Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 28 de xuño de 2000 Páx. 10.065

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 156/2000, do 22 de xuño, polo que se declara a utilidade pública da execución das obras do proxecto de acondicionamento dunha praza na zona portuaria do porto de Sanxenxo e se acorda a afectación dos bens e dereitos necesarios para tal fin.

Por Decreto 372/1994, do 2 de decembro, declarouse a utilidade pública e urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola obra de clave PO-11-10-94, de adecuación da fábrica de salga do porto de Sanxenxo para instalacións de servicios portuarios.

Como consecuencia do proxecto de construcción e explotación do novo porto deportivo de Sanxenxo produciuse unha considerable ampliación dos límites do porto, o que esixe unha reordenación do seu espacio. Para tales efectos aprobouse o proxecto de acondicionamento dunha praza na zona portuaria do porto de Sanxenxo, que afecta os bens e dereitos xa expropiados para a obra antes referida, polo que, con data do 18 de maio de 2000, o presidente do ente público Portos de Galicia propón a modificación do destino de tales bens.

Debe significarse que o novo destino dos bens é estrictamente portuario, tendo por finalidade, mediante o acondicionamento proxectado, facilitar unha solución de continuidade entre o espacio portuario e a vila, repercutindo na mellor ordenación e explotación das actividades portuarias; e que a teor do disposto nos artigos 21 e 22 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, de portos do Estado e a mariña mercante, a aprobación dos proxectos leva implícita

a declaración de utilidade pública para os fins de expropiación forzosa.

En virtude do exposto e en aplicación do artigo 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia e do artigo 10 da Lei de expropiación forzosa, en relación co previsto no artigo 22 da Lei 27/1992, do 24 de novembro, modificada pola Lei 62/1997, do 26 de decembro, de portos do Estado e da mariña mercante, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintedous de xuño de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declara-la utilidade pública da execución das obras do proxecto de acondicionamento dunha praza na zona portuaria do porto de Sanxenxo; e acorda-la afectación para tal fin dos bens e dereitos que foron expropiados en virtude do Decreto 372/1994, do 2 de decembro.

Santiago de Compostela, vintedous de xuño de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda