Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 20 de xuño de 2000 Páx. 9.583

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2000, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo do comercio téxtil de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo do comercio téxtil de Ourense (código convenio nº 3200145), con entrada nesta delegación provincial o día 5-4-2000, subscrito pola parte económica pola Asociación Empresarial do Comercio Téxtil de Ourense, e, da parte social, as centrais sindicais; CC.OO., UGT e CIG o día 6-4-2000 e, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre trespaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo,

Esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, existente nesta delegación provincial, e notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 4 de maio de 2000.

José Lage Lage

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio téxtil 2000

Artigo 1º.Ámbito de aplicación.

O presente convenio afecta a tódalas empresas dedicadas ó comercio téxtil con centro de traballo na provincia de Ourense, aínda cando a súa sede social tivese o seu domicilio noutra distinta; a súa aplicación serve igualmente para as empresas que se instalen na provincia durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 2º.- Ámbito persoal.

Este convenio afecta a tódalas empresas dedicadas ó comercio téxtil e a tódolos traballadores incluídos no seu ámbito de aplicación territorial, salvo os que exerzan funcións de alto consello ou alta dirección.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

As disposicións do presente convenio comprenderán todo o territorio da cidade de Ourense e a súa provincia.

Artigo 4º.-Vixencia, duración e denuncia.

O presente convenio terá unha duración dun ano, desde o 1 de xaneiro de 2000 ó 31 de decembro de 2000, sendo de aplicación na súa totalidade ata se asinar outro que o substitúa.

O convenio prorrogarase de ano en ano mentres calquera das partes non o denuncie cunha anticipación de polo menos tres meses ó termo en que expire a prórroga en curso.

A forma de denuncia será mediante comunicación escrita á outra parte instando a negociación, na que se fará conta-la representación que desempeñe así como o ámbito de aplicación do convenio e modificacións que se propoña negociar.

Artigo 5º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar del no centro de traballo para coñecemento do persoal. Así mesmo, as empresas colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social co fin de que tódolos traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 6º.-Soldo do convenio.

Os salarios das distintas categorías profesionais do persoal do presente convenio son os que se detallan na táboa salarial que figura como anexo, respectándoselle a todo o persoal con contrato de traballo ou sen el unha vez cumpridos 18 anos.

Artigo 7º.-Gratificacións extraordianarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, pagadoira entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade, que será estimado, se é o caso, sobre o salario actualizado á data en que sexa pagado, e mesmo cos beneficios para aqueles que regulamentariamente ou por pacto o teñan recoñecido de tal xeito que o importe delas será igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 8º.-Premio de antigüidade.

Os aumentos periódicos por anos de servicio serán cuadrienios na contía do 6% do salario base correspondente á catagoría en que estea clasificado o traballador e que figure neste convenio.

A acumulación dos incrementos por antigüidade non poderá, en ningún caso, supor máis do 10% ós 5 anos, do 25% ós 15 anos, do 40% ós 20 anos e do 60% como máximo ós 25 anos ou máis.

Artigo 9º.-Xornada laboral.

A xornada laboral para o 2000 será de 1.804 horas en cómputo anual ou 40 horas semanais, que normalmente se distribuirán de luns a sábado, terminando a xornada ás 13.30 horas do sábado, para este ano exclusivamente.

Non obstante, os empresarios e traballadores afectados por este convenio poderán modifica-la distribución do horario laboral seguindo o establecido no artigo 41 do texto refundido do Estatuto dos traballadores, R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Os traballadores afectados polo presente convenio terán dereito a dous días aboables e non recuperables como consecuencia da aplicación do calendario laboral, días que se fixarán de común acordo entre empresa e traballadores. Na falta de acordo os traballadores terán dereito a desfruta-los días 9 e 23 de novembro.

Fíxanse como días de traballo como consecuencia das festas de Nadal e de acordo coa tradición que se vén facendo os seguintes sábados pola tarde do mes de decembro: 16, 23 e 30, e 13 e 20 de xaneiro de 2001.

Os traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas ou á súa compensación económica se así o acordan entre empresa e traballadores.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha gran superficie como é Continente, ámbalas partes manifestan que, no caso de que esta inflúa no comercio téxtil de Ourense, se reunirá a comisión paritaria do convenio para analiza-la situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Artigo 10º.-Dereitos adquiridos.

Respectaranse os dereitos adquiridos así como as cantidades superiores pactadas a título persoal que teñan establecidas as empresas á entrada en vigor deste convenio.

Artigo 11º.-Compensación e absorción.

As melloras do presente convenio serán compensadas e absorbidas ata onde alcance no cómputo anual que aqueloutras que se puidesen establecer por disposición legal que estivesen establecidas pola empresa, salvo que expresamente se pacte o contrario.

Artigo 12º.-Premio por compensación da antigüidade.

Aqueles traballadores que leven polo menos 10 anos de traballo na empresa e causen baixa nela de forma voluntaria a partir dos 64 anos, terán dereito a desfrutar dun mes de vacacións retribuídas.

O desfrute destas vacacións retribuídas farase efectivo coa correspondente anticipación ó cesamento efectivo na empresa, e o traballador deberá comunicarlle a esta de forma que faga fe a súa decisión de cesar voluntariamente.

A empresa entregaralle un certificado da concesión do mencionado premio de vacacións acreditativo da solicitude por parte do traballador.

Artigo 13º.-Dereitos e garantías sindicais.

A) As empresas deben cumpri-la Lei 1/1995, do 24 de marzo, e os acordos nacionais asinados entre ámbalas partes sobre esta materia de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán mancomunadamente ante o empresario a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións de traballo e do persoal que representan, formulando reclamacións ante a autoridade laboral, entidades xestoras da Seguridade Social, segundo proceda, sobre o cumprimento das relativas á seguridade e hixiene no traballo e Seguridade Social. Os comités de empresa recibirán información, que lles será facilitada trimestralmente, polo menos, sobre a situación de producción e vendas da empresa, sobre a súa programación de producción e evolución probable do emprego na empresa, coñece-lo balance de resultados, a memoria e, en caso de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos que se lles dean a coñecer ós socios e nas mesmas

condicións que a estes. Emitir informe con carácter previo sobre reestructuración de cadros de persoal e cadros bancarios.

B) En tódolos contratos, modificacións e prórrogas deles poderase incluír, xunto coa sinatura do empresario e traballador, a dun representante sindical dos traballadores, entendéndose por estes os membros das seccións sindicais, comité de empresa e delegados de persoal.

C) A dirección da empresa no prazo dunha semana entregaralles copia do contrato ou documento que o modifique ós representantes sindicais dos traballadores.

D) Cláusula sobre liquidacións. Tódolos recibos de liquidación deberán especificar con claridade, xunto cos demais conceptos que se lle deban ó traballador, os correspondentes atrasos de convenio e os derivados da aplicación das cláusulas de revisión.

E) As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan, poderanse formalizar contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral de estabilidade e garantindo en todo caso a estricta causalidade da contratación. Para isto a empresa notificaralles ós representantes dos traballadores para determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso e calquera das modalidades de contratación temporal.

Artigo 14º.-Calendario laboral.

Tódalas empresas afectadas polo presente convenio están obrigadas a confeccionar un calendario laboral nos tres primeiros meses do ano.

Artigo 15º.-Vacacións.

As vacacións serán de 30 días naturais para todo o persoal afectado polo presente convenio. Fixaranse de común acordo entre a empresa e os representantes dos traballadores, que poderán convir na división do período en dous para facilita-la realización de quendas rotativas conforme as necesidades dos traballadores e da empresa.

Artigo 16º.-Fomento da contratación.

De conformidade co establecido no artigo 15.1º.b) do Estatuto dos traballadores, co obxectivo dunha menor precarización do emprego que se deriva do actual ciclo económico, o contrato por circunstancias do mercado a que se refire o dito artigo poderase formalizar cunha duración mínima de seis meses e un máximo de trece meses e medio nun período de dezaoito meses. O seu réxime xurídico será equivalente ó do contrato por tempo indefinido en cando ó desfrute de beneficios salariais, complementos, etc.

O presente contrato sométese a un réxime específico de extinción con esixencia de aviso previo escrito con polo menos 15 días de anticipación e cunha indemnización de 12 días por ano traballado, entendéndose que a dita indemnización corresponde por finalización das prórrogas xa que, en caso de producirse a extinción por causa non imputable ó traballador, este terá dereito a percibi-la indemnización que legalmente corresponda por despedimento.

No suposto de non se produci-la extinción á terminación do tempo máximo de duración dos tres anos, se o traballador seguise prestando os seus servicios á empresa, o contrato transformarase en indefinido.

O presente contrato só se poderá formalizar a xornada completa.

As partes asinantes deste convenio compremétense a recomendarlles ós seus afiliados a utilización deste tipo de contrato, sempre que resulte aplicable, en lugar doutras modalidades de contratación temporal actualmente en vigor.

Artigo 17º.-Contratos formativos.

Os contratos para a formación regulados polo Real decreto 488/1998, formalizaranse con traballadores maiores de 16 anos e menores de 21 anos, e terán una duración máxima de tres anos e mínima de seis meses, de conformidade co estipulado no artigo 19 do mencionado Real decreto 488/1998. No non previsto neste convenio en relación con estes contratos, aplicarase o sinalado no mencionado real decreto.

A retribución será a seguinte:

No primeiro ano, o traballador percibirá o 75% do salario da categoría do sector.

No segundo ano, o 85% da categoría do sector.

No terceiro ano, o 95% da categoría do sector.

Artigo 18º.-Contratos en prácticas.

Os contratos en prácticas regularanse polo preceptuado no Real decreto 488/1998, aínda que a retribución dos traballadores contratados non poderá ser inferior ó 70% do salario do convenio para a categoría profesional na que vaia realiza-las prácticas, para o primeiro ano, e o 80 % do salario do convenio para a súa categoría profesional para o segundo ano. No non previsto neste convenio aplicarase o sinalado no mencionado Real decreto 488/1998.

Artigo 19º.-Modifícase o parágrafo quinto do número un do artigo 40 do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, R.D. lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, o cal terá a seguinte redacción:

«O traballador que, sen ter optado pola extinción do contrato, se mostre desconforme coa decisión empresarial, poderaa impugnar ante a xurisdicción competente. No dito caso o traslado non se levará a cabo ata a resolución xudicial firme sobre el.

A sentencia declarará xustificado ou inxustificado o traslado. En caso de ser xustificado o dito traslado, o traballador incorporarase ó seu novo centro de traballo no prazo máximo de 10 días naturais contados desde a notificación da sentencia».

En todo o demais mantense integramente o texto do artigo 40 do mencionado texto refundido.

Artigo 20º.-Horas extraordinarias.

Queda prohibida a realización de horas extraordinarias que non teñan carácter estructural.

Terán carácter estructural as que viñesen esixidas pola necesidade de reparar sinistros ou outros danos que poñan en perigo as instalacións e/ou materias primas almacenadas, as derivadas de avarías que requiran a reparación inmediata, así como as debidas a cambios de temporada, exposicións e reorganización de almacén.

O resto das horas extraordinarias só terán a consideración de estructurais cando exista acordo expreso cos representantes sindicais. Cando se constate que o número de horas extraordinarias supera a cantidade de 40 horas semanais nunha mesma sección ou servicio da empresa, procederá a contratación do número de traballadores preciso para substituí-la realización das ditas horas extraordinarias.

En todo caso, as horas extraordinarias serán compensadas con tempo de descanso a razón de 1.75 horas por hora extraordinaria realizada. O dito tempo de descanso desfrutarase de común acordo entre a empresa e os traballadores afectados e unicamente serán remuneradas cando o traballador así o solicite.

A realización de horas extraordinarias rexistrarase día a día e totalizarase semanalmente, entregándolle unha copia do resumo mensual ó traballador e outra ós representantes sindicais dos traballadores.

Artigo 21º.-Baixa por IT.

En caso de baixa por accidente de traballo percibirase o cento por cento do salario correspondente ó traballador en baixa a partir do primeiro día de baixa. No que respecta á enfermidade común ou profesional, o persoal en situación de IT percibirá con cargo á empresa, polo período dun ano como máximo, o salario que lle corresponda polo presente convenio incrementado cos aumentos por anos de servicio.

Artigo 22º.-Igualdade no traballo.

Respectarase o principio de igualdade no traballo para tódolos efectos e non se admitirán discriminacións por razóns de idade, sexo, ideoloxía, raza ou minusvalidez, etc. Así mesmo, as empresas garantirán o percibo de igual salario en igual función.

Artigo 23º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual verbais, graves ou leves en función da repercusión do feito (*). Nos supostos que se leven a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, xunta de persoal, sección sindical ou representantes dos traballadores/as e a dirección de persoal da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a procurando silencia-la súa identidade cando así fose requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente, poderá seguirse a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988.

Artigo 24º.-Protección á maternidade.

No caso de maternidade, a empresa deberá concede-los permisos de 16 semanas ininterrompidas ampliables por parto múltiple ata 18 semanas. O período de suspensión distribuirase a opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ó parto, podendo facer uso destas o pai para o coidado do fillo no caso de falecemento da nai.

Non obstante, no caso de que a nai ou o pai traballen, aquela, ó iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar por que o pai goce de ata catro das últimas semanas de suspensión, sempre que sexan ininterrompidas e ó final do citado período, excepto que no momento da súa efectividade a incorporación ó traballo da nai supoña risco para a saúde.

No suposto de adopción, se o fillo adoptado é menor de nove meses, a suspensión terá unha duración máxima de oito semanas contadas a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. Se o fillo é menor de 5 anos e maior de nove meses,

a suspensión terá unha duración máxima de 6 semanas.

No caso de que o pai e a nai traballen, só un deles poderá exercer ese dereito.

No non previsto neste convenio aplicarase o sinalado na Lei 39/1999, do 5 de novembro, para promove-la conciliación da vida laboral e familiar.

Artigo 25º.-Cláusula de desvinculación.

As empresas afectada por este convenio colectivo só poderán non aplica-lo réxime salarial no pactado por acordo maioritario da comisión paritaria do convenio e referendo da maioría da totalidade do cadro de traballadores da empresa ós que lles é de aplicación o convenio mediante asemblea legalmente constituída. Ademais a desvinculación do réxime salarial deberá servir para superar unha situación de crise económica da empresa provocada por perdas nos últimos dous exercicios contables.

A empresa afectada deberá solicitar da comisión paritaria a aplicación desta cláusula por escrito, no que consten os datos da empresa, a reducción salarial proposta e a duración da desvinculación. Así mesmo, deberá presenta-la documentación que lles sexa solicitada pola comisión paritaria para a resolución da petición, a cal se deberá producir no prazo dun mes.

No caso de considerar fundada a solicitude, a comisión paritaria establecerá o nivel retributivo que se aplicará na empresa afectada, que en ningún caso afectará a estructura establecida para o salario do convenio.

En todo caso, o beneficio da non aplicación só se estende ata a finalización do período de vixencia establecido para o nivel retributivo vixente no momento da solicitude. Terminado este, a empresa deberá recupera-lo nivel establecido no convenio seguinte.

Os acordos da comisión paritaria e da asemblea de traballadores/as reflectiranse en actas que se rexistrarán no SMAC.

Artigo 26º.-Inasistencias retribuídas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración, por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

A) Quince días naturais no caso de matrimonio.

B) Dous días nos casos de nacemento de fillo ou enfermidade grave ou falecemento de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando con tal motivo o traballador necesite facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días. Igualmente, o traballador terá dereito a dous días no caso de hospitalización de fillos e parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Cando por tal motivo o traballador deba facer un desprazamento para o efecto, o prazo será de catro días.

C) Un día por traslado de domicilio habitual.

D) Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber público e persoal, comprendido o exercicio do sufraxio activo. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, aplicarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á compensación económica.

Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborables nun período de tres meses, a empresa poderá pasa-lo traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto 1 do artigo 46 desta lei.

No suposto de que o traballador, polo cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario ó que tivese dereito na empresa.

E) Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

F) Polo tempo indispensable para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ó parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo.

G) As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser desfrutado indistintamente pola nai ou polo pai no caso de que ambos traballen.

H) Quen por razón de garda legal teña ó seu coidado directo algún menor de seis anos ou un diminuído físico ou psíquico que non desempeñe outra actividade retribuída, terá dereito a unha reducción da xornada de traballo coa diminución proporcional do salario entre, polo menos, un tercio e un máximo da metade da duración daquela.

Disposicións adicionais

Primeira.-En todo o non previsto por este convenio aplicarase o disposto na ordenanza laboral para o comercio en xeral mentres ámbalas partes non acorden a súa substitución por convenio en caso de que aquela fose derrogada, así como as demais disposicións legais vixentes.

Segunda.-As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios del Comercio Textil de Ourense e as centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, todo isto de conformidade co previsto na Lei 1/1995, que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Terceira.-Establécese unha comisión paritaria para a interpretación e vixilancia do presente convenio e conforme a representación que desempeñen as ditas partes. A dita comisión paritaria estará composta por membros da patronal e sindicatos sinalados na disposición adicional segunda.

Cuarta.-Ámbalas partes fan constar que a táboa salarial que figura como anexo ó presente convenio supón un incremento con respecto á táboa do convenio anterior dun 3,5%.

Quinta.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución dos conflictos laborais a elaboración do Acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos (AGA) asinado pola Confederación de Empresarios de Galicia e as centrais sindicais Comisións Obreiras, Unión Xeral de Traballadores e Converxencia Intersindical Galega, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formulados.

Sexta.-As partes asinantes do presente convenio sinalan que debido á tradición que sempre tivo o día 19 de marzo como día do pai e San Xosé, e como queira que desde hai varios anos non é festivo, acordan que para 2000 se sinale como un dos días libres sinalados no convenio como consecuencia do axuste da xornada laboral, sempre e cando así se recoñeza e se leve a efecto nos demais convenios, para o cal se tomará o correspondente acordo na comisión paritaria do convenio, analizándose a dita situación na negociación do convenio de 2000.

Disposición derradeira

Ámbalas partes asinantes do presente convenio acordan mante-las reunións e contactos que fosen necesarios para a elaboración e estudio da situación real do sector do comercio téxtil que poida permiti-la redacción e sinatura dun convenio de carácter xeral do comercio da provincia de Ourense se a condicións obxectivas o aconsellasen.

Este convenio asínano a Asociación Empresarial del Comercio Textil de Ourense e os sindicatos CC.OO., UGT e CIG.

ANEXO I

Táboa salarial

Xefe de compras e encargado xeral120.775 ptas.

Xefe de sucursal e xefe administrativo107.966 ptas.

Xefe de sección mercantil107.966 ptas.

Encargado de establecemento103.770 ptas.

Viaxante107.966 ptas.

Corredor de praza103.770 ptas.

Dependente103.062 ptas.

Dependente maior113.361 ptas.

Axudante90.176 ptas.

Aprendiz56.730 ptas.

Xefe administrativo120.824 ptas.

Xefe de sección administrativo110.163 ptas.

Contable caixeiro108.737 ptas.

Oficial administrativo103.061 ptas.

Auxiliar administrativo92.753 ptas.

Auxiliar de caixa103.061 ptas.

Escaparatista113.354 ptas.

Axudante de montaxe92.753 ptas.

Persoal de oficio92.753 ptas.

Mozo especializado92.753 ptas.

Mozo92.753 ptas.

Telefonista92.753 ptas.

Empaquetadora92.753 ptas.

Costureira92.753 ptas.

Operador técnico103.061 ptas.

Persoal de limpeza646 ptas.