Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Luns, 05 de xuño de 2000 Páx. 8.614

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2000 pola que se abre o prazo de presentación de solicitudes para a elaboración das listas reguladas polo Decreto 89/1997, do 10 de abril, correspondentes ó corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, grupo B, escala técnica de finanzas.

Bases

Primeira.-Obxecto.

O obxecto da presente convocatoria é a elaboración de listas con aquelas persoas interesadas na cobertura, con carácter temporal, mediante o nomeamento

de persoal interino, de postos de traballo do corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, grupo B, escala técnica de finanzas, nos que a súa cobertura se considere de urxente necesidade, mentres non sexan ocupadas polos correspondentes funcionarios, de conformidade coa normativa de aplicación.

Segunda.-Listas.

Polo que se refire ó ámbito territorial, elaborarase unha lista para servicios centrais e outra para cada provincia da Comunidade Autónoma.

En canto ós puntos ós que se refire o artigo 12 do Decreto 89/1997, do 10 de abril (DOG nº 79, do 25 de abril), a lista na que se incluirán os solicitantes será a seguinte:

-Lista B.

A lista que se confeccione será para o corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, grupo B, escala técnica de finanzas.

Incluiranse nesta lista os solicitantes que reúnan as condicións para poder inscribirse e a orde de prelación dos solicitantes virá dada pola puntuación obtida de acordo co baremo ó que se refire o artigo 12.B) do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

Cada interesado poderá presentar solicitudes nos ámbitos territoriais que desexe. Unha vez chamados para prestar servicios nun dos ámbitos elixidos e logo de aceptación do posto de traballo, serán excluídos dos demais ámbitos territoriais en que figuren, sen prexuízo do disposto no artigo 8 do Decreto 89/1997, do 10 de abril.

De conformidade co disposto no artigo 4.3º do Decreto 89/1997, do 10 de abril, a comisión permanente de valoración poderá fixar un número máximo de compoñentes das listas cando, polo número de instancias presentadas e o número de vacantes que se prevexan que poidan producirse, aquel pareza suficiente.

Terceira.-Solicitudes.

3.1. As solicitudes que presenten os interesados para a súa inclusión na correspondente lista dirixiranse ó director xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública e axustaranse ó modelo que se publica como anexo I desta convocatoria.

3.2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 20 días contados desde o día seguinte ó da publicación da presente convocatoria no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar no rexistro xeral da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nas súas delegacións provinciais, oficinas comarcais da Xunta de Galicia, así como nos lugares previstos no artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. Todos aqueles solicitantes que foron admitidos no último proceso selectivo correspondente ó corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, grupo B, escala técnica de finanzas, estarán exentos do pagamento da taxa por dereitos de inscrición, así como os que posúan unha discapacidade igual ou superior ó 33%, circunstancia que deberá ser acreditada documentalmente xunto coa instancia.

Os solicitantes que non participaron no proceso selectivo citado, así como os discapacitados ós que non se refire o parágrafo anterior estarán obrigados, no prazo de dez días a partir da publicación das listas, ó pagamento das taxas que a continuación se expresan:

-Corpo de xestión de administración da Xunta de Galicia, grupo B, escala técnica de finanzas: 6.580 ptas.

Os que así non o fixeran no prazo indicado serán excluídos automaticamente das listas.

Para facer efectivo o ingreso da taxa deberá cubrirse o anexo III. Os modelos correspondentes a este anexo facilitaranse nas dependencias da Administración da Xunta de Galicia especificadas na base 3.1., debendo cubrirse cos códigos que figuran nel. Non obstante para o cumprimento deste requisito poderase utilizar unha fotocopia do anexo III, que se publica con esta convocatoria.

Cuarta.-Requisitos.

Os solicitantes deberán reuni-lo seguinte requisito: enxeñeiro técnico, arquitecto técnico, diplomado universitario ou equivalente. O citado requisito deberá posuírse o último día do prazo para a presentación de solicitudes.

Así mesmo terán que acreditar no momento en que acepten o posto de traballo que se lles oferte:

-Ser español.

-Ter cumpridos os 18 anos.

-Non padecer enfermidade nin estar afectado por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

-Non estar separado do servicio de ningunha Administración pública en virtude de expediente disciplinario nin inhabilitado por sentencia firme para o exercicio de funcións públicas.

No suposto de que non acrediten estes requisitos, os solicitantes decaerán en tódolos seus dereitos e quedarán excluídos da lista.

Quinta.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do DNI e copia cotexada do título académico requirido nesta convocatoria e, de se-lo caso, copia cotexada da cualificación da minusvalidez, para os efectos da exención prevista na base 3.3.

No suposto de titulacións obtidas no estranxeiro deberase xuntar copia cotexada do documento que acredite fidedignamente a súa homologación.

Os méritos que invoquen os interesados e que, de acordo co baremo previsto no artigo 12 do Decreto 89/1997, desexen que se lles teñan en conta, así como o cumprimento dos requisitos esixidos para o corpo, escala que se solicita, acreditaranse debidamente mediante documentos orixinais ou fotocopias destes que se presentarán cotexados fidedignamente, debendo numerarse de acordo co modelo do anexo II, significándose que non se valorarán aqueles méritos que a comisión considere que non estiveran suficientemente acreditados.

Os méritos a que se refire o punto B.3) do artigo 12 do referido decreto, servicios prestados noutras administracións públicas no mesmo corpo e escala, acreditaranse mediante certificación xustificativa que deberán emiti-los órganos de xestión de persoal competentes.

No suposto de alegar méritos polo punto B.1 (ter superado algún dos exercicios do último proceso selectivo), non será necesario que o interesado os xustifique.

Sexta.-Elaboración das listas.

6.1. A comisión permanente de selección para a cobertura temporal de postos de traballo reservados a funcionarios, á que se refire o artigo 5 do Decreto 89/1997 e que ten a categoría primeira das previstas no Decreto 299/1990, do 24 de maio, será a encargada de elabora-las listas correspondentes. Por petición da comisión permanente, e cando o número de aspirantes así o faga aconsellable, poderán nomearse comisións colaboradoras, e a súa función será participar na aplicación do baremo ós méritos alegados polos interesados.

6.2. Unha vez elaboradas as listas, a Dirección Xeral da Función Pública publicará no Diario Oficial de Galicia o anuncio da exposición destas nos taboleiros de anuncios do Servicio de Información e Atención ó Cidadán da Consellería da Presidencia e Administración Pública, nos das súas delegacións provinciais e nas oficinas comarcais da Xunta de Galicia.

6.3. A partir da data de publicación no Diario Oficial de Galicia do anuncio da exposición das listas obxecto desta convocatoria quedarán sen efecto as listas elaboradas anteriormente, con base na resolución da Dirección Xeral da Función Pública, do 28 de xaneiro de 1998 (DOG nº 18, do 11 do febreiro).

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2000.

Joaquín López-Rúa Soler

Director xeral da Función Pública