Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 128 Luns, 03 de xullo de 2000 Páx. 10.340

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

DECRETO 171/2000, do 29 de xuño, polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas obras de construcción da Cidade da Cultura de Galicia, tramitándose polo procedemento de urxencia.

O Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 29 de xullo de 1999 aprobou de forma definitiva o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal para a realización das obras da Cidade da Cultura de Galicia.

Con data do 7 de marzo de 2000 procedeuse ó trámite de información pública da relación de propietarios, dereitos e bens que é preciso ocupar para a execución das obras do citado proxecto. Por outro lado, a Fundación Cidade da Cultura de Galicia presentou ante a Administración autonómica un escrito no que solicita que se lle declare como beneficiaria no expediente expropiatorio iniciado pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e

Turismo para a realización das obras da Cidade da Cultura de Galicia, ó se-la fundación a entidade encargada de executar estas obras, tramitándose a expropiación polo procedemento de urxencia establecido no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

A Lei 7/1998, do 30 de decembro, de medidas tributarias, de réxime orzamentario, función pública e xestión, na súa disposición adicional segunda declara de utilidade pública as infraestructuras, dotacións e instalacións dos plans e proxectos sectoriais que o Consello da Xunta de Galicia aprobe conforme o procedemento sinalado na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia. Polo tanto, ó amparo do disposto nesta lei, no suposto presente, concorre unha causa de utilidade pública que lexitima a expropiación de conformidade co previsto no artigo 9 da Lei de expropiación forzosa.

Igualmente, a disposición adicional segunda da Lei 7/1998 establece que a aprobación definitiva dun proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, en atención á importancia e transcendencia da actuacións recollidas en tales proxectos, permite que se acuda ó procedemento de urxencia regulado polo artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Para que tal efecto se produza é tamén necesario que o promotor do proxecto solicitase expresamente a declaración de urxente ocupación e que se formulase a relación detallada dos bens e dereitos afectados pola expropiación. Ámbalas dúas circunstancias producíronse, polo que hai que entender que se integraron tódolos orzamentos legalmente esixibles para que a expropiación se poida tramitar polo procedemento de urxencia.

Por iso, unha vez sometido ó trámite preceptivo de información pública e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía para Galicia e dos artigos 10 e 52 da Lei de expropiación forzosa, en relación co disposto na disposición adicional segunda de Lei 7/1998, do 30 de decembro, por proposta do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintenove de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a utilidade pública e a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios e que se concretan no expediente administrativo instruído, para efectos de expropiación no proxecto Cidade da Cultura de Galicia.

Santiago de Compostela, vintenove de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo