Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 31 de maio de 2000 Páx. 8.428

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

DECRETO 126/2000, do 19 de maio, polo que se crea o Instituto de Educación Secundaria de Foz, na provincia de Lugo, mediante a transformación do Instituto de Educación Secundaria Vilaxoane e do Instituto de Educación Secundaria O Centiño nun único centro.

Promulgada a Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, e dictado o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño,

modificado e completado polo Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, e o Real decreto 1004/1991, do 14 de xuño, polo que se establecen os requisitos mínimos dos centros que imparten ensinanzas de réxime xeral, procede a creación de institutos de educación secundaria que impartan as novas ensinanzas previstas na citada Lei orgánica de ordenación xeral do sistema educativo.

Co fin de lograr unha maior coordinación das estructuras educativas e un mellor aproveitamento dos recursos persoais e materiais da localidade de Foz onde os estudios de planificación levados a cabo aconsellan a existencia dun único instituto de educación secundaria, mediante a transformación nun único centro dos institutos Vilaxoane e O Centiño, de maneira que no sucesivo as súas instalacións formen unha unidade funcional.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Creáse o Instituto de Educación Secundaria de Foz, mediante a transformación do Instituto de Educación Secundaria Vilaxoane e do Instituto de Educación Secundaria O Centiño nun único centro.

Artigo 2º

Suprímese o Instituto de Educación Secundaria Vilaxoane.

Artigo 3º

Suprímese o Instituto de Educación Secundaria O Centiño.

Artigo 4º

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria adoptará as medidas necesarias para a execución deste decreto, e acordará o pertinente en relación coa integración no Instituto de Educación Secundaria de Foz do persoal dos institutos suprimidos nesa localidade.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O Instituto de Educación Secundaria de Foz poderá acompaña-la súa denominación xenérica coa específica que aprobe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de conformidade co disposto no artigo 3 do Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria.

Segunda.-O claustro de profesores do novo Instituto de Educación Secundaria de Foz constituirase cos correspondentes claustros dos institutos Vilaxoane e o Centiño que viñan funcionando ata a data, e iniciarase o proceso de elección e constitución

do consello escolar do centro e os seus restantes órganos de goberno, de conformidade co establecido no Decreto 92/1988, do 28 de abril, polo que se regulan os órganos de goberno dos centros públicos de ensino non universitario, modificado e completado polo Decreto 324/1996, do 26 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico de institutos de educación secundaria.

Terceira.-Este decreto producirá efectos a partir do día un de xullo do dous mil.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria