tódolos propietarios do monte, ou dos seus representantes legais. No caso de montes veciñais en man común, este consentimento e compromiso expreso deberá ser outorgado pola súa xunta rectora, logo de acordo da asemblea xeral. Neste acordo facultarase a xunta rectora para realiza-las actuacións que sexan necesarias ó respecto.

Na dita memoria preliminar farase especial referencia ó estado legal da propiedade e incluirase unha zonificación de distintos usos e aproveitamentos, ademais dun estudio de masas forestais arborizadas, sen necesidade de levar a cabo o seu inventario,

do que se deduza, de modo orientativo, a futura ordenación do monte.

3.4. Acreditación doutras axudas.

Os beneficiarios deberán presentar declaración de conxunto de tódalas solicitudes efectuadas ou concedidas para o monte obxecto de ordenación, das distintas administracións públicas competentes.

Artigo 4º.-Forma, lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes de axuda deberán ser cubertas nos modelos formalizados para o efecto, segundo consta no anexo I adxunto. As ditas solicitudes presentaranse nas delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación das solicitudes será de 1 mes contado a partir do día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Importe das axudas.

Concederase unha axuda como máximo dun 75% do custo total do proxecto de ordenación ou do plan técnico de xestión, sobre os seguintes importes máximos de investimento atendible que resulte da seguinte fórmula:

C= axS

Sendo C= importe máximo de investimento atendible (ptas.)

a= 226.500 para proxectos de ordenación de montes arborizados.

a= 135.900 para plans técnicos de montes arborizados.

S= superficie arborizada para ordenar (ha).

O IVE subvencionarase cando non sexa recuperable polo beneficiario.

Artigo 6º.-Criterios de prioridade.

Se o importe das solicitudes presentadas supera a dotación prevista no artigo 14º desta orde establecerase unha orde de prioridade, segundo o seguinte:

1º Os montes de utilidade pública.

2º Os montes veciñais en man común.

3º As agrupacións de montes de particulares.

4º Os montes de particulares.

5º Os montes públicos que non sexan de utilidade pública.

Dentro de cada un dos puntos anteriores darase prioridade, pola súa vez, por maior superficie arborizada para ordenar.

Artigo 7º.-Tramitación e concesión de axudas.

1. Se as solicitudes recibidas non reúnen os requisitos esixidos, requirirase o beneficiario para que, no prazo de dez días, emende as faltas ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición, arquivándose sen máis trámite, cos efectos previstos no artigo 42.1º da Lei 30/1992.

2. O Servicio de Montes e Industrias Forestais, logo de consulta ó Servicio de Medio Ambiente Natural e ó Servicio de Defensa Contra Incendios Forestais, emitirá informe do estudio previo de ordenación de montes presentado, podendo requirir do beneficiario as modificacións ou melloras que coide convenientes de conformidade co disposto no artigo 71.3º da Lei 30/1992. O beneficiario, no prazo de dez días hábiles, deberá manifesta-lo seu consentimento e compromiso coas ditas modificacións ou melloras, ou efectua-las alegacións que considere convenientes. No caso de comunidades de montes veciñais en man común, a xunta rectora deberá manifesta-lo seu consentimento e compromiso coas ditas modificacións e melloras, ou efectuar alegacións. Posteriormente, o Servicio de Montes e Industrias Forestais remitirá a correspondente proposta á Dirección Xeral de Montes e Medio Ambiente Natural.

3. O conselleiro de Medio Ambiente resolverá sobre a concesión da axuda, nun prazo máximo de catro meses contados desde o día seguinte ó da publicación no DOG desta orde, por proposta da Dirección Xeral de Montes e M.A.N., en función das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta os criterios indicados no artigo 6º desta orde. De acordo co artigo 44.1º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, o vencemento do prazo máximo establecido sen que se dictase e notificase resolución expresa, non exime á Administración de resolver; sen embargo os interesados que comparecesen poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo. Na resolución fixarase o prazo do que disporá o beneficiario para a realización dos traballos, que será de 4 meses. O outorgamento das axudas efectuarase baixo réxime de concorrencia competitiva.

O director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural, logo de proposta expresa con memoria xustificativa do Servicio de Montes e Industrias Forestais da provincia correspondente, poderá conceder prórrogas para a execución dos traballos obxecto de subvención. O prazo máximo de duración das prórrogas será dun mes. A petición de prórroga por parte do beneficiario deberase realizar, como mínimo, con quince días de antelación á terminación do prazo de remate fixado na notificación da aprobación.

4. Contra a mencionada resolución cabe a interposición dun recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Medio Ambiente no prazo dun mes, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ó da súa notificación, de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, e artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdicción contencioso-administrativa.

Artigo 8º.-Condicións técnicas dos proxectos de ordenación e plans técnicos montes arborizados.

Os proxectos de ordenación deberán cumprir co disposto na Orde do 29 de decembro de 1970, pola que se aproban as instruccións xerais para a ordenación dos montes arborizados.

Os plans técnicos de montes arborizados deberán cumprir co disposto na Orde do 29 de xullo de 1971, pola que se aproban as normas xerais para o estudio e redacción dos plans técnicos de montes arborizados.

De maneira complementaria ás ditas normas, observaranse os seguintes requisitos:

A planimetría do inventario e da planificación do monte presentarase xeorreferenciada en coordenadas UTM, fuso 29,en ficheiro DXF, obtida a partir dun plano de escala mínima 1:5.000. As táboas de existencias de volume madeireiro presentaranse en ficheiros tipo Access ou Excel.

O erro máximo admisible no cálculo de volume madeireiro para unha probabilidade fiducial do 95% será dun 15% para proxectos de ordenación e dun 30% para plans técnicos de montes arborizados.

Os inventarios realizaranse por mostraxe estratificada. Engadiráselle ó proxecto un anexo coas relacións dos datos do inventario tomados no monte.

A división do monte en cuarteis e cantóns deberá sinalarse no monte, de tal modo que desde un sinal sexan visibles o sinal anterior e posterior da liña que delimite a unidade inventarial.

As parcelas de mostraxe levantadas no inventario deberán quedar identificadas de tal xeito que se posibilite o seu control posterior. Para tal efecto marcaranse perimetralmente con pintura, á altura do diámetro normal, as 5 árbores máis próximas do centro da parcela.

Na elaboración dos documentos farase especial fincapé nos seguintes aspectos:

1. Particularidades do estado legal, contratos administrativos e normativa que poida incidir na ordenación.

2. Estratificación das masas arborizadas segundo superficies, idade, densidades con indicación de índices de biodiversidade do monte e medidas para a mellora e conservación dela.

3. Estudio de usos actuais e potenciais do monte, grao de compatibilidade e priorización, que teña como consecuencia unha zonificación e delimitación física, dos diferentes aproveitamentos do monte, con especial referencia ó uso gandeiro.

4. Estudio financeiro que apoie a viabilidade económica do proxecto de ordenación ou plan técnico establecido.

Artigo 9º.-Xustificación e procedemento de pagamento.

O beneficiario deberá comunicar por escrito o remate dos traballos obxecto de subvención ó Servicio de Montes e Industrias Forestais da provincia correspondente. Xunto co dito escrito deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Proxecto de ordenación visado ou plan técnico de montes arborizados visado, asinados por enxeñeiro de Montes ou por enxeñeiro técnico forestal, xunto con dúas copias del. Os proxectos e plans técnicos de montes arborizados que asinen os enxeñeiros técnicos forestais deberán ser visados polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos Forestais de Galicia. No dito documento deberá consta-lo consentimento e o compromiso expreso do propietario do monte, coas sinaturas correspondentes, que en caso de montes veciñais en man común será outorgado pola asemblea xeral.

2. Xustificación dos pagamentos realizados, mediante copias cotexadas das facturas orixinais e documentos acreditativos do pagamento, ó redactor do proxecto ou do plan técnico.

3. Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Acreditación de que se atopa ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e de que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

5. Certificación expedida pola entidade bancaria na que figuren os datos da conta ó nome do beneficiario.

Unha vez presentada esta documentación e emendada, se é o caso, no prazo de 10 días a partir do correspondente requirimento, e de conformidade co artigo 210 do Decreto 485/1962, do 22 de febreiro,

polo que se aproba o Regulamento de montes, a Xefatura do Servicio de Montes e Industrias Forestais elevará informe-proposta á Dirección Xeral de Montes e M.A.N. que resolverá sobre a aprobación do proxecto de ordenación ou plan técnico de montes arborizados, e tramitará a correspondente proposta de pagamento da axuda ante o conselleiro de Medio Ambiente, que resolverá.

De acordo co artigo 37 da Lei 7/1999, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2000, poderanse realizar excepcionalmente, por resolución motivada da consellería, anticipos de ata o 50% da subvención concedida e pagamentos parciais de ata o 80% da subvención concedida. Para os anticipos será necesario xustifica-la necesidade de efectuar pagamentos inmediatos Para os pagamentos parciais deberá xuntarse a factura correspondente e xustificación do pagamento da dita factura.

Os pagamentos parciais e anticipos garantiranse mediante aval bancario ou de entidade aseguradora suficiente, que se depositará por tempo indefinido á disposición da Consellería de Medio Ambiente na Tesourería Xeral da Xunta de Galicia. O referido aval garantirá a cantidade anticipada máis os xuros, calculados ó xuro xeral do diñeiro para o ano que corre (4,25%) e por un prazo que medie entre a data de solicitude do anticipo o do pagamento parcial e o último día en que a subvención deba ser xustificada.

O correspondente certificado de depósito de aval bancario devolveráselle ó interesado unha vez que se comprobe a realización material do obxecto da subvención, así como as restantes condicións da subvención.

Para os pagamentos parciais e anticipos deberá presentarse, ademais, a documentación indicada nos puntos 3, 4, e 5 deste artigo.

Artigo 10º.-Alteración de condicións.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, para a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 11º.-Reintegros.

Procederase ó reintegro, total ou parcial, da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obrigación de xustificar.

b) Obtención da subvención sen reuni-los requisitos esixidos para a súa concesión.

c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ás entidades colaboradoras e ós beneficiarios con motivo da concesión da subvención ou axuda pública.

Igualmente, procederase ó reintegro do exceso percibido nos supostos previstos no punto 8 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, sobre o custo da actividade desenvolvida.

As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ó 23 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 12º.-Infraccións e sancións.

En materia de infraccións e sancións será de aplicación o disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificado polo artigo 7 da Lei 8/1999, do 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 13º.-Incompatibilidades.

As axudas concedidas nesta orde son incompatibles con outras subvencións de calquera Administración pública para a elaboración de proxectos de ordenación ou plans técnicos de montes arborizados.

Artigo 14º.-Financiamento.

As accións previstas nesta orde financiaranse no exercicio do ano 2000, con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.731A-770.0 por un importe de 112.800.000 pesetas, que poderá ser ampliado con fondos procedentes da Comunidade Autónoma, do Estado ou comunitarios.

Artigo 15º.-Obrigas.

O beneficiario da axuda está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 16º.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional

Única.-Facúltase o director xeral de Montes e Medio Ambiente Natural para dictar tódalas disposicións complementarias co obxecto de desenvolver esta orde.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2000.

José Carlos del Álamo Jiménez

Conselleiro de Medio Ambiente