Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Xoves, 29 de xuño de 2000 Páx. 10.230

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 31 de maio de 2000, da Dirección Xeral de Industria, pola que se autoriza a instalación dunha planta de coxeración de enerxía eléctrica á empresa Isocold, S.A., no concello de Mos (Pontevedra), e se inclúe no réxime especial de producción de enerxía eléctrica. (Expediente 7/2000 A.T.).

Examinado o expediente instruído por instancia da empresa Isocold, S.A., con enderezo para efectos de notificacións na estrada O Porriño-Redondela, km 5, 36415 Mos (Pontevedra), resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro.-Con data do 9 de febreiro de 2000, a referida empresa solicitou a autorización administrativa e o recoñecemento da condición de instalación acollida no réxime especial de producción de enerxía eléctrica establecido polo Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, sobre producción de enerxía eléctrica por instalacións abastecidas por recursos ou fontes de enerxía renovables, residuos e coxeración, actualmente vixente, da súa planta de coxeración.

Segundo.-As características básicas da planta de coxeración serán as seguintes:

-Un motor de combustión interna alimentado a gas natural de 1.150 kW de potencia.

-Un xerador síncrono trifásico de 1.437,5 kVA, tensión de xeración 400 V e factor de potencia 0,8.

-Un transformador trifásico de 2.000 kVA e relación de transformación 0,4/20 kV.

-Instalacións de medida regulación, control e protección.

Terceiro.-De conformidade co establecido no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na

disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra dictou resolución do 10 de febreiro de 2000 pola que se someteu a información pública a autorización administrativa da instalación de referencia, que se publicou no DOG do 13 de marzo e no BOP de Pontevedra do 22 de marzo de 2000, sen que se presentase no período legalmente establecido para iso ningunha alegación.

Cuarto.-O proxecto conta con informe favorable da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra e cumpre coas esixencias regulamentarias fixadas no Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, sobre autorización de instalacións eléctricas e coas demais que lle son de aplicación.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A Dirección Xeral de Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro e no Decreto 99/1998, do 26 de marzo, modificado polo Decreto 181/1999, do 17 de xuño, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería de Industria e Comercio, en relación co Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, e o Real decreto 2818/1998, do 23 de decembro, xa citados.

Segundo.-O proxecto, visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, foi redactado conforme o esixido polos artigos 8 e 12 do Decreto 2617/1966, do 20 de outubro, de aplicación ó presente expediente en virtude do establecido na disposición transitoria primeira da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e coas demais disposicións que lle son de aplicación.

Terceiro.-No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

Esta dirección xeral, de acordo con todo o que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas,

RESOLVE:

-Autoriza-la instalación da planta de coxeración á empresa Isocold, S.A., sita nas súas instalacións de Mos, na provincia de Pontevedra.

-Recoñece-la planta de coxeración autorizada a condición de instalación acollida ó réxime especial do R.D. 2818/1998, e incluída no grupo a.1 do artigo 2 do dito real decreto.

Calquera modificación das instalacións autorizadas requirirá unha nova solicitude de autorización administrativa, de acordo co indicado no artigo 17.4º do Real decreto 1775/1967, do 22 de xullo, que fixa o réxime de instalación, ampliación e traslado das industrias en xeral.

O promotor presentará ante a Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, no prazo dun ano contado a partir da data de publicación no DOG da presente resolución, o proxecto de execución da planta de coxeración autorizada, o cal conterá os datos e condicións técnicas para a realización das instalacións de conexión da central á rede, que serán facilitados pola empresa que distribúa enerxía eléctrica na zona, así como o punto de interconexión.

Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial, o promotor deberá inscribila no Rexistro de Instalacións de Producción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola orde da Consellería de Industria e Comercio de 5 de xuño de 1995 (DOG del 14 de julio), no prazo de dous anos desde a publicación da presente resolución, para o que acreditará o cumprimento das condicións previstas no artigo 12 do R.D. 2818/1998, presentando a documentación que figure nas instruccións que dicte esta dirección xeral no desenvolvemento da dita orde.

Así mesmo, a instalación interconectarase co sistema centralizado que para o réxime especial estableza, se é o caso, a Dirección Xeral de Industria.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, no prazo dun mes a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 31 de maio de 2000.

Ramón Ordás Badía

Director xeral de Industria