Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Sábado, 20 de maio de 2000 Páx. 7.928

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 108/2000, do 19 de maio, polo que se modifican o Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 262/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

O Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia establece no seu artigo 1º.A). 5., como órgano superior da Consellería da Presidencia e a Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

O Decreto 262/1994, do 29 de xullo, establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, fixando no seu punto VI, artigo 13, as funcións correspondentes á Dirección Xeral de Relacións Institucionais, así como as unidades administrativas correspondentes ó desenvolvemento das devanditas funcións.

Como consecuencia do nomeamento do conselleiro sen carteira para Relacións Institucionais, publicado no Diario Oficial de Galicia do día 17 de maio de 2000, resulta necesaria a modificación da estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública no que se refire á Dirección Xeral de Relacións Institucionais, que pasa a denominarse de «Relacións Parlamentarias». As súas competencias estenderanse, así mesmo, ás relacións coas organizacións non gobernamentais, á organización dos procesos electorais e á preparación e coordinación que o presidente puidese precisar nas comparecencias parlamentarias. Deste xeito, quedan suprimidas as súas competencias relativas ás relacións con outras institucións distintas ó Parlamento de Galicia, agás, así mesmo, as ultimamente citadas relacións que lle corresponderán ó novo conselleiro.

Na súa virtude, por proposta do consellerio da Presidencia e Administración Pública, logo do informe da Consellería de Economía e Facenda e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezanove de maio de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 1º, letra A), número 5 do Decreto 351/1997, do 10 de decembro, polo que se fixa a estructura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, que queda redactado da forma seguinte:

«Artigo 1º

A) A Consellería da Presidencia e Administración Pública estructúrase nos seguintes órganos superiores:

5. Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.».

Artigo 2º

Modifícase o epígrafe VI, artigo 13, do Decreto 261/1994, do 29 de xullo, polo que se establece a estructura orgánica da Consellería da Presidencia e Administración Pública, que queda redactado da forma seguinte:

«VI. A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias.

Artigo 13º

13.1. A Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias é o centro directivo que ten encomendado o exercicio das seguintes funcións:

a) Informar e asisti-lo Goberno nas súas relacións co Parlamento.

b) Face-lo seguimento do programa lexislativo e dos acordos parlamentarios.

c) Organizar e coordinar procesos electorais nos que sexa competente a Comunidade Autónoma.

d) Prestarlle apoio ó presidente nas súas intervencións parlamentarias.

e) Tramitar axudas para a cooperación ó desenvolvemento dos países do terceiro mundo.

f) A garda e xestión do Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais da Axuda ó Desenvolvemento dos países do terceiro mundo.

13.2. Para o desenvolvemento das súas funcións, a Dirección Xeral de Relacións Parlamentarias contará coas seguintes unidades administrativas:

13.2.1. Servicio de Seguimento Lexislativo e Acordos Parlamentarios.

13.2.2. Servicio de Estudios e Informes.

13.2.1. O Servicio de Seguimento Lexislativo e Acordos Parlamentarios realizará as funcións e cometidos que se expresan seguidamente:

a) Informar e asisti-lo Goberno nas súas relacións co Parlamento.

b) Face-lo seguimento do programa lexislativo do Goberno.

c) Solicitar das distintas consellerías e órganos da Xunta de Galicia os informes procedentes para a elaboración das respostas ás preguntas escritas, así como se-la canle de comunicación axeitada entre a Xunta de Galicia e o Parlamento verbo da tramitación de proposicións de lei, proposicións non de lei, mocións, interpelacións e calquera outra iniciativa parlamentaria.

d) Face-lo seguimento dos acordos parlamentarios e, en especial, dos que incidan na acción do Goberno.

e) Remitirlle ó Parlamento os informes ou a documentación que por disposición legal teña que realiza-la Xunta de Galicia.

13.2.2. O Servicio de Estudios e Informes levará a cabo as seguintes funcións:

a) Organizar e coordina-los procesos electorais de competencia da Comunidade Autónoma.

b) Realizar labores de apoio ó presidente e, en concreto, solicitar dos distintos departamentos do Goberno, os datos e informes que aquel precise para ás súas intervencións parlamentarias.

c) Leva-lo rexistro dos convenios que outorguen as consellerías, organismos autónomos e entes de dereito público da Administración autonómica.

d) Elaborar estudios sociolóxicos que permitan ter un coñecemento da evolución e principais tendencias da opinión pública galega.

e) Leva-lo Rexistro Galego de Organizacións non Gobernamentais de Axuda ó Desenvolvemento».

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de maio de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública