Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Martes, 13 de xuño de 2000 Páx. 9.033

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 144/2000, do 19 de maio, polo que se modifican os estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo.

A designación da cidade de Santiago de Compostela como Capital Europea da Cultura do ano 2000 supuxo, ademais dunha enorme satisfacción para Galicia, un desafío para a Comunidade Autónoma que, con este motivo, deseñou e desenvolveu estratexias e programas que achegasen a todo o territorio galego a repercusión deste acontecemento cultural.

Por outra parte, o éxito acadado na promoción dos diferentes anos santos composteláns pola Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo aconsellan aproveitar durante este ano 2000 a experiencia e os medios materiais e humanos de que dispón a devandita sociedade pública; para iso é preciso modifica-los estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo, no sentido de amplia-lo seu obxecto social, dando cobertura ás actuacións relacionadas coa Capitalidade Cultural do 2000.

Por todo o anterior e de conformidade co disposto nos artigos 47 e seguintes da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma e no artigo 111 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve, e por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo único.-O artigo 2 dos estatutos da Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo aprobados polo Decreto 377/1991, do 19 de setembro, queda redactado nos seguintes termos:

Artigo 2º.-Obxecto.

1. Constitúe o obxecto da sociedade o deseño, programación, coordinación e, se é o caso, a realización, entre outras, das seguintes actividades relacionadas co Xacobeo que se executarán, de se-lo caso, en coordinación coas administracións públicas competentes: a conservación, rehabilitación e recuperación do Camiño; a colocación de sinais de identificación; a elaboración dos principios xurídicos para a súa protección que, para a súa aprobación, serán elevados ás administracións competentes; a construcción das áreas de descanso nos puntos de interese paisaxístico e monumental, a dotación do Museo das Peregrinacións; simposios, congresos, xornadas e ciclos; exposicións itinerantes, a organización dos premios xacobeos; representacións teatrais; concertos musicais, exposicións de artes plásticas; a elaboración de unidades didácticas; a promoción da

artesanía e o deseño relacionados co Camiño de Santiago; competicións deportivas de calidade; centro servidor de datos de Galicia; rede de albergues, a rehabilitación da Casa do Deán; as actuacións no Monte do Gozo; os convenios con concellos e institucións relixiosas; a promoción de aloxamentos relacionados co Camiño; paisaxe urbana (fachadas de edificios, ventás, teitos, balcóns, prazas, rúas, beirarrúas e similares); a promoción do Xacobeo e da Capitalidade Cultural da cidade de Santiago de Compostela do ano 2000, incluídas actividades de animación; a producción cinematográfica e audiovisual; patrocinios e a xestión dos signos visuais.

2. As actividades integrantes do obxecto social poderán ser realizadas pola sociedade xa directamente, xa indirectamente, mediante a titularidade de accións e participacións de sociedades de obxecto idéntico ou análogo, ou mediante calquera outra forma admitida en dereito.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda