Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 15 de maio de 2000 Páx. 7.588

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 104/2000, do 27 de abril, polo que se acepta a cesión a título gratuíto á Comunidade Autónoma de Galicia dun terreo, situado no termo municipal de Arteixo (A Coruña), para a construcción de novas unidades de ensino secundario obrigatorio.

O Pleno da Corporación municipal do Concello de Arteixo, reunido en sesión do día 30 de decembro de 1999, acordou ceder á Comunidade Autónoma de Galicia un terreo situado no termo municipal de Arteixo (A Coruña), para a construcción de novas unidades de ensino secundario obrigatorio.

Conforme os artigos 17.1º da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple de bens a título gratuíto ou lucrativo requirirá decreto do Consello da Xunta, por proposta da Consellería de Economía e Facenda. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou

dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles exceda o seu valor intrínseco; se ben non se considera carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, feita nos termos nos que o Concello de Arteixo acordou a cesión logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de abril de dous mil,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase a cesión gratuíta dun predio de 7.960 m de superficie, no termo municipal de Arteixo (A Coruña), no polígono industrial de Sabón con destino á construcción de novas unidades de ensino secundario obrigatorio ESO, en ampliación das actuais existentes, que linda: ó norte, instalacións do instituto de bacharelato; ó sur, cunha franxa de terreo de 3.040 m, onde se pretende instalar unha gardería infantil; ó leste, nunha liña sensiblemente curva, coa Avda. Arsenio Iglesias; e ó oeste, vía municipal da avenida de Caión ó lugar de Figueroa.

O dito predio segregarase do predio matriz inscrito no folio 164 do libro 391 de Arteixo, inscrición 1ª do predio nº 30.011, a favor do Concello de Arteixo.

Artigo 2º

O terreo cedido destinarase á construcción pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de novas unidades de ensino secundario obrigatorio, en ampliación das actuais existentes.

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da cesión no correspondente documento público e á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vintesete de abril de dous mil.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda